23/04/2011

Volve a pantasma do CAP

Nova tirada de aqui.
http://www.galiciahoxe.com/img/noticias/20110419/gp16f04518991_506985.jpg
Carme Adán, responsábel de educación do Grupo Parlamentar do BNG no Hórreo.

Deputados do BNG critican o convenio cunha universidade rioxana que imparte o máster de profesorado "on line", cando no sistema público galego se están a limitar as prazas 



Dende hai anos, corren revoltas as augas en torno á polémica adaptación ó Espazo Europeo de Educación Superior do coñecido como CAP: en realidade tratábase dun curso para a obtención do Certificado de Aptitude Pedagóxica, o CAP en si, requisito obrigado para participar nas oposicións a profesorado de ensinanza secundaria, e que, tal e como estaban e seguen a estar as cousas no plano laboral, era a continuación lóxica dos estudos para moitos dos licenciados das tres universidades galegas. 

O antigo curso do CAP, que se facía en apenas un semestre, dende o mes de outubro ata o mes de abril do ano seguinte, foi substituído por un máster que o duplica en duración, pero, con todo, o peor para aqueles que optan a obter o título, foi o incremento no prezo desa formación, dende os apenas 200 euros a comezos do milenio, co modelo anterior, ós en torno 2.000 actuais

E neste marco de cousas, o portavoz do Grupo Parlamentario do BNG no Pazo do Hórreo, Carlos Aymerich, e mais a súa responsable de educación, Carme Adán rexistraron unha iniciativa na Cámara galega relativa á colaboración da Xunta cun centro universitario privado da Rioxa

Para os dous deputados nacionalistas, "coa escusa" da adaptación ó Espazo Europeo de Educación Superior, marcada polos membros da UE na Declaración de Boloña de 1999, "unha das primeiras medidas do Presidente da Xunta de Galiza en materia universitaria foi encarecer e limitar o número de prazas do CAP, convertido na actualidade nun máster e ofertando un número de prazas moi inferior á demanda, sobre todo, en determinadas especialidades". Seguindo coa exposición de motivos, os parlamentarios nacionalistas aseguran nesta iniciativa que a Universidade Internacional da Rioxa oferta agora un máster para formación do profesorado de educación secundaria, segundo eles "cinco veces máis caro que o antigo CAP", e, o máis curioso, "con prácticas en centros privados ou concertados de Galiza grazas ao convenio coa Xunta"

Os deputados nacionalistas Aymerich e Adán tamén aluden á polémica na que se viu implicada a Universidade Internacional da Rioxa por intereses inmobiliarios dos seus promotores e a falta de solvencia económica do proxecto, que, destacan, a pesar de todo, foi apoiado "dende o primeiro momento polo goberno rexional do Partido Popular e agora tamén polo Goberno galego". 

Por todo isto, os deputados do Bloque Nacionalista Galego preguntarán como xustifica a Xunta un convenio cun centro universitario privado para a realización dun curso on line por valor duns 4.000 euros, mentres se limitan as prazas no sistema das tres universidades públicas de Galicia

Quizais a resposta sexa simplemente outra limitación, a do número de prazas de emprego público ofertadas pola Consellería de Educación, que na convocatoria para este ano 2011 deixou totalmente insatisfeitos os sindicatos do sector. E é que, de feito, de seguir así as cousas, aqueles que pensen en facer o Máster de Profesorado farían mellor en considerar outras alternativas laborais.

COMPARATIVA

Especialidades non coincidentes
Facendo unha comparativa, na Universidade de Santiago de Compostela, o Máster para Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacherelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas pódese cursar nas especialidades de: Ciencias Experimentais, Matemáticas, e Tecnoloxía e Informática; Ciencias Sociais e Humanidades; Formación Profesional; Linguas e Literaturas; Artes, e Orientación Educativa. Pola contra, o máster on line da UNIR ofrece estoutras especialidades, non coincidentes coas ofertadas pola USC: Física e Química; Bioloxía e Xeología; Matemáticas; Xeografía e Historia; Lingua española e Literatura; Linguas estranxeiras (inglés); Ciencias Sociais e xurídicas; Orientación Educativa; Economía e Empresa, e Tecnoloxía e Informática. Xa que logo, cabe preguntarse tamén ata que punto coinciden os temarios, e, sobre todo, a validez dos títulos.

Nenhum comentário: