Creouse unha percepción xeneralizada, reproducida nos maiores medios de información do país, de que a única resposta posíbel á desconfianza mostrada polos mercados financeiros cara á economía española é a que o Goberno de Zapatero está a levar a cabo. Esta resposta inclúe as reformas laborais orientadas a flexibilizar e abaratar os salarios (supostamente para facer a economía máis competitiva) e a redución do gasto público, incluíndo o social. Esta última medida realízase co obxectivo de reducir o déficit público, cuxa elevada dimensión se apresenta como a causa de que aqueles mercados dubiden da fortaleza da economía española.
E o que é mesmo máis rechamante é que os maiores partidos na oposición nas Cortes españolas-PP, CiU e PNV- piden máis dureza naquela resposta, esixindo maior desregulación dos mercados de traballo (mediante medidas que debilitarían enormemente aos sindicatos, descentralizando a negociación colectiva) e maiores recortes de gasto público e social. Estabelécese así unha dinámica de competición para mostrar a tales mercados quen é máis duro. Vimos a semana pasada como grupos de empresarios reuníronse, uns co presidente Zapatero e outros co monarca, para presionar ao Goberno a fin de que non lle fraqueasen as pernas na súa toma de decisións. Unha análise das propostas que estes grupos fixeron mostra que ningunha afectaría os intereses do mundo das grandes empresas e da banca. Antes ao contrario, todas elas mostran unha grande brandura cara aos intereses de tales grupos fácticos, que sairían todos eles beneficiados con ditas medidas.
Boto en falta unha invitación do Goberno e do monarca aos sindicatos e aos pensionistas para que estes teñan a oportunidade de esixirlles dureza, e pedirlles que as súas pernas non fraqueen no momento de tomar decisións para axudar á economía a que salga da crise, a base de afectar os intereses daqueles grupos que lles visitaron. En realidade, a redución do déficit público pode conseguirse baixando o gasto público ou, como alternativa, subindo os impostos, e moi en particular os daqueles que se beneficiaron enormemente da baixada impositiva que o presidente Zapatero, e antes o ex presidente Aznar, realizaron durante os últimos 15 anos. Esta redución de impostos foi, tal como sinalou o Fondo Monetario Internacional, responsable do 40% do déficit estrutural existente en España e na maioría de países da OCDE (o club de países máis ricos do mundo) que seguiron semellantes políticas. Se se recuperasen os tipos existentes antes das reformas regresivas fiscais, pasando dun 43% a un 45% para as rendas superiores a 60.000 euros, e engadísese un novo tramo para os que ingresan máis de 120.000 euros, cun tipo do 50%, o Estado ingresaría 2.500 millóns de euros máis ás arcas, afectando unicamente ao 3,98% dos cidadáns. A esta cantidade podería engadirse a recuperación do imposto sobre o patrimonio, cuxa eliminación en 2008 favoreceu enormemente aos sectores máis podentes da sociedade. Con tal medida, o Estado podería ingresar outros 2.120 millóns de euros.
Se, por outra banda, recuperásese o tramo que pagaban as grandes empresas no seu imposto de sociedades, pasando do 30% ao 35%, o Estado recuperaría 5.300 millóns de euros (afectando unicamente a un 0,12% do total das empresas, que son as que teñen unha base impositiva superior a 30 millóns). Outra cantidade recuperábel podería conseguirse aumentando o tributo dun 1% a un 5% nas sociedades de capital variable, as famosas Sicav.
E a respectada asociación de técnicos tributarios do Ministerio de Facenda, Gestha, indicou que, a través de medidas críbeis e inmediatas, poderíase reducir nun 5% do PIB o tamaño da economía mergullada. Iso significaría un aumento de 12.700 millóns máis para as arcas públicas, que deberían incrementarse a 6.155 millóns máis se eliminasen os paraísos fiscais que están a ser utilizados amplamente pola banca e polas grandes empresas. Todas estas e outras medidas que deberían tomarse non afectarían á gran maioría das clases populares, recadándose 35.235 millóns de euros, máis do dobre que os fondos que o Goberno español tenta conseguir mediante as medidas que están a danar as clases populares. Nin que dicir ten que ningunha destas propostas foron suxeridas polos grupos de empresarios que visitaron ao presidente e ao rei pedindo dureza.
Todas estas medidas fiscais regresivas que tomaron os gobernos de Aznar e Zapatero son responsábeis de que o Reino de España continúe sendo un dos países máis desiguais da OCDE. A renda disponíbel da decila superior en España é 10,3 veces maior que as rendas da decila inferior, unha das desigualdades máis altas da OCDE. Finlandia é 5,6 veces, Suecia 6,2, Alemaña 6,9 e así unha longa lista de países que son menos desiguais que España. Só son máis desiguais EEUU, 15 veces, e Gran Bretaña 13,8. E a propiedade está mesmo máis concentrada, pois o 10% máis rico da poboación española posúe o 58% de toda a propiedade.
E é precisamente esta enorme concentración a que dificulta a recuperación económica, pois os ricos consomen moito menos que as clases populares. E o que se necesita agora é que se consuma e con iso creza a demanda. Se o Estado fose duro cos ricos do país e recadase aqueles 35.235 millóns de euros, podería crear emprego, por exemplo, nos escasamente financiados servizos do Estado do benestar, o que estimularía enormemente a demanda e con iso a recuperación económica, reducindo así o déficit público. Se non o fan é porque lles fraquean as pernas para enfrontarse aos ricos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário