14/11/2010

De Lula a Dilma: o desquite dos que fan a historia (II)


Nos oito anos de mandato de Lula como presidente do Brasil, os resultados menos satisfatorios rexistráronse nos eidos da reforma agraria e da sustentabilidade ambiental. Dous eidos de endiañada dificuldade política, abofé, mais de crucial relevancia para a credibilidade do novo governo brasileiro perante movementos orgaizados tan dinámicos, combativos e prestixiados nas redes da extensa e polimorfa base social do PT como o dos Sem Terra (MST) na custión agraria, en simbiose á sua vez co dos loitadores na defensa da natureza e a preservación da Amazonia -con líderes coma o mítico Chico Mendes que pagara coa vida o seu heroico combate.
De primeiras, Lula abordara o problema agrario con habelencia: criou un Ministerio para a Reforma Agraria arredado do convencional Ministerio de Agricultura, e puxo á sua frente a Miguel Rossetto -moi vencellado aos movementos anti-sistémicos e un dos promotores dos FSM que encetaran a sua andaina en Porto Alegre no 2001. Inda así, o ritmo e traxectoria da reforma non deu satisfación ao MST, que pasou a posicións cada vez máis criticas e desligadas da executoria governamental. Tocantes ao eido ambiental, criouse o Ministerio do Meio Ambiente, que ía rexir durante máis de cinco anos Marina Silva -unha militante da xeración de Chico Mendes que lograra a asunción polo PT das teses do desenvolvemento sustentábel. Tampouco neste eido resultaron abondo satisfatorios os logros, inda con seren, comparativamente, avances históricos -como a Lei de Florestas Públicas, a ampliación das áreas de preservación para a "floresta en pé", ou mesmo a redución da deforestación na Amazonia. A propria Marina Silva deixou o ministerio e, no vran do 2009, afastouse do PT, afiliouse ao Partido Verde, e decidíu ser candidata á presidencia da República nas vindeiras eleicións -as que agora veñen de ter lugar.
Naquela ocasión, un fato de relevantes persoalidades inteleituais, culturais e políticas encadradas no PT difundiran unha "Carta aberta a Marina Silva". Encabezada por Hamilton Pereira -que fora direitor da prestixiosa Fundaçâo Perseu Abramo do PT e logo colaborador da propria Marina Silva no seu ministerio- e máis Juárez Guimarâes -prestixioso docente na Universidade de minas Gerais- a relación de asinantes incluía nomes coma os de Miguel Rossetto -que xa non dirixía a reforma agraria- ou Tarso Genro -daquela ministro da Xustiza. O documento exortaba ao partido a "escoitar a voz de Marina Silva e debater con ela", e máis a que, no congreso previsto pra comenzos do 2010, "incorpore a dimensión da sustentabilidade socio-ambiental á cultura do novo ciclo de desenvolvemento" e "estableza un novo paradigma que supere o patrón de produción e consumo definido polo capitalismo neoliberal".
Partindo de asumiren e suliñaren os logros do governo Lula e o cumprimento dos compromisos fundamentais contraídos por Lula e o PT coa sociedade brasileira, os asinantes facían un recoñecemento esplícito das "razóns de Marina Silva", sintetizadas arredor de tres custións cardinais en tres chanzos escalonados. A primeira: a da crise ecolóxica e meioambiental a nivel planetario. "A causa da sustentabilidade socio-ambiental -aseveraban- debe estar no centro da axenda do século XXI e configurar, xunto coa paz e a superación das desigualdades sociais e raciais, de xénero e de rexións, un novo paradigma civilizatorio". "Eis -dicían- a primeira razón de Marina: a sua esixencia dunha opción radical". A segunda: a insuficiencia dos logros meioambientais do governo Lula, malia constituiren "avances históricos" realizados por "o governo da historia republicana brasileira que máis fixo por un programa ecolóxico". "A axenda ecolóxica -argüían- estará perdida se é condeada a loitar só na resistencia, caso por caso (...). Compre un novo paradigma de desenvolvemento: non só unha contención e regulación, senon unha programación ampla dos fundamentos socio-ambientais do desenvolvemento brasileiro". Velaí "a segunda razón de Marina: inda non temos ese paradigma: compre construírmolo". E a terceira, enfin: "o PT aínda non é un actor central na construción da utopía verde que precisamos con urxencia, capaz de se traducir nun proxecto nacional, sulamericano" e de "formular un novo paradigma de consumo que supere os patróns, insustentábeis, de produción e consumo que nos levaron á grande crise ambiental que padece arestora a humanidade".
