Manoel Santos en Galicia Hoxe (aquí).
Segundo os datos -do ano 2008- recolleitos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e a consultora ErnstYoung -sorprendente parella- a clase media española, que se mide só en nivel de renda -entre 20.000 e 60.000 euros anuais-, recuou case a niveis de 1960, situándose nun 42,9% fronte o 41% daquel ano. Algo semellante acontece coas clases baixa e pobre, que hogano engrosan o 50,4% -30,4% a baixa e 20% a pobre- da poboación, fronte o 56% de 1960.
Para os poderes económicos -ou clases altísimas- estes datos son catastróficos, por canto indican que, en existindo menos clase media, que é a consumista por excelencia e a que mantén os seus niveis de opulencia, existirá menos consumo e os seus beneficios serán menores. De aí que se amosen tan alarmados. De seguro que o planeta non pensará o mesmo.
Un descenso no consumo debería supor tamén un descenso na produción, na explotación de recursos non renovábeis e na destrución ambiental. En crise tamén hai quen experimenta un lixeiro alivio.
Mais desas cifras tamén podemos extraer outras lecturas. Non é un dato nada desprezábel que a poboación pertencente á clase máis alta, isto é, a dos ricos máis ricos, se duplicase no mesmo período, pasando do 3% en 1960 ao 6,7% en 2008. Segundo este indicador, o que realmente aumentou de xeito alarmante foi a desigualdade social. Alguén calculou que acontecería se os ingresos do 6,7% ultrarrico se redistribuíran entre o 20% da chamada clase pobre?
Porén, isto non é exclusivo do Estado español. A nivel mundial, en 1960 a fenda entre o 20% máis rico do planeta e o 80% máis pobre era de 1 a 30. Hoxe é de 1 a 80.
Habería que preguntar a eses analistas se para eles é xustificábel que, baixo a ditadura do financeiro que caracterizou as tres últimas décadas, as 3 persoas máis ricas do planeta teñan unha fortuna superior ao PIB total dos 48 países máis pobres, ou que o patrimonio das 15 persoas máis millonarias do mundo supere o PIB de toda a África subsahariana.
Un par de reflexións máis poden axudarnos a desvelar se estamos ou non perante unha catástrofe. A primeira achéganola Philippe Saint-Marc, que convida a imaxinar un país con só 200.000 parados, no que a criminalidade sexa 5 veces menor, as hospitalizacións por doenzas mentais unha terza parte das actuais, os suicidios só a metade e as drogas entre a mocidade case inexistentes. Pois ben, esa era a Francia de 1960.
A segunda, achegada por Carlos Taibo e outros “autores do decrecemento”, corresponde a datos recolleitos por diversas enquisas en diferentes países -EUA, Cánada, Xapón e a UE. A meirande parte destas sociedades pensan que vivían mellor na década de 1960, e as porcentaxes de cidadáns que se declaran felices e satisfeitos é cada vez menor.
O único problema é que na sociedade de hoxe, adicta ao crecemento ilimitado, o descenso da clase consumista -que non media- pode, efectivamente, levar ao colapso, pois aniquila as bases do sistema, que son o consumo e a produción desaforadas. Velaí o que deberiamos cambiar.
Nenhum comentário:
Postar um comentário