Apuntaba Noam Chomsky, nun artigo titulado Ecos de Vietnam na guerra de Afganistan, que «non é de estrañar que as autoridades de EEUU estean preocupadas porque o apoio popular á guerra en Afganistan se erosione aínda máis». O intelectual mencionaba un informe da CIA desvelado por Wikileaks no que se aconsellaba «disimular as mensaxes» para «impedir, ou polo menos conter, unha reacción negativa» por parte da xente, tanto máis canto que foi o «perfil baixo» desa guerra o que permitiu que Alemaña e Francia se mantivesen no terceiro e cuarto posto en número de tropas malia a oposición ao envío das mesmas por un 80% das súas respectivas opinións públicas. «Este informe —proseguía Chomsky— debe lembrarnos que os estados teñen un inimigo interno: a súa propia poboación». E continuaba: «as sociedades democráticas non dependen da forza senón da propaganda, manipulando o consenso mediante unha ilusión necesaria e unha sobresimplificación emocionalmente poderosa».
Un exemplo paradigmático desa «ilusión necesaria» e desa «sobresimplificación emocionalmente poderosa» foi a portada publicada recentemente polo semanario Time baixo o títular Que pasa se marchamos de Afganistán? en que aparecía o retrato dunha muller afgana á que os taliban lle mutilaran o narís posando ao xeito daquel outro clásico retrato de muller afgana que noutrora fora portada da National Geographic. O debate, unha tendenciosa invitación a pensar sobre a conveniencia da guerra naquel país asiático (con chantaxe emocional incluída a conta da pésima situación das mulleres no mesmo) veu provocado pola filtración por parte do analista de intelixencia Bradley Manning á mesma páxina Wikileaks da que falaba Chomsky dun feixe de papeis secretos cheos de información comprometida para a coalición liderada polos EEUU. Tan axiña como saltou a nova da publicación dunha parte dos papeis postos en circulación por este rapaz de 22 anos farto das matanzas e os abusos en Afganistán, o diario El País (epítome do patético papel que xoga a prensa hoxe en día) publicou unha crónica na que se calificaba a Manning de fanfarrón. Semanas despois, cando o asunto volveu cobrar relevancia, o mesmo xornal volveu á carga cunha melodramática biografía de Manning —«En aquellas interminables jornadas, rodeado por otros soldados, un calor de 43 grados y tormentas de arena, en una batalla que no sentía como suya, descubrió en su interior el desapego que sentía hacia su país y sus guerras. No tenía una relación especialmente cercana con su padre, bla, bla, bla»— no canto de dedicar os seus esforzos a difundir o sinistro contido daqueles informes. Pero cal é o motivo de que El País preferise, a respecto deste asunto Manning, que ficásemos mirando para o dedo en lugar de mirar para aquilo que o dedo sinalaba? Se cadra tratábase de evitar que ese inimigo interno do goberno español, a súa propia poboación, reaccionase ante esta guerra de Afganistán como o fixo ante a anterior guerra do Irak: esixindo que se saquen as tropas españolas daquel territorio.
Fiel ao seu compromiso cunha «historia irrespectuosa para cos gobernos e respectuosa cos movementos de resistencia do pobo», Howard Zinn escribiu a súa A people´s History of the United States: 1492 to present (traducida para o español como La otra histora de los Estados Unidos). Na mesma, Zinn axuda a comprender por que os ecos dos que falaba Chomsky entre Afganistán e Vietnam son algo máis que imaxinacións. Así, os paralelismos entre o caso Bradley Manning e o caso Daniel Ellsberg, na guerra de Vietnam, son evidentes:
«Ellsberg fóra oficial da mariña e traballaba para a corporación RAND, a cal levaba a cabo investigacións especiais para o goberno dos EEUU. Ellsberg axudara a escribir a historia da Guerra de Vietnam para o departamento de Defensa, e logo decidiu facer público un documento clasificado, coa axuda do seu amigo Anthony Russo, un antigo home da corporación RAND. Ambos se coñeceran en Saigón onde lles afectaron de tal maneira as diferentes experiencias que tiveron como testemuñas directas da guerra que sentiran grande indignación polo que estaba a facer EEUU coa xente de Vietnam.
Ellsberg e Russo pasaron noite tras noite, hora tras hora, na axencia publicitaria dun amigo facendo copias das 7000 páxinas do documento. Despois Ellsberg entregou copias a varios congresistas e ao New York Times. En xuño de 1971 o Times comezou a imprimir as seleccións do que chegou a ser coñecido como os Pentagon Papers.»
Os Pentagon Papers foron decisivos para que finalmente Henry Kissinger acabase asinando o acordo de paz con Hanoi (causa, por certo, de que lle concedesen un premio nóbel da paz tan cínico como o concedido a Obama). A diferenza entre o caso Ellsberg e o caso Manning descansa na maior implicación da prensa actual no control e a dosificación da información. Desde que os gobernos das democracias liberais comprobaron en Vietnam o novo papel activo que podían xogar as cidadanías dos seus propios países, gañar a batalla da comunicación resulta tan importante coma vencer na fronte.
Segundo razoa Giovanni Arrighi en O longo século XX toda potencia hexemónica —fosen os Países Baixos a partir do século XVII, Inglaterra a partir do século XVIII ou os EEUU a partir do século XX— basea o seu poder tanto na pura dominación coma nunha sorte de gramsciano «liderado intelectual e moral». Co final da II Guerra Mundial e os acordos de Bretton Woods comeza a nova orde mundial norteamericana. As bombas de Hiroshima e Nagasaki —das que tan orgulloso se mostraba hai pouco na prensa o piloto do B-52 que as lanzou— mostraron cales haberían ser as novas ferramentas de pura dominación mentres que a Carta das Nacións Unidas indicarían cales haberían ser as novas ferramentas de liderado moral. Semella que Arrighi concorda coa afirmación de Howard Zinn de que «Vietnam foi a primeira gran derrota do imperio global americano despois da II Guerra Mundial». Para o italiano o comezo da crise da hexemonía norteamericana ten lugar entre 1968 e 1973 por tres vías: militar en Vietnam, económica coa fin do sistema de Bretton Woods e o comezo da financiarización e ideolóxica co cansanzo do anticomunismo da guerra fría. Se cadra é por iso que George Bush pai —un neoliberal que gozaba coa nova belle epoque dos EEUU dos oitenta e noventa tan semellante á belle epoque da tamén financiarizada economía inglesa de finais do século XIX e principios do XX— preocupado en exclusiva polos efectos da derrota militar en Vietnam mostrou tanta presa en afirmar, cando saíu victorioso da primeira guerra do Golfo vendo a súa popularidade intacta, que «o espectro de Vietnam foi enterrado para sempre nas areas do deserto da península árabe». A estratexia da guerra lóstrego fora deseñada para evitar calquera oposión entre a poboación estadounidense. Un ataque rápido e contundente combinado cun control absoluto das imaxes que emitía a televisión permitiron que aquela guerra a penas pasase factura. Mais cando tempo despois, George Bush fillo volveu atacar o Irak, unha gran mobilización nunca vista na historia tivo lugar en todo o mundo. Outra nova proba de que a hexemonía estadounidense se apoiaba cada vez máis na dominación e cada vez menos no liderado moral. O estourido da crise financeira de 2007 nos países do centro do sistema parece estar a darlle a razón a Giovanni Arrighi. En Caos e orde no sistema-mundo moderno, un libro escrito antes da crise canda Beverly J. Silver, sostén que a do presente é unha etapa de «caos sistémico», similar a outras etapas históricas de transición entre hexemonías (por exemplo o paso da hexemonía británica, coa súa correspondente etapa de financiarización a partir de 1870, á hexemonía estadounidense). Unha etapa que ademais apresenta a peculiaridade de que a potencia declinante retén un poderío militar sen parangón mentres que os recursos financeiros e as novas posibilidades de acumulación de capital se atopan xa, segundo Arrighi, no que se perfila como posible novo centro hexemónico: o leste de Asia, especialmente a China.
Días antes de ter declarado aquilo de que á Wikileaks habería que facerlle unha estatua, Fidel Castro falou para a Asamblea Nacional do Poder Popular de Cuba sobre o risco dunha eventual guerra entre Israel-EEUU e Irán. Nun momento do seu discurso, e tras confiar en que Obama non se enleará nesta nova guerra, o histórico líder cubano adiantou as consecuencias que a mesma podería acarrexar ben para o mantemento da hexemonía estadounidense, ben para a propia existencia do mundo todo:
Días antes de ter declarado aquilo de que á Wikileaks habería que facerlle unha estatua, Fidel Castro falou para a Asamblea Nacional do Poder Popular de Cuba sobre o risco dunha eventual guerra entre Israel-EEUU e Irán. Nun momento do seu discurso, e tras confiar en que Obama non se enleará nesta nova guerra, o histórico líder cubano adiantou as consecuencias que a mesma podería acarrexar ben para o mantemento da hexemonía estadounidense, ben para a propia existencia do mundo todo:
«A orde actual establecida no planeta non poderá perdurar e inevitablemente será derrubada de imediato. As chamadas divisas convertibles perderán o seu valor como instrumento do sistema que impuxo aos pobos unha cota de riquezas, de suor e sacrifícios sen límites. Novas formas de distribución dos bens e servizos, educación e dirección dos procesos sociais xurdirán pacificamente, porén se a guerra estourase, a orde social vixente desaparecerá abruptamente e o prezo sería infinitamente maior.»
Á luz das palabras de Castro cobran nova relevancia reflexións como as que fixera Immanuel Wallestein no xornal La Jornada en xuño deste ano. No artigo titulado De novo Irán e Corea do Norte o perigo de levar as cousas ao límite, Wallerstein lembraba a intención dos EEUU de impediren que tanto Irán coma Corea do Norte acadasen a arma atómica. Wallerstein , para quen a imprevisibilidade e o perigo dos EEUU facíaos comparables a un tigre acurralado, escribía:
«Quen será o primero en pestanexar? Non creo que ningunha das nacións de primeira liña queira, de feito, unha guerra. Hai moito que perder para calquera deles. Porén a decisión real non está en mans de ningún destes actores senón do goberno chinés. China é quen leva a man. Que tipo de resolución apoiarán os chineses en calquera dos dous casos? É obvio que a China quere que todos se calmen, e manter a calma. O problema é que levar as cousas ao límite pode ser un xogo perigroso cando o mundo —a súa xeopolítica e a súa economía— está tan caótico e volátil. Poderían ocorrer accidentes. Algún oficial militar, nalgunha parte, co dedo no percursor pode cometer algún erro —accidental ou deliberadamente.»
E remataba Wallerstein dicindo:
«Vivimos unha época interesante.»
Quen o dubida? O risco de que a hexemonía norteamericana poida rematar como comezou —co recurso á arma nuclerar— semella ter aumentado non poucos graos. Seremos quen de facer algo nós, os inimigos internos de todos os gobernos, para evitar o desastre?
Nenhum comentário:
Postar um comentário