Se coidades que me demoro máis da conta nesta custión, reparade na repercusión que ía ter na peripecia das recentes eleicións presidenciais. Nefeito. O PT non asumiu no 2009 a exortación dos asinantes desa "Carta aberta". Logo, Marina Silva concurríu pola sua conta ás eleicións. Na primeira volta obtivo nada menos ca o 20% dos votos. Serra, o candidato neoliberal da dereita involucionista, acadou só o 33%. Mais Dilma Rousseff, co 47%, ficou por baixo da maioría absoluta, e tivo que ir a unha segunda volta fronte a Serra. Xuntas, Dilma e Marina sumaban o 67% dos sufraxios, mais nada garantía o trasfego dos votos de Marina a Dilma nese recunque. E Serra, oportunista -madia leva- apuntabase ao ecoloxismo "liberal": xa sabedes, o do "píntamo de verde" empresarial.
Nese interin, Pereira e Guimarâes publican en Carta Maior un artigo no que exortan ao PT a "unha obxectiva reflexión sobre o cadro expresado nas urnas e a acción imediata para coroar con suceso a campaña de Dilma Rousseff": "a expresiva votación obtida por Marina Silva -sinalan- só confirma a importancia do seu liderádego político", de xeito que "compre unha acción política imediata que dialogue coas espectativas dese segmento dos cidadáns e cidadás brasileiros". Mais, alén desa asisada motivación eleitoral, os autores abordan as custións de fondo, e reiteran, actualizado, o núcleo diagnóstico e argumental da "Carta" do 2009 -e iso é o que me interesa suliñarvos, polo seu valor sintomático no contexto da eclosión das teses dos movementos indixenistas encol da Terra -a "Pacha Mamma"- universalizadas, primeiro, no FSM do pasado ano en Belem do Pará e logo no Foro de Cochabamba, camiño da sua proxeción no cumio deste outono en Cancún.
Para os autores deste chamamento, o "novo ciclo" político encetado nos oito anos de mandato de Lula plantexa estes catro reptos cardinais: "desenvolver Brasil profundizando as conquistas democráticas; desenvolver o país con distribución da renda, combatendo as criminais desigualdades sociais e rexionais; desenvolver Brasil afirmando a sua fasquía soberana e pacífica perante o mundo; e desenvolver Brasil incorporando a sustentabilidade socio-ambiental na cultura do novo ciclo". Consideran que "os tres primeiros reptos están encarreirados" -e os feitos corrobórano: de aí o enorme prestixio e credibilidade de Lula no seo do común cidadán, tanto brasileiro coma latinoamericán e mesmo mundial. O cuarto é o que ainda reclama unha resposta diáfana e contundente. Certo que é un repto "planetario, non só para a sociedade brasileira". Certo que houbo conquistas relevantes nese eido da política inerna -para empezar, as protagonizadas pola propria Silva á frente do Ministerio do Meio Ambiente. Mais compre un cambio estratéxico en duas dimensións. Por unha banda, artellar "o berro do planeta" co "berro dos oprimidos", ou sexa "a causa da sustentabilidade ambiental coa causa da xustiza social" -desmarcándose así, inequívocamente, do "liberalismo ecolóxico que pretende unir capitalismo e sustentabilidade, mercado e regulación". Por outra banda, "integrar, na formulación e execución das políticas públicas, a dimensión da sustentabilidade socio-ambiental e a cultura dun novo ciclo de desenvolvemento": ou sexa, unha nova concepción -o "novo paradigma", xa mentado denantes, contraposto ao "patrón de produción e consumo definido polo capitalismo neoliberal".
Un de cada cinco eleitores brasileiros apoiaran esas teses co seu voto a Marina Silva na primeira volta eleitoral. Non teño noticia de que Dilma as asumise antes da segunda -e de feito os dados indican que non recolleu o groso de aqueles votos. Mais, no seu discurso após os resultados que a facían vencedora, pareceume asumir o propósito dese compromiso. Ogallá estea eu no certo. En todo caso: qué dramático contraste co noso avesío panorama, tanto doméstico coma europeu! O emerxente "primeiro mundo" de ogano está en Brasil, en toda Latinoamérica -non nesta decrépita Europa que vai camiño de ser o "terceiro mundo" de mañán mesmo. E máis estará a piques de cumplirse de vez aquil xa vello pronóstico de Stefan Zweig? Cómo era, lembrádesvos?: "Brasil, país do futuro", ou?

Nenhum comentário: