04/04/2011

Indagacións sobre a cidadanía (IV): cidadanía e sistema financeiro (ou na ditadura dos cartos)

Raul Asegurado Pérez. Artigo tirado do seu blogue. Vejam-se os artigos prévios a este também reproduzidos no nosso blogue. O autor é membro da Coordenadora do Encontro Irmandinho e ativista em vários movimentos sociais.

http://www.elpais.com/recorte/20101026elpepueco_2/XLCO/Ies/Emilio_Botin.jpg

O outro día nunha reunión de AIS “O Peto”, Carmela, a tesoureira desta organización con máis de sete décadas de experiencia no activismo social, cando estábamos a falar dunhas xornadas de formación dixo que estas deberían ir na liña de evidenciar a ditadura dos cartos na que vivimos, por iso inclúo as súas verbas no comezo desta achega, porque ten razón; a miña pretensión é axudar a enunciar os alicerces desta ditadura e até onde chega a súa fortaleza.

Deixádeme expor esta metáfora. O capitalismo avanzou coma unha onda mariña, os países ocidentais íamos sobre ela ao modo dun surfista. Ao seu paso devastaba no fondo todo o que atopaba mais na superficie só chegaban salpicaduras do que destroía, algunhas veces tambaleábamonos a causa de severos impactos que apenas tiñan consecuencias aí arriba, algún impacto fixo que a nosa táboa de surf tremese; a onda co paso do tempo, inevitabelmente, rompeu, esnaquizouse, e agora estamos nese momento de desconcerto, de aturdimento que se sinte cando unha onda te envolve e fai perder calquera referencia, damos tombos e coma peleles deixamos que a única referencia sexa novamente a táboa, agora máis debilitada, que nos anima aínda que esteamos tragando auga, a subir a unha nova onda, que vai, non sabemos cara a onde, pero vai.

A metáfora, coma todas, cheias de imprefecións pero que nos amosan algo que nos custa verbalizar, o elemento central é a natureza, o elemento líquido, a auga, non posta de forma casual, fai referencia aos límites do crecemento, para sobrevivir a un efecto devastador, unha táboa; pertencer a ese pequeno núcleo que é capaz de dominar, nunha pequena táboa de surf (de madeira de árbore), simboliza a cuestión central que tentarei expor, a propiedade. A táboa ten unha marca, o sistema financeiro “SF”.

As relacións entre a cidadanía e o sistema financeiro, transcenden con moito unha relación persoal, se ben é certo que todas e todos temos unha relación direita co noso banco (caixa, cooperativa de crédito, etc…), que o conxunto da cidadanía teña unha mesma relación, e que o próprio estado tamén a manteña, fai que esta cuestión non sexa só unha cuestión de relación privada, senón que é unha relación coletiva que debería ser interiorizada por cada individuo coma parte dun entrelazado sistema de construción social, que desenvolve unha forma concreta de construír a condición de cidadanía e que enmarca un marco xurídico de relación entre a cidadanía e os Estados nacionais e/ou os estamentos internacionais.

A própria relación entre os dereitos sociais e as condicións económicas, véxase tanto a política fiscal coma os dereitos sociais ou de proteción (desemprego, sanidade, educación, etc…) é unha relación que se constrúe en base aos intereses do “SF”, por tanto, á vontade privada estabelecida entre os Estados e os Bancos; en que se sustenta esta relación?, vexamos tres piares e a construción democrática que emana desta relación:

Relación Bancos e Estado. Unha das relacións máis evidentes que puidemos observar neste momento de crise xeral é a primacía da capacidade de ación dos bancos fronte aos estados, estes tiveron que inxectar un volume económico recadado fundamentalmente da política fiscal (das aportacións dos cidadáns no seu conxunto) para activar novamente a capacidade de solvencia bancaria, mais estes superado unha fase inicial de aparente febleza dedicáronse a mercar a débeda pública contraída; e por tanto, se da inxeción económica por parte do Estado ás entidades privadas bancarias, non houbo máis relación que a obtida pola normal intermediación financeira a través de depósitos, onde o valor dos cartos foi moi reducida no proceso de devolución, ao revés estabeleceuse unha relación de submisión da propiedade; en definitiva, os Estados non nacionalizaron os bancos no momento da súa intervención sendo prestatarios-clientes (en forma de depósitos) con estes, mais a banca privatizou os Estados ao efeto de mercar (ser posuidores) da débeda contraída por estes.

É por tanto, que se ben na ilustración o debate era a relación entre a liberdade individual fronte a garantía de dereitos coletivos que impoñían os estados, non permitindo estes que ningunha vontade individual puidera impoñerse á vontade colectiva; agora, a vontade individual (privada) do sistema financeiro condiciona a forma de ser dos próprios Estados, condicionándoos a entrar nas súas normas de xogo, é máis, estaría aberto un debate sobre a propiedade económica dos Estados.

Relación Bancos e partidos políticos. O elemento central da teoría democrática representativa mantén, emanada da lóxica anterior, unha relación de submisión respeito do sistema financeiro, a propria existencia (económica) dos grandes partidos políticos depende das relacións privadas entre estes e os bancos que non só permiten o seu endebedamento, senón que condicionan a súa acción política. Se só para lanzar unha campaña eleitoral, os partidos políticos teñen que solicitar a concesión de préstamos ao sistema financeiro privado, é lóxico pensar que nada do que os seus programas eleitorales (que eles subvencionan) poida conter algo que vaia contra dos seus proprios intereses. A relación persoal entre o señor Botín e o señor Zapatero vai máis alá dunha relación privada, senón que é unha relación de submisión do segundo respeito ao primeiro que evidencia xa non só a submisión dos partidos políticos para existir, senón o beneplácito da vontade privada ante a ación executiva dun governo. E daría igual quen ocupe a cadeira dese governo elixido polo conxunto da cidadanía si se parte dese principio de desigualdade económica. [Veja-se ao respeito esta notícia recente que pode ilustrar o por quê da postura da direcçom do BNG no tema das caixas: aqui].

Relación Bancos e cidadanía. Non é obxecto deste artigo falar da ética do valor dos cartos, que ao fin e ao cabo é a relación de intermediación máis evidente entre a cidadanía e o sistema financeiro, mais si evidenciar que os proxetos de vida das cidadáns e dos cidadáns manteñen un estreito vencello con esta relación; non é pouco habitual escoitar a forma de brincadeira que o contrato matrimonial máis forte é o que estabelece unha parella ou persoa coa súa hipoteca, esta de media contraída a máis de tres décadas. A liberdade e o seu exercicio ten unha relación direita coas condicións materiais da existencia da cidadanía para poder exercer o uso deste dereito fundamental, e a condición de existencia material do conxunto da cidadanía estabelecese no marco do dereito privado entre as persoas e os bancos, sendo estes os que determinan nunha grande medida as aspiracións persoais do exercicio da liberdade; incluso se estes teñen un problema é o estado quen para garantir a relación estabelecida intermedia a favor sempre da banca, para “garantir” os aforros das persoas, mais na liña contraria non entran nunca a ter ningún papel alén do sancionador.

A necesidade bancaria da democracia de mercado. De todo o dito anteriormente, podemos tirar unha idea sobre as necesidades que o sistema financeiro ten e como determinan o funcionamento democrático dos estados nacionais en ocidente, máis acaidamente determinando os límites democráticos; cun pouco de perspectiva, dentro tal vez dun lustro, podemos estar xa a falar da democracia de mercado como o elemento constituído dentro dos Estados, regulando a necesidades destes mercados polas lexislacións internas, mais atendendo sempre as súas directrices; nesta lóxica a cuestión ecolóxica toma unha especial relevancia na posíbel orientación que se lle dea ao límites do crecemento, xa que ao longo da historia son os procesos de dominación os que en termos macro van determinando a configuración das estruturas sociais; e por tanto, elementos naturais que até o de agora estaban sendo “usados” de forma “direita” pasarán a unha esfera do dereito privado (auga, aire, etc…). Por unha banda reducíndose o ritmo de crecemento no uso da enerxía mais ampliando a base da comercializacións a esferas que até o de agora estaban fora.

Nenhum comentário: