Entrevista de Lluís Amiguet ao premio Nobel de medicina Richard J. Roberts. Artigo tirado de Rebelión (aquí) e traducido por nós.
Richard J. Roberts |
Teño 63 anos: o peor de facerte maior é que dás por seguras demasiadas verdades: é cando necesitas novas preguntas.Nacín en Derby: o meu pai mecánico regaloume un xogo de química... E aínda me divirte xogar. Casado, catro fillos; un, tetrapléxico por un accidente, anímame a seguir investigando. Participo no Campus Excelencia
A investigación pódese planificar?
- Se eu fose ministro de Ciencia, buscaría a xente entusiasta con proxectos interesantes; daríalles o diñeiro xusto para que non puidesen facer máis nada que investigar e deixaríalles traballar dez anos para sorprendernos.
- Parece unha boa política.
- Adóitase crer que, para chegar moi lonxe, tes que apoiar a investigación básica; pero se queres resultados máis inmediatos e rendíbeis, debes apostar pola aplicada...
- E non é así?
- A miúdo, os descubrimentos máis rendíbeis fixéronse a partir de preguntas moi básicas. Así naceu a xigantesca e billonaria industria biotech estadounidense para a que traballo.
- Como naceu?
- A biotecnoloxía xurdiu cando xente apaixonada empezouse a preguntar se podería clonar xenes e empezou a estudalos e a tentar purificarlos.
- Toda unha aventura.
- Si, pero ninguén esperaba facerse rico con esas preguntas. Era difícil obter fondos para investigar as respostas até que Nixon lanzou a guerra contra o cancro en 1971.
- Foi cientificamente produtiva?
- Permitiu, cunha enorme cantidade de fondos públicos, moita investigación, como a miña, que non servía directamente contra o cancro, pero foi útil para entender os mecanismos que permiten a vida.
- Que descubriu vostede?
- Phillip Allen Sharp e eu fomos premiados polo descubrimento dos intrones no ADN eucariótico e o mecanismo de xene splicing (empalme de xenes).
- Para que serviu?
- Ese descubrimento permitiu entender como funciona o ADN e, con todo, só ten unha relación indirecta co cancro.
- Que modelo de investigación parécelle máis eficaz, o estadounidense ou o europeo?
- É obvio que o estadounidense, no que toma parte activa o capital privado, é moito máis eficiente. Tómese por exemplo o espectacular avance da industria informática, onde é o diñeiro privado o que financia a investigación básica e aplicada, pero respecto da industria da saúde... Teño as miñas reservas.
- Escóitolle.
- A investigación na saúde humana non pode depender tan só da súa rendibilidade económica. O que é bo para os dividendos das empresas non sempre é bo para as persoas.
- Explíquese.
- A industria farmacéutica quere servir aos mercados de capital...
- Como calquera outra industria.
- É que non é calquera outra industria: estamos a falar da nosa saúde e as nosas vidas e as dos nosos fillos e millóns de seres humanos.
- Mais se son rendíbeis, investigarán mellor.
- Se só pensas nos beneficios, deixas de preocuparte por servir os seres humanos.
- Por exemplo...
- Comprobei como nalgúns casos os investigadores dependentes de fondos privados terían descuberto medicamentos moi eficaces que terían acabado por completo cunha enfermidade...
- E por que deixan de investigar?
- Porque as farmacéuticas a miúdo non están tan interesadas en curarlle a vostede como en sacarlle diñeiro, así que esa investigación, de súpeto, é desviada cara ao descubrimento de medicamentos que non curan do todo, senón que cronifican a enfermidade e fanlle experimentar unha melloría que desaparece cando deixa de tomar o medicamento.
- É unha grave acusación.
- Pois é habitual que as farmacéuticas estean interesadas en liñas de investigación non para curar senón só para cronificar doenzas con medicamentos cronificadores moito máis rendíbeis que os que curan do todo e dunha vez para sempre. E non ten máis que seguir a análise financeira da industria farmacolóxica e comprobará o que digo.
- Hai dividendos que matan.
- Por iso dicíalle que a saúde non pode ser un mercado máis nin pode entenderse tan só como un medio para gañar diñeiro. E por iso creo que o modelo europeo mixto de capital público e privado é menos fácil que propicie ese tipo de abusos.
- Un exemplo deses abusos?
- Deixáronse de investigar antibióticos porque son demasiado efectivos e curaban do todo. Como non se desenvolveron novos antibióticos, os microorganismos infecciosos volvéronse resistentes e hoxe a tuberculose, que na miña nenez fora derrotada, está a rexurdir e matou este ano pasado a un millón de persoas.
- Non me fala vostede do Terceiro Mundo?
- Ese é outro triste capítulo: apenas se investigan as enfermidades terceiromundistas, porque os medicamentos que as combaterían non serían rendíbeis. Pero eu estoulle falando do noso Primeiro Mundo: o medicamento que cura do todo non é rendíbel e por iso non investigan nel.
- Os políticos non interveñen?
- Non se faga ilusións: no noso sistema, os políticos son meros empregados dos grandes capitais, que invisten o necesario para que saian elixidos os seus rapaces, e se non saen, compran os que son elixidos.
- Haberá de todo como en botica.
- Ao capital só lle interesa multiplicarse. Case todos os políticos - e sei do que falo- dependen descaradamente desas multinacionais farmacéuticas que financian as súas campañas. O demais son palabras...
Nenhum comentário:
Postar um comentário