06/12/2010

Orfandade política (II): A dinámica interna e dinámica externa: introdución a unha vivencia persoal

Raul Asegurado Pérez. Artigo tirado do blogue pessoal do autor. A ilustraçom é um quadro de Thomas Kennintong intitulado Orphans.



A orfandade política á que me referín no anterior artigo tamén podemos avaliala por factores xa menos sociolóxicos, e si máis vitais. Serían aqueles que por unha banda constitúen o plano máis subxectivo e que están determinados polo posicionamento do observante respeito do obxervado. Neste caso, a vivencia en primeira persoa da orfandade política, así como as consecuencias que estas teñen na práctica  dinámica interna do BNG.

Agora, ao pretender situarme dentro do conflicto que vivo dentro do nacionalismo organizado, mais que falar de orfandade en si, tal vez sería máis acaído falar desde unha perspectiva republicana, da vivencia da perda de liberdade política militante dentro do BNG, e por seguir cun símil, sobre a vivencia da violación dentro do matrimonio. Entendendo por matrimonio o acordo colectivo, unha institución social (BNG), na que se crea un vencello de unión entre as partes (militantes-organizacións-proxecto común).

Por situarnos brevemente na pouca importante vivencia biográfica, que non consiste niso, senón en exemplificar, comecei a militar dentro do nacionalismo organizado a finais dos noventa, da man dun bo amigo, e concretamente en Esquerda Nacionalista, e cando xa daquela falabamos da perda de relación entre o BNG e as organizacións sociais de base, lembro perfeitamente por boca do que creo era o seu responsábel de organización frases como: “ídevos todos jipis de merda”, “facedes discursitos para a galería pero nada de política de verdade”, aos máis novos dedicábanos frases moito máis paternais comentando cousas de “estanvos enganando”, “deixádesvos engaiolar coma borregos por xentes populistas”… Teño que recoñecer que non entendía moito da trascendencia do que estabamos falando nin comprendía (e aínda me custa) saber dos perigos que podía contraer unha organización política como a que anelábamos  para EN, o que foi que, na asemblea nacional (falo de memoria) de 2001, e no proceso comarcal posterior, unha porcentaxe moi elevada de  mozos militantes, fomos convidados a deixar a organización ou pedíusenos direitamente que a abandonásemos. Eu fun un deles.

A partires de entonces, a miña militancia no BNG foi do que se coñece como “non adscrito”, e puiden observar como unha e outra vez tentaban manipular a miña/nosa posición, por tanto a miña actitude foi bastante pasiva organicamente (non politicamente, nunca o foi), até que, sen saber moi ben por que nin como, a alguén se lle ocorreu propoñer que o BNG deixara de ser asembleario. Eis aquí a miña volta novamente a un activismo orgánico un pouco máis activo. Que será motivo da terceira entrega (explicando co símil da violación).

Se vou a unha dinámica externa, da vivencia da orfandade política, isto vese nas interaccións que desde o activismo social, ou militancia, puiden percibir desde aqueles anos da mocidade. Facendo unha pequena reseña biográfica, lémbrome que a miña interacción coas clases sociais máis marxinais foi de voluntario (actividade que faciamos desde a miña educación católica nun colexio de frades de Santiago), na cociña económica; despois deste primeiro contacto a acción voluntaria carecía de sentido sen comprender por que e como se vivía e formaba esta colectividade esquecida continuamente, o primeiro contacto coa realidade foi o que despois nunha sucesión de madurez e de análise social (estudei traballo social e socioloxía para intentar impregnarme de realidade e de mecanismos analíticos e transformadores, non valeron para case nada disto…) levoume a formar parte do “foro de debate e acción” que naceu inicialmente para criticar a débeda externa e logo tivo unha continua presencia en Compostela cando a invasión de Afganistán (por certo que nesta etapa mesturada coas primeiras accións estudantís foi cando entrei en contacto por primeira vez co independentismo organizado, lémbrome de que nós faciamos unha concentración silenciosa para protestar pola guerra de Afganistán cando as organizacións independentistas querían tamén no Toural facer unha manifestación berrando consignas antiimperialistas, ao final entendímonos todos e todas, e gardo boas relacións daquel entón).

Despois participei no movemento estudantil Anti-Lou, unha auténtica escola de activismo e onde fixen boas amizades que viñan de tradicións políticas-sociais moi diversas; a constitución do Foro da Inmigración de Compostela, novamente lugar de experimentación coa verdadeira realidade para un mozo de apenas 21 anos. Traballei no Tempo Libre, comecei a miña vida laboral nun centro de protección de menores (eido ao que sigo vencellado laboralmente), coñecín e puxemos en práctica a primeira asociación de banca ética deste país AIS O Peto, colaborei puntualmente co comercio xusto (Panxea). Anos máis tarde, hai menos dun lustro, coñecín a moita xente que impulsarían o FSGal; xentes diversas de diferentes experiencias sociais e políticas e co descubrimento dos procesos altermundialistas na Galiza, (xa coñecía ben a experiencias doutros lugares como a Zapatista) volvín a ter unha nova fase na miña madurez social.

Teño que dicir, que nesta segunda parte, da vivencia política desde o activismo social, creo que a orfandade foi sempre un síntoma, lémbrome de intentar achegar resolucións a Esquerda Nacionalista sobre a débeda externa e sentir coma dicía o outro, predicar no deserto, o mesmo cando, tras coñecer a iniciativa da Renda Básica levei (levamos) unha emenda totalmente republicana sobre a renda mínima e máxima dos liberados do BNG a unha asemblea nacional, e fun respostado por unha parlamentariña coa seguinte argumentación “esta emenda é máis acaída nunha entorna sindical que nunha política”. Perdimos a votación, claro. Agora que me lembro, penso que eu nunca gañei unha votación política! (hahahah, tería que facer memoria disto, pero creo que estou no certo; salvo a alcaldía en Teo nas últimas eleicións…). E digo síntoma porque, por exemplo, lémbrome de que na LOU, o éxito do movemento estudantil (penso eu) foi que os que estabamos traballando nel tiñamos claro que non podíamos vencellar o traballo a ningunha sigla, os caf, meu, fer (creo que era daquela), tardaron en comprender o por que disto pero finalmente aceitáronno, e o éxito foi claro. E que traballo político implicou isto? Eu coma daquela era militante de Galiza Nova, tiven que falar con dirixentes da mesma (lémbrome perfectamente en que cafetería da Rúa Nova de Compostela foi) para que comprenderan o esforzo que tiñamos que facer para sumar, e que a participación destas remataría por dividir ao estudantado, e así foi, no primeiro descoido que tivemos, tentaron apropiarse do traballo feito. Por isto digo que foi un síntoma, a orfandade política desde unha perspectiva social, era un síntoma do proceso de separación que se está a dar entre a política e a sociedade, entre a política e os centros reais de toma do poder, entre a política e a economía que determina a condición de vida de todas e todos…

Nenhum comentário: