28/03/2011

Libia, unha ollada a contracorrente

Celso X. López Pazos* (publicado na web do Encontro Irmandiño)



Se a xente soubese a verdade a guerra remataría agora; pero a xente non sabe nin debe saber. (Lloyd George, Premier Británico durante a Gran Guerra 1914-1918)
Sabemos que en Libia non hai fame, que a expectativa de vida é de 74 anos, que a mortalidade infantil é do 18 por 1000, ... que houbo enfrontamentos armados entre as tropas leais ao goberno e uns rebeldes armados ... Porén, existen dúbidas cada vez máis fundadas sobre se esas tan terríbeis matanzas da poboación civil ... 
1. - Sabemos que o Gadafi de agora non é o que en 1969 expulsaba as bases estranxeiras do chan Libio, nacionalizaba os hidrocarburos e dominaba a metade da produción de cru. Sabemos que o Gadafi de agora non é o que en 1977 proclamaba a República Popular Socialista Árabe da Jamahiriya e afirmaba no seu Libro Verde que "a democracia é o poder do pobo e non o poder dun substituto do pobo". Sabemos que o Gadafi de agora non é xa un referente do panarabismo nacionalista, anticolonial e antiimperialista como o fora en décadas pasadas. O Gadafi de agora é (era) máis ben "un dos nosos", alguén ao que os democráticos rexímenes europeos - os mesmos que agora o cualifican de tirano, sátrapa, ditador ou tolo - non tiñan reparo en recibilo e agasallalo moi cortesmente para agradecerlle a apertura do seu petróleo ás multinacionais do vello continente e a súa política de freo á inmigración de milleiros de subsaharianos
2. -  Sabemos que en Libia non hai fame, que a expectativa de vida é de 74 anos, que a mortalidade infantil é do 18 por 1000, que o analfabetismo é inferior ao 5.5% nos homes e ao 23% nas mulleres (moi baixa a respecto doutros países árabes) e que a taxa global de fecundidade é de 2.7, signo claro do avance da muller que non ten límites para acceder á universidade nin ao mercado de traballo. Sabemos que Libia gasta en educación o 2,7% do PIB, mentres que en defensa non pasa do 1,1%. Sabemos que en Libia se rexistra o maior PIB per cápita (14.534$) e o mellor Índice de Desenvolvemento Humano de toda África (O estado do mundo 2011. Edicións Akal), aspecto este que sementa dúbidas sobre o grao de descontento social da poboación. E tamén sabemos que Libia é o primeiro produtor de cru de África, que o custe de produción por barril non chega ao dólar (situación pola que devecen as petroleiras estadounidenses, marxinadas nun mercado dominado por Europa, China e Rusia) e que a posición de Trípoli é a dun actor importante no seo da OPEP (controlar Libia é enfeblecer a OPEP - tamén a Venezuela - e afortalar a posición dos USA e Europa no mercado de hidrocarburos)
3. - Sabemos que en Libia houbo - antes de que os mísiles das democracias comezasen a matar civís - enfrontamentos armados entre as tropas leais ao goberno e uns rebeldes armados dos que, por certo, aínda hoxe, non sabemos a quen representan, que queren, cal é o seu programa de reformas e, mesmo, quen son os seus lideres. E, precisamente, polo que atinxe ás facianas visibles da revolta, resulta sorprendente que nin sequera eles mesmos se poñan de acordo sobre quen debe xogar o papel do novo Karzai ou do Rugova do Kosovo dos bombardeos de 1999. Así, unha información de "La Voz de Galicia" do 24 de marzo, anunciaba e desmentía case de xeito simultáneo que Ahmed Yibril, formado en Ciencias Políticas nunha universidade norteamericana, era o máximo responsable do chamado Consello Nacional Transitorio Interino. Pero a falta de representatividade non importaba. Francia e Gran Bretaña prestáronse axiña a recoñecelos como interlocutores privilexiados, e agora, a "comunidade internacional", a través dos media, xa está introducindo moi paseniñamente o concepto de "goberno rebelde", nunha estratexia xa coñecida consistente en ir creando - tal como fixeron na antiga Iugoslavia coa UCK - a "necesidade" da partición do territorio Libio para o seu máis cómodo espolio polo novo colonialismo armado.
4. - Supoñemos - por que así no lo dicían os media e os despachos de axencias - que desde o quince de febreiro as tropas do goberno libio disparaban contra os manifestantes xoves que representaban a rebelión, que se masacraba á poboación civil desde avións, cazas e helicópteros, que se disparaba, mesmo, contra ambulancias e enterros e que alí onde se concentraban civís o exército perpetraba enormes matanzas. Tamén supoñemos, grazas a novas subministradas por eses mesmos media, que había "celas de tortura baixo o pazo de Gadafi en Bengasi" (El Pais 1 de marzo de 2011), que "os libios podían utilizar armas químicas" (El Mundo 11 marzo 2011) e que "as forzas rebeldes aseguran que o réxime controla só o 15 % do país" (El País 21 de febreiro), sorprendente revelación a esa altura do conflito que faría inexplicábel a guerra argallada agora pola chamada "comunidade internacional".
5. - Porén, existen dúbidas cada vez máis fundadas sobre se esas tan terríbeis matanzas da poboación civil tiveron lugar ou non. Unha análise das novas de prensa publicadas durante os quince primeiros días dos combates (xusto os que serviron para propagar a consigna das masacres) amosaría nidiamente as sospeitas sobre a realidade dos bombardeos. Titulares como "A represión da protesta en Libia cóbrase 200 mortos""O exército mata a máis de 200 persoas ao reprimir unha protesta ante Gadafi""EEUU denuncia un baño de sangue de Gadafi con centos de libios mortos""Gadafi ametralla aos manifestantes desde avións militares""Gadafi lanza ao exército contra o pobo", ou "Libia afúndese nun caos xenocida", careceron do apoio gráfico necesario para facelas cribles, máis alá de infantís fotografías que amosaban a rebeldes sentados en cadeiras xiratorias disparando a un ceo onde os cazas libios non aparecían por ningures. A diferencia das revoltas exipcias onde as xentes invadían a cachón as prazas de El Cairo, en Libia as fotos das multitudes brillaron pola súa ausencia; mesmo os teléfonos móbiles, que tan eficaces foran noutras ocasións (Irán) non acadaron aquí protagonismo ningún, a pesares de que, segundo a ONU, o 60% da poboación Libia dispón deles. Sabemos que os satélites xeoestacionarios poden fotografar a matrícula do meu coche a 22.000 metros de altura, porén un titular de El Pais do 20 de febreiro non tiña ningún reparo en afirmar sen pudor que "Gadafi pecha Libia ao mundo cun muro de silencio". Mentres, nin as cámaras de Telesur, desprazadas sobre o terreo, nin as fotos tomadas por satélites do exército ruso serían quen de atopar a máis minima pegada dos bombardeos contra a poboación civil (http://rt.com/news/airstrikes-libya-russian-military/ e http://www.cronicasdeestemundo.com.ar/?p=491 ).
6. - E non é esta unha cuestión irrelevante, xa que foron as presuntas matanzas de civís as que serviron para xustificar tanto a pertinencia e necesidade da actual guerra por "motivos humanitarios" como a construción dos mecanismos emocionais necesarios para facer que persoas honradas e pacíficas non tivesen reparos en aplaudir sen dubidar esta sinfonía inconclusa de morte, horror e devastación.
* Presidente da Asemblea Republicana de Vigo.

Nenhum comentário: