02/01/2011

"Estado de excepción económica permanente"

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe (aquí).

Non, non vos é unha ocurréncia miña. É o incisivo rótulo dun recente ensaio de Slavoj Zizek. É a metafórica expresión coa que, suscitando unha tácita referéncia analóxica aos estados de excepción políticos, Zizek define a índole dos procesos de recrudecemento do capitalismo salvaxe actualmente en curso. "Hai -escribe- unha cousa que está clara: despois de décadas de Estado do benestar, cando os recortes eran relativamente limitados e chegaban coa promesa de que axiña as cousas retornarían á normalidade, estamos a entrar agora nun período no que un certo tipo de estado de excepción económica estáse a convirtir en permanente, volvéndose unha constante, un modo de vida".
Procesos de índole medularmente política -poisque "o modelo económico global existente apousa nunha serie de decisións polìticas", e que na crise pola que atravesa o sistema "non hai nada de natural". E procesos que derruban o valado de normas reguladoras da economía capitalista penosamente construído polo Welfare-State para "garantir" os dereitos sociais do común cidadán -a famosa "economía social de mercado" nun "estado social e democrático de dereito", na actualmente vácua expresión constitucional española- de xeito que semellante demolición equival á supresión de garantías constitucionais na que consiste mesmamente un "estado de excepción" político. Mais, como a propria denominación o indica, iste constitue unha fórmula excepcional, só aplicábel en graves situacións de emerxencia, en condicións estritamente reguladas polas proprias normas constitucionais, e cunha obrigadamente breve duración circunstancial -que, na norma española, "non poderá exceder de trinta días, prorrogábeis por outro prazo igual" (art. 116), e só poderá pór en suspenso determinados "dereitos e liberdades" específicamente enumerados (art.55). Calquer outra fórmula que suprima calisquer dereitos constitucionalmente fundamentais dos cidadáns virá ser unha forma espúrea de estado de excepción encuberto -como a antidemocrática lei de partidos inda hoxe vixente. Porén, esas modalidades espúreas deron en proliferar coa ofensiva ultraliberal: é o que os xuristas demócratas e republicáns europeos levan denunciado como "esnaquizamento do estado de dereito".
As malchamadas "desregulacións" dos mercados laborais e financeiros, a "mercantilización" dos bens sociais e comúns da cidadanía meiante a "privatización" ostensíbel ou disfrazada dos servizos públicos e sociais, a sustitución da "progresividade" pola "regresividade" como eixos vertebrais dos sistemas tributarios, e así seguido, implican a derrogación, de facto, doutros tantos marcos normativos constitucionalmente establecidos como peares básicos e trabes mestras de calquer "estado social de dereito" e "economía social de mercado" que pretenda ser tal -e abonda ler o texto constitucional español para comprobalo.
Por riba, no canto de se tratar de medidas circunstanciais de duración restrinxida, consolídanse no tempo, convírtense en permanentes. Consúmase así a aberrante monstrosidade antidemocrática e anticonstitucional do "estado permanente de excepción". Razón leva Zizek en denominalo asi. Venme ás mentes a insistencia de pensadores coma Antoni Domènech en sinalaren que difícilmente pode ser democrático o funcionamento político dunha sociedade se non son democráticas as relacións sociais que tecen a urda da "sociedade civil". Mais é evidente que, nunha formación social de base económica capitalista, nen son democráticas as relacións sociais de produción nen, xa que logo, tampouco a estrutura da unidade modélica na que esas relacións se tecen entre a forza de traballo e o capital: a empresa. A empresa capitalista non é unha orgaización democrática, senón todo o contrario: é unha institución xerárquica autocrática, ou se o preferides despótica, onde o poder de decisión non reside no colectivo de cidadáns que a integran, menos aínda no dos traballadores asalariados que constituen a sua base laboral, senón no "capitán de empresa" ou no grupo oligárquico situado no cume desa xerarquía polo capital -a "elite do poder", en famosa e xa clásica expresión de Wright-Mills. E todo ese mundo, todo ese espazo que constitue a base real da sociedade, fica á marxe do eido no que opera a "democracia política". "Non votamos -di Zizek- sobre quen posúe algo, ou sobre as relacións traballador-direitor nunha fábrica: todo iso confíaselle a procesos fóra da esfera do político".
Despois da II Guerra Mundial, no centro do sistema, alí onde se aplicou o modelo socialdemócrata do Welfare-State, operouse o que coido que o mesmo Domènech denominou "constitucionalización" da empresa e as relacións laborais. Non se "democratizou" -poisque o poder non mudou de titular, non pasou a mans da base cidadán, do colectivo laboral, senón que ficou nas do capital- mais someteuse a normas constitucionais que puñan lindes e estatuían regras de xogo ao exercizo dese poder -dende o dereito á asociación, representación e participación sindical nos órgaos de xestión da empresa ou á negociación colectiva, até os dereitos laborais verbo do salario social, paro, despedimentos, xubilacións e así seguido. A contra-revolución ultraliberal arremeteu paso a paso, en constante e sistemática progresión ascendente, contra todos eses logros conqueridos polas clases traballadoras e o común cidadán e "constitucionalizados" polo reformismo progresista socialdemócrata. Esa progresiva demolición do edificio construído polo Estado do benestar equival a un proceso de "des-constitucionalización" da base real da sociedade: instaura "un permanente estado de excepción económica"... -que entraña un permanente estado subrepticio de excepción política, ou excepción sen máis. En todo caso: unha abolición fáctica de liberdades cívicas.
Zizek descifra a índole e siñificado desa patoloxía coa chave da análise marxián do contido de clase do Estado. "Para Marx -escribe- a cuestión da liberdade non debería localizarse fundamentalmente na esfera política" -que se nun país hai eleicións libres, ou os xuices son independentes, ou se respeitan os dereitos humáns. "A chave da liberdade actual atópase, pola contra, na rede "apolítica" das relacións sociais, dende o mercado á familia, onde a mutación que compre para a millora efectiva non é a reforma política, senón unha transformación das relacións sociais de produción. (...) Os cambios radicais nese terreo áchanse fóra da esfera dos dereitos legais. Abofé que semellantes procedementos democráticos poden desempeñar un rol positivo, mais seguen a ser parte do aparello de Estado da burguesía, que pretende garantir o funcionamento sen anomalías da reprodución capitalista. Neste preciso sentido, Badiou tiña razón ao afirmar que, hoxendía, o inimigo final non é o capitalismo, o imperio ou a esplotación, senón a "democracia". A aceptación dos "mecanismos democráticos" é o marco que, en última instancia, impede unha transformación radical das relacións capitalistas".
Esa "desfetichización" das "institucións democráticas" -dunha "democracia" trucada e gangrenada por permanentes estados subrepticios de excepción, sinalémolo nós- conduce a Zizek a unha subseguinte desfetichización "da sua contrapartida negativa: a violencia". E non só da "violencia defensiva" propugnada por Alain Badiou. Porque -afirma Zizek- "dende o punto de vista dos subordinados e oprimidos, a existencia mesma do Estado como aparello de dominación de clase é un feito de violencia". E xa que logo, "nese estrito sentido, a utilización da forza polos oprimidos en contra da clase dirixente e do seu estado é sempre, en última instancia, unha utilización "defensiva". Nunha perspeitiva emancipatoria radical, para os oprimidos, a violencia sempre é lexítima -pois ese seu proprio estatus é resultado da violencia- malia que non sempre é necesaria". A crise que están a padecer os oprimidos do común cidadán, e só iles, non é debida a "procesos cegos do mercado, senón a intervencións estratéxicas coidadosamente orgaizadas de Estados e institucións financeiras que intentan resolver a crise á sua propria comenencia". Daquela, infire Zizek: "en semellantes condicións, non resultan logo axeitadas as contramedidas defensivas?".
E il será tan evidente o asunto?, pergúntome eu. E il será por iso que até un Joseph Stiglitz, un James Galbraith, un William Black, todos iles a tánta distancia ideolóxica do Slavoj Zizek, declaran sen pelos na língua que "ou mandamos aos banqueiros á cadea, ou non poderemos resolver a crise"? Pergúntomo eu, non sei vós.

2 comentários:

Anônimo disse...

pode-se ler o artigo completo de Zizek em galego aqui:

http://www.iscagz.org/para-sair-da-armadilha/

Paula Verao disse...

¡Obrigad@s!