14/11/2010

Aymerich chama os novos a traballar para lograr o ascenso electoral do BNG

Notícia tirada e extractada de aqui. O Encontro Irmandinho também estivo presente com umha delegaçom no acto de encerramento da assembleia consitucional do Movimento Nacionalista Galego, que se convertem nas mocidades de +GZ, a crorrente liderada por Aymerich e mais numerosas no seio do BNG após a UPG - única força inteterna do BNG que nom enviou representaçom ao acto-. Assim, a Mocidade Socialista Galega (MSG) disolve-se para passar a ser o MNG, cujo primeiro porta-voz nacional (decalca-se organizativamente o esquema do BNG) será Paulo Carlos López que já vinha jogando um papel central na anterior organizaçom. Desde aqui, desejamos-lhe sorte nesta nova andaina.

No centro da imagem, o secretário geral da MNG, Paulo Carlos López, acarom de Carlos Aymerich. Na direita Paco Cortés en representaçom de ISCA!, mocidade do Movimento Galego ao Socialismo, a outra formaçom que em Galiza Nova fai oposiçom à hegemónica UMG (mocidade da UPG) onde milita a secretária geral de Galiza Nova: Íria Aboi Ferradás. Na segunda ringleira, segundo pola esquerda, um dos dous representantes do Encontro Irmandinho que assistírom ao acto. Foto: Fernando Blanco / Galicia Hoxe.


O portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, foi onte o encargado de clausurar en Compostela a Asemblea Nacional Constituínte da Mocidade Nacionalista Galega (MNG), que nace co obxectivo de ser o referente xuvenil de Máis Galiza e que, segundo anunciaron, se implicarán activamente no proceso das vindeiras eleccións municipais de maio do 2011 para lograr que esta cita coas urnas se converta "nun anticipo da mudanza electoral" que anhelan que se produza nas próximas autonómicas para poder recuperar o Goberno da Xunta. Así tamén llelo pedia onte ós mozos Aymerich, quen na súa intervención chamou a facer o impulso necesario para "volver ilusionar" a sociedade, nomeadamente os cidadáns máis novos, e recuperar o voto perdido nas últimas contendas electorais.

Aymerich, que recoñeceu que a mocidade ten "especial sensibilidade para adiantarse e marcar o camiño cara a realidades que os maiores non somos nin capaces de soñar", chamou ás xuventudes da súa corrente a traballar "unidos" e pola senda da "audacia". O reto foi recollido polo secretario xeral da MNG, Paulo Carlos López, quen exclamou que "aí traballaremos" para lograr que "a mocidade recupere a ilusión polo BNG". Paulo Carlos López reclamou a "política con maiúsculas" e animou a todos os membros da MNG a "facer país na rúa, na discoteca, nas aulas, e en toda a sociedade do século XXI".

"Queremos un BNG aberto e queremos ser a vangarda de Máis Galiza", proclamou o secretario xeral, tras reclamar un nacionalismo "cívico, tolerante", e que sexa ecoloxista, feminista, universalista, que dialogue e que reivindique a República.

En clave interna, asegurou que "queremos construír outra Galiza Nova", onde "exista a convivencia e onde non haxa militantes de primeira e de segunda", como crítica á situación actual da organización xuvenil do BNG controlada polas mocidades da UPG, a UMG. Pero tamén deixou claro que, de portas para fóra, o inimigo e outro e o cometido tamén: "Facerlle oposición ó PP", que "practica unha política de folla en branco para a mocidade".

O acto estivo arroupado por destacados representantes políticos e sociais, como Ana Luisa Bouza, Lourenzo Fernández Prieto, Xoán Bascuas, Teresa Táboas, Gonzalo Constenla, Froilán Pallín, Lidia Senra e unha longa lista de colectivos da esquerda.

Vázquez critica que as caixas vendan os seus activos en R

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pronunciouse sobre os movementos financeiros das caixas de aforros galegas para criticar que ós nacionalistas "non lles parece razoable" que os entes crediticios "estean vendendo" activos de empresas "estratéxicas" para o país, como a operadora R, e propoñan comprar "accións para participar activamente en empresas como Sacyr". "Isto dálle a razón ó BNG cando demandamos unha fusión que sirva para que aforro galego desenvolva a economía galega", manifestou e alertou de que "o proceso avanzou por onde avanzou e este é o comportamento que están tendo os dirixentes das caixas". Así, esixiu un "pronunciamento" de Feijóo sobre estas operacións das caixas, que teñen como obxectivo -sinala- "investir en empresas da construción".

Aínda en materia de caixas caixas, sobre o rexeitamento da conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, acerca de que as caixas camiñen cara a unha bancarización; Guillerme Vázquez advirte de que si existe esa posibilidade e atribúeo a que é unha "realidade e o desexo que expresa o Fondo Monetario Internacional". Respecto diso, o dirixente do Bloque observa os primeiros "síntomas" de privatización das caixas, xa que "apunta na mala dirección" que se manteña a estrutura organizativa e a aprobación do protocolo de fusión" das caixas.

Vázquez dixo todo iso nunha comparencia ante os medios de comunicación tras o Consello Nacional do BNG, máximo órgano de decisión entre asembleas, que onte se reuniu en Teo, e que aprobou unha proposta de resolución na que apoia a manifestación a favor da sanidade pública convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública -da que a organización política forma parte- e que terá lugar o vindeiro domingo día 21 de novembro.

Así mesmo, o Consello Nacional do BNG aprobou tamén onte establecer un prazo ata o 15 de decembro para presentar alegacións e achegas ó avance do programa marco co que a formación nacionalista concorrerá ás próximas eleccións municipais, o ano que vén. Ó Consello Nacional de onte non asistiron os membros do Encontro Irmandiño, que tiñan unha reunión propia da comisión que organiza a súa inminente asemblea nacional.


Nenhum comentário: