O 1 de março, dia da vitória do PP, Feijoo abraça-se com o presidente de Iberdrola. Umha dessas imagens que valem mais do que mil palavras. |
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar sentenza favorable ao decreto eólico do Goberno anterior, e fíxoo manifestando con rotundidade que cumpría coa legalidade e desestimando ademais unha ducia de argumentos expostos polos demandantes. Non existían, por conseguinte, as tachas de legalidade que o Partido Popular utilizou para deturpar o anterior decreto e poñer en marcha o seu novo concurso. Pero, alén da sentenza que vén confirmar o que algúns defendiamos ao respecto da súa legalidade, o realmente importante era o novo modelo enerxético que o anterior decreto pretendía implantar. A participación pública -auténtica razón da oposición presentada polo PP-, a adxudicación do recurso enerxético a través de un procedemento público en concorrencia e non por designación do Conselleiro, como se viña facendo con anterioridade, ou a vinculación da explotación dos nosos recursos ao impulso da nosa economía, da nosa industria e do emprego, do que estamos tan necesitados, eran os verdadeiros piares do decreto, con sentenzas a favor e mesmo en contra. Estes argumentos son e serán sempre defendibles en termos políticos por quen está inequivocamente poñendo os intereses de Galiza por diante de calquera outra cuestión. Neste sentido, a decisión do PP de derrogar o decreto anterior ten máis que ver con intereses partidarios, electorais ou doutra caste que cos do conxunto dos galegos. Esta derrogación imprudente sementou serias dúbidas en moitos investidores a respecto da seguridade xurídica de investir en Galiza xa que, sen ningún fundamento xurídico, se decidiu cambiar unhas adxudicacións feitas por un goberno lexítimo no desempeño do seu labor, polo simple feito de se producir un cambio político. Pero, ademais, esta temeraria decisión ocasionou a perda dun tempo esencial para garantir a viabilidade dos proxectos, nomeadamente no tocante ás primas e aos investimentos industriais asociados. Hoxe a situación, moito máis complexa que hai dous anos como consecuencia da crise económica, pode imposibilitar o desenvolvemento de moitos dos proxectos empresariais vinculados aos parques eólicos.
Alén disto, os erros cometidos pola Consellería de Economía e Industria no novo concurso inzan o proceso dunhas incertezas capaces de levalo á súa nulidade. Isto provocaría un novo parón no sector eólico, este xa definitivo. Cando o que está en xogo é o interese do país, esa debe ser a única prioridade. Así o ten demostrado o BNG ao longo desta lexislatura: fixémolo apoiando a fusión das caixas ou o catálogo de medicamentos. Nestes asuntos, non utilizamos de xeito gratuíto a nosa forza para desgastar o Goberno galego, porque soubemos e quixemos antepoñer o interese colectivo .
Mais aló da sentenza, e cando xa deixaron de resoar as acusacións que o PP e outros nos fixeron, só esperamos que cando menos se teña aprendido unha lección: as mentiras, como os ecos falsos, desaparecen sen pena nin gloria para que a verdade, máis cedo ou máis tarde, apareza rotunda e clara aínda que sexa en forma de sentenza.
Nenhum comentário:
Postar um comentário