27/03/2011

Unha vivenda de nova construción custa oito ou nove millóns de pesetas

Artigo tirado de aquí.

Marinaleda é un municipio sevillano de 3.000 habitantes cunha taxa de paro do 0% e onde os seus veciños pagan 15 euros mensuais de hipoteca até alcanzar un custo total de oito ou nove millóns de pesetas (entre 48.000 e 54.000 euros) para unha vivenda de nova construción. Juan Manuel Sánchez Gordillo é o alcalde do municipio e un dos artífices desta realidade que a día de hoxe parece impensábel.







Juan Manuel Sánchez Gordillo


fotocasa.es: Que política de vivenda aplican no municipio? 

Juan Manuel Sánchez Gordillo: Consideramos que a vivenda ten que ser un dereito e non un negocio. É un ben que está recoñecido pola Constitución como unha necesidade humana, por tanto non pode ser obxecto de especulación. Pensamos que fai falta un novo modelo económico que pense no ser humano e nas súas necesidades e non nos beneficios dunha minoría. Pasamos de ser un pobo de pleno paro a pleno emprego  no que todos os habitantes traballan en cooperativas industriais ou agrícolas gañando 47 euros ao día por seis horas de xornada laboral.

fotocasa.es: Mostrouse moita xente interesada en residir e traballar en Marinaleda?

Juan Manuel Sánchez Gordillo: Si, mais hai que entender que isto se levantou con moito esforzo e moito traballo. 600.000 persoas necesitan vivenda só en Andalucía, pero non podemos dar resposta a todo o mundo, por iso impuxemos como requisito para acceder a unha vivenda levar dous anos residindo en Marinaleda, aínda que si tratamos de ofrecer traballo a tantas persoas como podemos.

fotocasa.es: Cal é o custo medio dunha vivenda de nova construción?

Juan Manuel Sánchez Gordillo: Entre un oito ou nove millóns de pesetas. Hai que ter en conta que aquí o Concello cede gratuitamente o chan e ofrece os servizos do seu arquitecto. Ademais, os materiais de construción conséguense mediante un acordo asinado coa Xunta de Andalucía. A iso súmase o traballo do auto-construtor, que será o propietario da vivenda.
A primeira vivenda tería que ser de chan público. Desta maneira abarataríase o custo das casas nun 120%

fotocasa.es: E se a persoa que quere a vivenda non ten coñecementos de construción?

Juan Manuel Sánchez Gordillo: De peón serve calquera. De todos os xeitos, cando alguén non pode dedicarse á construción da súa vivenda pode delegar nun familiar ou pagar a alguén para que o faga no seu lugar. Tratamos de adaptarnos ás necesidades de cada persoa, parando a construción en períodos de recollida da oliva, por exemplo.  

fotocasa.es: É efectiva a actual Lei de Vivenda?

Juan Manuel Sánchez Gordillo: Non. Fai falta unha nova Lei de Chan. Hai que partir de que a vivenda é un dereito co que non se pode especular. Por tanto, a nova Lei debería de contemplar que a primeira vivenda fóra obrigatoriamente de chan público. Desta maneira abarataríase o custo das casas nun 120%. A Administración Pública tería que comprometerse para que as persoas insolventes pagasen un aluguer con opción a compra sen permitir a negociación.     

fotocasa.es: Podería extrapolarse a xestión de Marinaleda ao conxunto de España?

Juan Manuel Sánchez Gordillo: Por suposto, a condición de que se aprobase unha nova Lei de Chan que non contemplase a especulación, apostase polo aluguer e creáse un banco público de financiamento que xestionase e regulase a actividade financeira en España. A iniciativa privada ten sentido para segundas vivendas, vivendas vacacionais, etc., pero non para a primeira vivenda.

fotocasa.es: Como evolucionarán os prezos dos pisos en 2011?
Juan Manuel Sánchez Gordillo: Terán que seguir baixando. As empresas perderán diñeiro porque compraron o chan sobrevalorado, mais é difícil que exista outra solución. É mellor que rebaixen un 30% o prezo a que teñan un patrimonio morto, como son agora as vivendas.    
  
fotocasa.es: Cales foron os erros que nos levaron a esta crise do ladrillo?

Juan Manuel Sánchez Gordillo: O erro fundamental é a concepción da vivenda como un negocio especulativo en lugar de como un dereito. A empresa privada ten que ter beneficios pero non tan elevados. Hai que cambiar de filosofía.

fotocasa.es: Repetiranse estes mesmos erros no futuro?

Juan Manuel Sánchez Gordillo: O home é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra. En lugar de darlle tanto diñeiro aos bancos, que son os que provocaron a especulación, habería que intervir e regular o mercado financeiro. Pola contra, dentro de 5 ou 7 anos volveremos outra vez á mesma situación.

Um comentário:

REVOLTA IRMANDINHA disse...

http://www.rtve.es/alacarta/videos/cronicas/cronicas-marinaleda-treinta-anos-de-lucha/542917/