Carlos Taibo. Artigo tirado de Altermundo.
Escoitei a miúdo, en acampadas e manifestacións do movemento 15-M, que este último non pode queixarse do tratamento, razoabelmente xeneroso, que recibiu dos medios de comunicación. Semellante afirmación, un tanto sorprendente, encaixa á perfección coa condición dun movemento que, saudabelmente crítico con tantas cousas, parece pouco interesado en contestar unha das fontes principais de miseria que atenazan ás nosas sociedades.
Esquezamos hoxe, e por unha vez, á caverna mediática orquestrada pola dereita máis ultramontana. Limitémonos a sinalar ao respecto diso que, dramaticamente fóra da realidade, oferta nestas horas algúns dos mellores programas de humor de radios e televisións. Abondará con lembrar que un dos seus todólogos-estrela permitiuse sinalar que o movemento 15-M estaba dirixido por etarras especializados en guerrilla urbana…
Moito maior interese ten o que aconteceu nas últimas semanas cos medios de comunicación "progresistas" (non me deixa de abraiar que este adxectivo siga a ser empregado por moitos para retratar unha realidade que ao parecer entenden é venturosa). Falo dos medios que se achan baixo control de gobernos socialistas, como falo, noutro terreo, dos diarios El País e Público.
Se se trata de sopesar o que, ao meu entender, abrazaron os medios "progresistas" en relación co 15-M, o primeiro que hai que sinalar é que parecen atenazados por unha obsesión: amólalles excesivamente a condición dun movemento que, orgullosamente asembleario e antiautoritario, carece de caras visíbeis. A desesperación que isto xera conduce a filigranas, comunmente patéticas, para atopar esas caras.
Alén do anterior, os medios "progresistas" teiman en defender altruistamente ao movemento fronte á caverna. Claro é que, en facéndoo, prefiren esquecer o que o movemento é en si mesmo, como prefiren sortear que ten suficientes arrestos para defenderse por si só. No seu traballo o común é que boten man dunha descrición que considera que o 15-M exhibe dúas caras: mentres, por unha banda, estarían os mozos indignados, sempre pulidos e civilizados, pola outra estarían os marxinais, violentos e despreciábeis antisistema de sempre. Ao amparo desta dramática e interesada distorsión da realidade, inclínanse por ignorar que a única distinción de relevo á hora de dar conta do que o movemento arrastra é a que identifica, dunha banda, aos mozos indignados -a miúdo visibelmente meritocráticos- e, da outra, a unha infinidade de activistas dos movementos sociais críticos. O trato que estes últimos merecen divídese entre o esquecemento e a descualificación franca.
De resultas do anterior, os medios "progresistas" parten da presunción de que o groso das propostas que agroman do movemento son razoábeis e respectábeis , como o son eses mozos loxicamente indignados que se manifestan en acampadas e rúas. Para chegar a esa conclusión non queda outro remedio que rebaixar sensibelmente o contido desas propostas, deixando ao efecto sobre o terreo unicamente aquelas que gozan dun apoio pouco menos que universal. Así as cousas, só se nos fala da necesidade de loitar contra a corrupción, afortalar a división de poderes e reformar o sistema electoral, en aberto esquecemento de que do movemento xorden propostas que reclaman transformacións radicais, contestan activamente o que supón ao capitalismo e fan seus os cimentos dunha sociedade antipatriarcal, antiprodutivista e internacionalista. Todo isto último, sen máis, non interesa.
Os medios de comunicación "progresistas" ignoran, en suma, a que ao cabo é a aposta principal de moitos dos activistas que traballan no movemento 15-M: a que, lonxe de reclamar unha reforma do sistema que padecemos, reivindica a xeración de espazos de autonomía nos que, de xeito autoxestionario, se apliquen regras do xogo moi diferentes das hoxe imperantes. Neste sentido, os medios que nos ocupan non dubidan en sinalar que o movemento debe contentarse con influír sobre outros -gobernos, parlamentos, partidos, sindicatos- ou, no mellor dos casos, debe asumir o exercicio de pasar polas urnas para referendar os seus presuntos apoios populares.
Non parece que o anterior sexa outra cousa que un exercicio de enxeñería obscenamente encamiñada a cortar as ás a un movemento que, en virtude do seu impulso inicial, busca con claridade outros horizontes. Para facelos realidade, cada vez parece máis urxente que asuma unha posición de franco distanciamento con respecto á miseria que difunden os medios "progresistas".
Nenhum comentário:
Postar um comentário