08/12/2010

O Patriarcado

Gerda Lerner. Artigo tirado de aqui. Ilustra a entrada o famoso quadro O matrimónio Arnolfini, paradigma da burguesía dos Países Baixos da época.


Segundo Gerda Lerner a constitución do Patriarcado tería lugar mediante un proceso que se alargou desde o ano 3100 ao 600 a. De C.

Era lóxico que nas orixes as mulleres exercesen distintas funcións que os homes, debido ás súas capacidades reprodutoras e de crianza, pero iso non as fixo inferiores. Eran recolectoras, posuían importantes coñecementos de plantas, de ecoloxía, de raíces e das súas propiedades alimenticias e medicinais, amén do prestixio que gozaban como reprodutoras da especie.

Máis probábel é que o desenvolvemento da guerra entre tribos durante períodos de escaseza económica propiciara o ascenso do poder masculino a través dos triunfos militares. As guerras son as que dan poder aos homes sobre outros homes e sobre todas as mulleres. É entón cando se inicia o intercambio de mulleres con outras tribos como compensación pola derrota ou ben o rapto de mulleres pera atender as necesidades vitais dos grupos decimado polas guerras. Nos primeiros intercambios foron as propias mulleres as que colaboraron e mesmo as que organizaban as vodas sen prever os resultados finais.

Estes intercambios fixeron que a capacidade reprodutora das mulleres fose cousificada e que se pasase de estruturas matrilocais a sociedades patrilocais: é a muller a que é transferida, non o home. O home dentro doutra tribo podería resultar un inimigo, non así a muller ligada á súa prole. Deste xeito, as sociedades máis complexas comezaron a apresentar unha división do traballo non baseada unicamente nas diferenzas sexuais, senón xerárquicas, instituíndose tamén así a escravatura. É o inicio dos Estados arcaicos, cuxo signo distintivo é a dominación.

Os homes eran explotados principalmente como traballadores, mais as mulleres empezaron a ser explotadas como traballadoras, como prestadoras de servizos sexuais e como reprodutoras, o cal deu orixe a un tipo específico de dominio e de sometemento.

Xa instituída esta orde, resultaba que a dependencia da cabeza de familia do rei ou da burocracia estatal víase compensada pola dominación que exercía sobre a súa familia, como podemos comprobar nas recompilacións xurídicas mesopotámicas.

Así pois, a nova familia convértese na peza chave que mantén toda unha estrutura xerárquica de dominación, non só patriarcal, senón paternalista. O dominado cambia submisión por protección, traballo non remunerado por manutención. Os únicos privilexios entón aos que algunhas mulleres podían aspirar consistían en pertencer a unha clase superior susceptíbel de dominar a homes e mulleres doutra inferior, mais nada máis.

A fidelidade a esta orde imposta asegurouse pola hexemonía masculina na creación de símbolos, a través dos cales os humanos nos comunicamos e coñecemos. E esta hexemonía afirmouse por dúas imposicións: a privación de educación para as mulleres e o monopolio masculino das definicións.

"Só se póden xerar ideas revolucionarias cando os oprimidos posúen unha alternativa ao sistema de símbolos e significados daqueles que os dominan", Gerna Lerner.

Nenhum comentário: