05/11/2011

Beiras terá o seu "día nacional"

Xurxo Salgado. Tirado de Galicia Confidencial (aqui).



Este ano cumpriu o seu 75 aniversario e o vindeiro 2012 cumpriranse os 40 anos dun dos seus libros que é hoxe todo un referente da historia económica deste país: O atraso económico de Galiza. Aproveitando estas efemérides unha comisión constituída por Xosé María Álvarez Cáccamo, Salomé Álvarez Blanco, Xusto Beramendi, Manuel Caamaño, Comba Campoy, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán Vello, Victor F. Freixanes, Margaria Ledo, Lidia Senra e Xosé Manuel Soutullo impulsou a celebración dunha homenaxe que servirá de recoñecemento de toda unha traxectoria política, persoal e académica de quen pasa por ser unha das grandes cabezas do nacionalismo galego.

Foi o finado Valentín Arias quen iniciou un proxecto que tomaron como propio os membros desta comisión. "Vimos isto con satisfacción porque é xustificadisimo para honrar a súa traxectoria", lembrou Manolo Caamaño durante a presentación do acto que coincidiu co inicio da campaña electoral e unha conferencia de Guillerme Vázquez no Forum Europa.

"Contraprogramación"

Por iso, Xusto González Beramendi quixo aclarar que non se trataba de ningunha "contraprogramación" a ningún acto do nacionalismo. "Nada lonxe da nosa intención. Isto estaba programado antes de que ZP adiantara as eleccións", indicou.

O 17 de decembro é o día escollido. E non é unha data calquera. Nunha data como esa hai 528 anos morría axustizado o último dos grandes nobres galegos, o mariscal Pardo de Cela. E esa foi a data que Vilar Ponte propuxo como día para celebrar o Día Nacional de Galiza e que foi rexeitado pola vertente máis conservadora e católica das Irmandades da fala que, finalmente, elixiron o 25 de xullo. "Por iso será unha especie de día nacional de Beiras", chanceou Beramendi.

Libro

Tamén se aproveitará o momento para presentar un libro, editado por Galaxia, e no que participan 35 autores diferentes que falan sobre política, historia, demografía, economía ou movimentos sociais. Terá tres partes; unha sobre a súa biografía política, outra na que se reflexionará sobre o 40 aniversario da súa principal obra e outro ensaística sobre cuestións de actualidade.

O evento rematará cun xantar para o que será necesario apuntarse previamente e pagar 50 euros. "Partes deses cartos destinaranse a pagar os custes do acto", apuntou Comba Campoy. Os interesados pode enviar unha mail a homenaxebeiras@gmail.com.

Nenhum comentário: