03/02/2011

Esas "ditaduras amigas": Tunicia, Exipto, Marrocos...

Ignacio Ramonet aquí e traducido ao galego por nós.


Unha ditadura en Tunicia? En Exipto, unha ditadura? Vendo aos medios relamerse coa palabra "ditadura" aplicada á Tunicia de Ben Alí e ao Exipto de Moubarak, os franceses deberon de preguntarse se entenderon ou leron ben. Non insistiran durante decenios eses mesmos medios e eses mesmos xornalistas en que eses dous "países amigos" eran "Estados moderados"? A horríbel palabra "ditadura" non estaba exclusivamente reservada no mundo árabe musulmán (despois da destrución da "espantosa tiranía" de Saddam Hussein en Iraq) só ao réxime iraniano? Como? Había entón outras ditaduras na rexión? E ocultaríannolo os medios da nosa exemplar democracia? Velaquí, en todo caso, un primeiro abrir de ollos que debemos ao rebelde pobo tuniciano. A súa prodixiosa vitoria liberou aos europeos da "retórica hipócrita e de ocultamento" en vigor nas nosas chancelerías e nos nosos medios. Obrigados a quitar a careta, simulan descubrir o que sabiamos dende hai tempo (1), que as "ditaduras amigas" non son máis cá iso: reximes de opresión. Sobre o asunto, os medios non fixeron outra cousa que seguir a "liña oficial": pechar os ollos ou mirar cara a outro lado confirmando a idea de que a prensa non é libre salvo en relación cos débiles e a xente illada. Seica Nicolás Sarkozy non tivo o aplomo de asegurar que en Tunicia había unha desesperanza, un sufrimento, un sentimento de afogo que hai que recoñecer que non apreciaramos na súa xusta medida, con respecto ao sistema mafioso do clan Ben Alí-Trabelsi?
"Non apreciaramos na súa xusta medida"? En 23 anos? A pesares de contar alí con servizos diplomáticos máis prolíficos que os de calquera outro país? A pesares da colaboración en todos os sectores da seguridade (policía, xendarmería, intelixencia)? (2). A pesares das estancias regulares de altos responsábeis políticos e mediáticos que establecían alí desacomplexadamente os seus lugares de veraneo? A pesares da existencia en Francia de dirixentes exilados da oposición tuniciana, mantidos como apestados á marxe polas autoridades francesas e de acceso prohibido durante decenios aos grandes medios? Democracia ruinosa..

En realidade eses reximes autoritarios foron (e seguen a ser) compracentemente protexidos polas democracias europeas, desprezando os seus propios valores, co pretexto de que constitúen baluartes contra o islamismo radical (3). O mesmo cínico argumento usado por Occidente durante a Guerra Fría, para apoiar ditaduras militares en Europa (España, Portugal, Grecia, Turquía) e en América Latina pretendendo impedir a chegada do comunismo ao poder.
Que formidábel lección dan as sociedades árabes revolucionarias aos que en Europa os describían con termos maniqueos, é dicir, como masas dóciles sometidas a sátrapas orientais corruptos ou como xentíos histéricos posuídos polo fanatismo relixioso! E velaquí que, de súpeto, xorden nas pantallas dos nosos computadores ou dos nosos televisores (cf.: o admirábel traballo da al-Jazeera) preocupadas polo progreso social, nada obsesionadas pola cuestión relixiosa, sedentas de liberdade, soprepasadas pola corrupción, detestando as desigualdades e reclamando democracia para todos, sen exclusións.

Lonxe das caricaturas binarias, estes pobos non constitúen de ningún xeito unha especie de "excepción árabe" senón que se asemellan nas súas aspiracións políticas ao resto das ilustradas sociedades urbanas modernas. Un terzo dos tunicianos e case un cuarto dos exipcios navegan regularmente por Internet. Como afirma Moulay Hicham O Alaoui: "Os novos movementos xa non están marcados polos vellos antagonismos como antiimperialismo, anticolonialismo, ou antisecularisno. As manifestacións de Tunicia e O Cairo estiveron desprovistas de todo simbolismo relixioso. Constitúen unha ruptura xeracional que refuta a tese do excepcionalismo árabe. Ademais son as novas metodoloxías da comunicación de Internet as que animan estes movementos. Elas propoñen unha nova versión da sociedade civil na que o rexeitamento ao autoritarismo vai da man co rexeitamento á corrupción (4)".

Especialmente grazas ás redes sociais dixitais, as sociedades tanto de Tunicia como de Exipto mobilizáronse con gran rapidez e puideron desestabilizar o poder en tempo marca. Aínda antes de que os movementos tivesen a oportunidade de "madurar" e de favorecer a emerxencia de novos dirixentes dentro deles. É unha das raras ocasións nas que sen líderes, sen organización dirixente e sen programa, a simple dinámica da exasperación das masas bastou para conseguir o triunfo da revolución. Trátase dun momento fráxil e sen dúbida as potencias xa estarán a traballar, especialmente en Exipto, para que "todo cambie sen que cambie nada" segundo o vello adagio do Gatopardo. Eses pobos que conquistaron a súa liberdade deben lembrar a advertencia de Balzac, "Matarase á prensa como se mata a un pobo, outorgándolle a liberdade"(5). Nas "democracias vixiadas" é moito máis fácil domesticar lexitimamente a un pobo que nas antigas ditaduras. Pero isto non xustifica o seu mantemento. Nin debe embazar o ardor de derrocar unha tiranía.

O afundimento da ditadura tuniciana foi tan veloz que os demais pobos magrebís e árabes chegaron á conclusión de que esas autocracias -as máis vellas do mundo- estaban en realidade profundamente corroídas e non eran por tanto máis que "tigres de papel". Esta demostración verificouse tamén en Exipto.

De alí este impresionante levantamento dos pobos árabes, que leva a pensar inevitablemente no gran florecemento das revolucións europeas de 1848, en Xordania, en Iemen, en Alxeria, en Siria, en Arabia Saudita, en Sudán e tamén en Marrocos.

MARROCOS
Neste último país, unha monarquía absoluta, no que o resultado das "eleccións" (sempre trucado) sempre o decide o soberano, que designa segundo a súa vontade aos chamados ministros "da soberanía", unhas cantas decenas de familias próximas ao trono continúan acaparando a maioría das riquezas (6). Os cables difundidos por Wikileaks revelaron que a corrupción chega a niveis de indecencia descomunais, maiores que os da Tunicia de Ben Alí, e que as redes mafiosas tiñan todas como única orixe o Palacio. Un país no que a práctica da tortura está xeneralizada e o amordazamento da prensa é permanente.
Con todo, como na Tunicia de Ben Alí, esta "ditadura amiga" benefíciase da gran indulxencia dos medios e da maior parte dos nosos responsábeis políticos (7), os cales minimizan as sinais do comezo dun "contaxio" da rebelión. Catro persoas inmoláronse xa prendéndose lume. Producíronse manifestacións de solidariedade cos rebeldes de Tunicia e de Exipto en Tánxer, en Fez e en Rabat (8). Acosadas polo medo as autoridades decidiron subvencionar preventivamente os artigos de primeira necesidade para evitar as "rebelións do pan". Importantes continxentes de tropas do Sahara Occidental serían desprazadas aceleradamente cara a Rabat e Casabranca. O rei Mohamed VI e algúns colaboradores trasladáronse a Francia o 29 de xaneiro para consultar a expertos en orde pública do Ministerio francés do Interior (9).
Aínda que as autoridades desmenten as dúas últimas informacións, está claro que a sociedade marroquí está a seguir os acontecementos de Tunicia e Exipto con excitación. Preparados para unirse ao impulso de fervor revolucionario e crebar dunha vez por todas as trabas feudais. E a pedir contas a todos aqueles que en Europa foron durante decenios cómplices das "ditaduras amigas".

Notas

(1) Ler, por exemplo de Jacqueline Boucher "La société tunisienne privée de parole" e de Ignacio Ramonet "Main de fer en Tunisie", Le Monde diplomatique, de febreiro de 1996 e de xullo de 1996 respectivamente.

(2) Cando Mohamed Bouazizi se inmolou incendiándose o 17 de decembro de 2010, cando a insurrección gañaba a todo o país e decenas de tunicianos rebeldes continuaban caendo baixo as balas da represión benalista, ao alcalde de París Bertrand Delanoé e á ministra de relacións exteriores Michèle Alliot-Marie parecíalles absolutamente normal ir festexar alegremente a Noiteboa ou a Noitevella en Tunicia.

(3) Ao mesmo tempo, Washington e os seus aliados europeos, sen aparentemente medir as contradicións, apoian ao réxime teocrático e tiránico de Arabia Saudita, principal fogar oficial do islamismo máis oscurantista e máis expansionista.

(4) http://www.medelu.org/spip.php?article711

(5) Honoré de Balzac, Monographie de la presse parisienne, Paris, 1843.

(6) Ler Ignacio Ramonet, "A poudrière Maroc", Mémoire deas luttes, setiembre 2008. http://www.medelu.org/spip.php?article111

(7) Desde Nicolas Sarkozy até Ségolène Royal, pasando por Dominique Strauss-Kahn que posúe un "ryad" en Marraquech, os dirixentes políticos franceses non teñen o menor escrúpulo en pasar as súas vacacións de inverno entre estas "ditaduras amigas".

[8] El País, 30 de xaneiro de 2011- http://www.elpais.com/../Manifestacións/Tanger/Rabat

[9] Ler El País, 30 de xaneiro de 2011 http://www.elpais.com/..Mohamed/VIN/vai/vacacións e Pierre Haski, "Lle discret voyage du roi du Maroc dans son château de l´Oise", Rue89, 29 xaneiro de 2011.http://www.rue89.com/..lle-roi-du-maroc-en-voyage-discret...188096

Nenhum comentário: