02/09/2010

O triunfo da ignoráncia

Xurxo Martínez González, artigo tirado do portal galego Altermundo. O Xurxo é lingüista de formaçom. Foi membro e dirigente da FPG, colaborador no extinto jornal Vieiros e membro da comissom organizadora da Rolda de Rebeldia.

A desafección creada na cidadanía respecto dos seus gobernantes, un outro éxito do neoliberalismo, produce o sentimento de derrota e de resignación no pobo. A falla de canles reais de modificación é un atranco destacado mais non o único.

 Cando G. Lukács escribiu O asalto á razón non podía albiscar a involución da ética e da ideoloxía políticas que hoxe padecemos. Xorde o neoirracionalismo que despreza toda caste de pensamento. Baséase na promoción do desprezo á intelixencia fronte a unha suposta eficacia xestora.

O xogo chantaxista que aplica o neoliberalismo arranca da apropiación das consignas propias dos movementos de esquerda para inmediatamente baleiralas e relexicalizalas ao seu xeito. Unha cadea baseada na expropiación e prostitución da identidade das alternativas ao modelo actual. Mentres, a maioría da esquerda europea, incapaz de reformularse e chantar alternativas viábeis, languidece deica diluírse ou ben na marxinalidade, ben na onda socialdemócrata.

O exemplo de político actual é un xestor, un tecnócrata (na súa versión máis ruín), un empregado (in)eficaz de recursos económicos. Máis nada. O barbarismo da especialización orteguiana? Tanto lle ten a ideoloxía ou a concepción da realidade ou da sociedade. Tanto terá artellar unha sociedade con ética e moral humanista. Para iso está a relixión que coma unha bosta pretende ser un atranco ao paso mais despois queda pegada á propia roda.

Feijoo é un expoñente diáfano dese rol. Un home reducido na expresión (aburre coas continuas anáforas), curto na comunicación social (contan cuns medios de comunicación que o edulcoran), incapaz na responsabilidade política (ameazas ás institucións non proclives ás súas prácticas) e un analfabeto cultural (dende as vacas a Picasso). O máis ruín del non son estas eivas, que o deberían levar a repensar a súa posición e cargo políticos, senón o alarde, a fachenda e a galantería que fai deses defectos. Exhorta e exalta a decadencia do pensamento!

Decote sentimos unha paramnesia, un atavismo que nos retrotrae a cen anos atrás, á época do rexeneracionismo de Joaquín Costa e os inicios do feixismo. As moreas de exemplos de corrupción política, subornos, especulación, a lectura ideolóxica da xustiza, a expresión cavernícola da necesidade de negar a outros para afirmar o que un é, a queda de toda capacidade de autonomía das persoas lévanos irremediabelmente a unha situación drástica e insostíbel que rebentará coma un zurricho. Nunca na segunda restauración borbónica se lexislou a prol dos dereitos da clase traballadora, nunca se fixo unha reforma estrutural para o seu beneficio, nin tan sequera se corrixiron aquelas que foran consideradas agresivas cando viviamos no treito máis positivo da economía. Porén, máis unha volta de torca coa nova reforma laboral, coa privatización das caixas, coa dependencia dos organismos mundiais, o servilismo aos mandatos dos poderes económicos elevados nos organismos internacionais.

Nestes días reler Vicente Risco é un exercicio de reflexión ben acaído. Dende Nós, os inadaptados á súa pioneira As tebras de occidente (libro precedente A decadencia de occidente de O. Spengler), permítenos abesullar o noxo que producía naquela xeración a falta de sensibilidade intelectual, os gobernantes animais como don Celidonio e a repugnancia de vivir rodeados dunha sociedade rexida polo filisteísmo que el mesmo definiu. Reler Risco non é compartir ren con el. Nin tan sequera este elitismo. Mais acaso non nos anoxa e amola moitas das escenas públicas da caste política? Non rexeitamos esa pésima escena da repetición dunha mentira mil veces para ser verdade? O encubrimento mutuo das miserias dos grandes partidos? Non nos desesperamos coa submisión das masas perante os lapotes laborais e económicos?

A desafección creada na cidadanía respecto dos seus gobernantes, un outro éxito do neoliberalismo, produce o sentimento de derrota e de resignación no pobo. A falla de canles reais de modificación é un atranco destacado mais non o único.

Tamén ten boa responsabilidade o pobo e a aceptación do individualismo como ritmo de vida. Se cadra de xeito inconsciente (todo lle vén dado), se cadra non. As persoas non adoitan animarse para participar na vida asemblearia nos lindes políticos e, mesmo se me apura, nos sindicais. A percepción dunha extensa corrupción e presenza de bandullos agradecidos limita a súa actuación. Mais igualmente aparece a carencia do compromiso, da responsabilidade civil e refugar o protagonismo do estamento social maioritario.

Dixemos que boa parte da esquerda europea estaba atrancada fronte á creba do neoliberalismo que se rexenera (o que non me mata faime máis forte) deica tornarse máis poderosa e abusiva. Hai experiencias que debemos observar (Die Linke, Bloco de Esquerdas...). Mais urxe levalas á práctica. A asfixia da ignorancia, do incapaz intelectual e da exaltación do neoirracionalismo asolaga deica convidarnos ao suicidio ético.

Nenhum comentário: