Vicenç Navarro. Artigo tirado de Altermundo (aqui). Antes de ler o artigo recomendamos ler a asombrosa nova que relata como os directivos da caixa intervida polo FROB, a CAM, se apontaron ao INEM para receber o subsidio de desemprego (aquí).
Imaxe tirada de CanariasInsurgente (aquí). |
Durante a época do neoliberalismo que abrangue desde finais da década dos anos setenta até agora, a postura hexemónica nos centros financeiros, políticos e mediáticos no mundo máis desenvolvido economicamente (onde se xera a sabedoría convencional transmitida polas maiores institucións internacionais, desde o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial, á OCDE, entre outros) é que a Banca privada é máis eficiente que a pública.
Desta crenza derivan as políticas estatais na maioría de tales países, incluíndo o Estado español, de privatizar a Banca e, no Estado español, as caixas de aforro, converténdoas todas elas en Bancas privadas. Esta ideoloxía ou crenza, porén, apóiase en fe máis que en evidencia científica, a cal apoia posturas opostas ás que os establishments financeiros, políticos e mediáticos están promovendo. Un exemplo diso é o que ocorre en EUA. Vexamos os datos.
O Estado de EUA que ten unha economía máis eficiente, coa maior porcentaxe da poboación empregada, co menor desemprego, cos salarios máis elevados, e cun maior superávit nas súas vendas é North Dakota. Cal é a causa diso? A primeira vista parecería que se debe a que é un Estado afortunado: ten petróleo. E iso crea riqueza. Agora ben, outros Estados teñen petróleo e os seus indicadores seguen a pauta xeral do país: alto desemprego, destrución de emprego e con contas públicas en negativo. Entre eles está o Estado de Alasca, un dos Estados que produce máis petróleo naquel país [e é o único lugar no mundo onde existe unha renda básica; N. do blogger]. Montana e Wyoming tamén son ricos en recursos enerxéticos -gas e petróleo- e en troques están -como o está tamén Alasca- en crise profunda. Parece, pois, que ter petróleo non é a causa principal de que a North Dakota lle vaia tan ben.
Analizando as causas, Ellen Brown, unha analista, coñecida polos seus estudos das economías dos Estados, concluíu que o éxito de North Dakota (o seu desemprego é do 3.3%, o máis baixo de EUA) é que ten un Banco Público. O Estado deposita todos os ingresos que recibe neste banco, o cal ten como obxectivo axudar á economía do Estado, tendo prohibido investir fóra do Estado e practicar comportamentos especulativos. Axuda ás empresas baseadas no North Dakota e ten como función primordial prover crédito aos residentes naquel Estado. O contraste no xeito en que este Estado xestiona os seus ingresos -a través da Banca Pública- e o xeito como o fai, por exemplo, California -a través da Banca Privada- é espectacular.
O profesor de Economía e Director da Facultade de Dereito de Orange, do Estado de California, o Sr. Timothy Canova, fixo esta comparanza ítem por ítem, e chega á conclusión de que parte do enorme problema do Estado de California é que, ademais de ter desregulada a Banca, deposita todo o seu diñeiro na Banca privada, que se utiliza fóra do Estado e para fins especulativos que crea un grande risco e inestabilidade financeira. É máis, ao que o Estado o deposita nos bancos, perde a oportunidade de investilo en fins encamiñados a favorecer a economía produtiva californiana. California, como resultado diso, ten gravísimos problemas, con elevadísimo desemprego e contas públicas moi negativas, ao contrario que North Dakota.
Esta experiencia reprodúcese tamén en Europa. O país que hoxe ten uns mellores indicadores sociais e económicos é Noruega, que é un dos poucos países que ten un Banco Público. Como no caso de North Dakota, a clave non é o petróleo, senón a existencia dunha entidade pública que garanta o crédito.
A situación no Estado español
As privatizacións masivas que tiveron lugar no Estado español a partir da década dos anos noventa, e moi en particular durante o goberno do Partido Popular, empobreceuno a longo prazo. O Estado español deixou de recibir fondos producidos por empresas públicas altamente rendíbeis, tales como Telefónica, Tabacalera, Repsol, Gas Natural e Endesa, entre outras. Para decatarse do que significa para o Estado tales privatizacións, hai que coñecer que os beneficios da Lotería nacional que o Goberno español intentou privatizar deu en 2011 uns beneficios ao Estado de 2.643 millóns de euros, que é moito máis que o diñeiro que o Estado intentou aforrar conxelando as pensións e reducindo os salarios dos empregados públicos. Algo semellante ocorría naqueloutras institucións que foron privatizadas: deixaron de xerar recursos ao Estado.
Tal empobrecemeento ocorreu tamén no sector financeiro. As institucións financeiras Argentaria, Banco de Crédito Industrial e Banco de Crédito Agrícola, hoxe parte do BBVA, eran altamente rendíbeis cando foron privatizadas. En realidade a privatización do crédito dificultou enormemente a misión que ten o Estado de garantir a dispoñibilidade do crédito como medida necesaria para estimular a actividade económica. A única institución que ten como obxectivo primordial esta garantía de crédito, é o Instituto de Crédito Oficial (ICO) que, por certo, é rendíbel, presentando uns beneficios anuais de 20 millóns de euros. O seu tamaño é excesivamente limitado e un goberno progresista debería estimular o seu desenvolvemento e transformación nunha Banca pública que garantise a dispoñibilidade de crédito, un dos maiores obstáculos para que a economía española se recupere. É decepcionante que o goberno Zapatero, cuxa equipa económica estivo imbuída do dogma neoliberal, non considere o establecemento de tal Banca pública, e tamén é frustrante que o candidato Rubalcaba rexeite a proposta de que se establecese a Banca pública no Estado español, unha da maiores condicións para que a economía española se recupere. En canto ao maior partido da oposición, o partido Popular, as súas propostas de desregular o sector bancario e o seu desexo de continuar a privatización das caixas de aforros dificultarían aínda máis a dispoñibilidade de crédito e, polo tanto, a recuperación económica.
Nenhum comentário:
Postar um comentário