12/11/2010

En estado de rebelión

Manoel Santos. Artigo tirado de Altermundo.

O poder político cae demasiadas veces na tentación de confundir democracia con eleccións, cousas ben diferentes, sendo moi común que os mandatarios fachendeen de que non ceden perante as presións da cidadanía, cando o lóxico debería ser o contrario. Están na obriga de ceder.

O xornal L"Humanité, que en tempos pertencera ao Partido Comunista Francés e que hogano é unha referencia para os movementos sociais e políticos da esquerda transformadora na república gala, saíu cun interesante editorial o pasado 19 de outubro titulado En estado de lexítima rebelión. O director de redacción, Patrick Apel-Muller, que era quen o asinaba, remataba o texto: "O cisma é cada vez maior entre unha caste que pretende impor unha regresión social e un pobo que se rebela. Lexitimamente".

O da lexitimidade da revolta social está fóra de toda dúbida, por moito que os políticos e os media máis poderosos teimen en criminalizala, terxiversala ou, ao cabo, en deslexitimala. Xa sabemos como o fan, desviando a atención cara a acontecementos puntuais de violencia urbana -por certo, moitas veces entendíbeis- para agachar a discusión de fondo. O realmente importante.

A revolta social é lexítima, abofé que si. Primeiro porque calquera Constitución europea ampara o dereito á folga e á manifestación. Así pois, lexítima e legal. Mais sobre todo porque cando a clase política sofre de xordeira e de cegueira, cando lle importa máis quedar ben coas grandes institucións financeiras internacionais, como o FMI, ou cos colegas do Consello Europeo -a ver quen controla mellor á súa cidadanía-, que atender as demandas do pobo, é máis que lexítimo que este reclame o regreso á democracia roubada. Ou mesmo a unha mellor e máis participativa democracia. E o único medio para facelo, o único burato que nos deixa a hexemonía dos capitalistas radicais, é sen dúbida a rebelión.

O poder político cae demasiadas veces na tentación de confundir democracia con eleccións, cousas ben diferentes, sendo moi común que os mandatarios fachendeen de que non ceden perante as presións da cidadanía, cando o lóxico debería ser o contrario. Están na obriga de ceder. O posto de poder que ocupan non é deles. É noso.

Asemade, é moito máis lexítimo exercer a rebelión, como acontece estes días en Francia e noutros países europeos dos que a prensa pouco conta -lean por exemplo sobre Islandia-, que manterse no poder a base de decisións que nada teñen que ver co que contaron nas campañas electorais ou co que en teoría corresponde coa liña ideolóxica do partido de quenda. Ninguén votaría a un candidato que dixese que ía xogar coas pensións, coa idade de xubilación, co despedimento, cos servizos sociais e que ademais afirmase que a súa intención é a de subvencionar -e en moitos casos financiar a fondo perdido- as tolerías especulativas dos banqueiros e outros empresarios.

Un folguista arxentino enviou esta semana unha carta-crónica ao xornal electrónico Rebelión que titulaba: Unha loita preciosa que hai que estender. Na mesma informaba de algo que xa lin na prensa francesa: "Máis do 80 por cento dos franceses está de acordo coa folga e as manifestacións e o 60% está de acordo con seguir a mobilización malia que o goberno vote a lei que combatemos". Iso é lexitimidade. Viva la grève! E que se estenda.

Nenhum comentário: