28/03/2011

A esquerda do capitalismo

Marcos Roitman Rosenmann. Artigo tirado de aquí e traducido por nós para o galego-portugués.
http://blogs.elcorreo.com/blogfiles/heroes/zapatero_brown_berlusconi1.jpg

Non cabe dúbida, a obrigación de adxectivar as condutas dos partidos socialdemócratas e progresistas como pertencentes á esquerda trae consigo exercicios teórico-ideolóxicos propios dun malabarismo intelectual. É común falar da existencia dunha "esquerda institucional", sobre todo cando nos referimos a organizacións políticas cuxas bases doctrinais non cuestionan o capitalismo, factor suficiente para negarlles o cualificativo de esquerdas. Non debemos esquecer que a socialdemocracia e os chamados reformistas non compartían as premisas do capitalismo. A estratexia cuestionada era a forma de enfrontalo, a transición ao socialismo. O dilema expresábase dualmente: reforma ou revolución. Agora, o problema é outro. Quen se autodefinen pertencentes á "esquerda institucional" comparten e aceptan as regras do xogo da economía de mercado. O facelo trae consigo consecuencias inmediatas. A súa decisión leva avalar o proceso de concentración e centralización do capital como mecanismo para a creación de riqueza. Por conseguinte, dentro dos seus programas desaparece a crítica de fondo ás relacións sociais de explotación sobre as cales, o capitalismo, constrúe e exerce o poder político. Os militantes desta nova esquerda institucional, parecen sentirse cómodos navegando nas augas do capital. Iso si, para xustificar o abandono da loita anticapitalista, a esquerda institucional e a socialdemocracia utilizan argumentos maniqueos e pedestres. A súa lóxica consiste en negar a loita de clases e a división social do traballo baseada na propiedade privada dos medios de produción. Da súa linguaxe desapareceron, por encantamento, os capitalistas e con iso a dualidade explotados-explotadores. Asumen, sen cuestionar, unha visión do mundo onde o imperialismo e os intereses depredadores das transnacionais se esfuman en prol da ideoloxía da globalización. Sen explicación coherente salientan o sentido harmónico da globalización, promovendo unha xestión da crise con rostro humano. Segundo eles, todos somos responsábeis e debemos compartir custos. Así suxiren un pacto estratéxico entre traballadores e empresarios, considerándoos parte dun mesmo equipo coas mesmas metas. Desta maneira, ninguén quedaría excluído dos beneficios dun traballo solidario. Nin gañadores nin perdedores. Se actuamos con xeito, ninguén se verá prexudicado. É o dilema do prisioneiro extrapolado ante as relacións sociais de explotación. Se se coopera conséguense os obxectivos, todos obteñen beneficios. Os traballadores manteñen o seu emprego, aínda que sexa en peores condicións, e os empresarios, xa nunca máis capitalistas, verán aumentar as súas ganancias e con iso investirán, incrementándose o produto interno bruto. Un verdadeiro pacto de cabaleiros. Postos nesta lóxica, o quid do capitalismo cambia de eixo, non se atoparía nas relacións de explotación. O seu sitio situaríase, a partir de agora, na forza autorregulada da economía de mercado para satisfacer as necesidades dos consumidores.

Para a nova "esquerda institucional" e a socialdemocracia, o capitalismo debe redefinirse como un sistema político destinado a xeneralizar os beneficios da economía de mercado. Con iso, o importante é consumir, non importa que, como e cando. Trátase de garantir o acceso ao mercado e formar parte dun exército de consumidores diferenciados pola calidade e a cantidade dos produtos que adquire. Uns comerán angulas, caviar, beberán champagne, conducirán Lambordinis, Mercedes Benz , irán de vacacións en iates e viaxarán en primeira clase; outros, en troques, deberán conformarse con sucedáneos, imaxinarse unhas vacacións virtuais, utilizar o transporte público, consumir gasosas ou tomar auga non contaminada, no mellor dos casos. Porén tampouco se esquecen dos menos agraciados, quen sobreviven con menos dun dólar ao día ou simplemente non teñen nin iso. Para este sector social aplícanlles o criterio de políticas para pobres. Poderán comer, terán un traballo precario, e veranse avocados á miseria, a exclusión e a marxinalidade. Mais sempre terán unha opción de saír adiante, en si son capital humano e ese é o seu máximo activo. O mercado está sempre atento para recibilos coas mans abertas.

Noutra orde de cousas, a "esquerda institucional" traslada o debate da cidadanía plena e a centralidade da política á esfera da eficiencia e a racionalidade económica para lograr un mellor funcionamento do mercado. Non teñen empacho en sinalar que están a actuar en beneficio de todos e en favor do progreso da humanidade. Moi ao seu pesar, só queda constatar a perda dos dereitos laborais, sindicais e políticos en beneficio da comunidade do mercado. Cómplices do secuestro da democracia, maniféstanse en prol dos tratados de libre mercado, as transnacionais e os grandes capitalistas. Asimilados aos postulados do capitalismo transformáronse nos seus cérbeiros. Adoptan a función do policía bo. Mentres critican as maneiras políticas da dereita neoliberal e conservadora, eles encarnan, din, o ben común e a moral pública. Pero ambos son a cara e cruz dunha mesma moeda e comparten un mesmo obxecto, dobregar a vontade das clases populares. Para eles non hai alternativa ao sistema, é mellor someterse e vivir de acordo ás leis do mercado. Loitar contra o capitalismo é un suicidio, porque este sempre gana.

Non hai por onde equivocarse, grazas á esquerda institucional e a socialdemocracia, o capitalismo  reinvéntase e queda absolto de ser unha orde de violencia, deshumanizante, asentado na desigualdade, a explotación e a inxustiza social. Por conseguinte, é mellor chamar as cousas polo seu nome e quitarlle a máscara a esta nova esquerda e os seus aliados socialdemócratas. É máis apropiado chamala esquerda do capitalismo, concepto apegado ás súas prácticas e claudicacións estratéxicas de loita anticapitalista. Por este motivo, démoslle a benvida, pondo ao descuberto os seus espurios intereses que consisten en manter inalteradas as estruturas de explotación inherentes ao modo de produción capitalista.

Nenhum comentário: