01/11/2011

A FPG inicia unha nova etapa tras o seu VI Congreso

Información extraída da web da Frente Popular Galega (aquí).

No seu VI Congreso celebrado en Redondela baixo o lema “Alternativa comunista”, a Frente Popular Galega analizou as condicións para a construción dun proxecto de liberación nacional, de xénero e de clase nas actuais condicións de crise sistémica capitalista e agravamento da opresión colonial española.

Neste sentido, os diversos relatorios aprobados incidiron na necesidade de participar naqueles proxectos encamiñados a unha acumulación das forzas de esquerda e soberanistas para mellor enfrontar os desafíos crecentes cos que o Capital e o Estado español pretenden pexar a ascensión do seu inimigo natural, como é o caso da nova Lei Electoral, deseñada ex profeso para impedir a visibilización daquelas minorías máis combativas e contrarias ao seu proxecto de sometemento das nacións e clases que lle son inimigas. Este vieiro unitario xa está en marcha, e os militantes da FPG xuntos en asemblea teimaron no seu compromiso de traballar, desde a honestidade e a humildade, na boa conclusión deste proxecto fundamental para a defensa dos intereses do noso pobo traballador. Así mesmo, a Frente considerou positivo o labor de Causa Galiza nestes últimos anos no cumprimento do seu obxectivo principal: a socialización do dereito á autodeterminación, aínda que tamén olla con preocupación certos comportamentos que poderían estragar coa súa miopía sectaria o forte poder de convocatoria desta plataforma alicerzado na súa pluralidade.

Con respecto á política municipal salientamos a importancia das nosas candidaturas, quer baixo a forma de unidade popular, quer baixo as siglas do Partido, que se erixiron nun dos eixos vertebradores da acción política da Frente Popular Galega ao diferenciarnos desde a praxe local coma fractura coa lóxica do sistema capitalista. Decidiuse, asemade, afondarmos no municipalismo a través dunha campaña nacional que abra a participación, o debate das veciñas e dos veciños arredor do recoñecemento das nosas parroquias como entidades políticas, xurídicas e administrativas, verdadeira ferramenta do poder popular.

No que atinxe á ofensiva do Capital en curso, o congreso da FPG afirmou a necesidade de incidir no traballo de base nos sindicatos galegos clasistas, nomeadamente, na CUT e na CIG, como mellor xeito de combatela, fomentando as iniciativas unitarias encamiñadas cara a unha Folga Xeral Nacional que poña de manifesto a unidade fundamental da clase traballadora galega na loita común.

Con respecto á cuestión de xénero, a Frente Popular Galega realizou unha forte autocrítica, estendida ao común das forzas comunistas que, en xeral, continuamos a adoecer de incomprensión do fenómeno económico, político e social de dominación sobre as mulleres. Nesta liña, analizouse a gravidade da Lei de familia da Xunta de Galicia, baixo a súa dimensión de reforma laboral que pretende enclaustrar ás mulleres nas paredes do fogar. Co fin de impulsar a formación e o debate encol desta cuestión entre as bases aprobouse a constitución da Secretaría das Mulleres.

No tocante á defensa da terra e ecoloxismo, a militancia da FPG estima a voracidade do Capital un problema de saúde pública de solución urxente. O espolio e destrución do medio e a expropiación de recursos comunais como a auga mediante a Lei de Augas aprobada polo goberno de Feijóo, teñen entrado nos últimos tempos nunha espiral ascendente, agresiva e usurpadora que pon en risco, a medio prazo, as condicións precisas para a vida humana no planeta. No caso galego, esta destrución do medio ten ademais un carácter colonial, pois moitos dos encoros, parques eólicos, piscifactorías e centrais térmicas localizadas no noso territorio son de propiedade privada e estranxeira, e non responden a unha planificación das necesidades propias nin, por suposto, socializan as súas ganancias na comunidade que as sustenta. A FPG aposta pola militancia de base nos colectivos ecoloxistas implicados na defensa do medio e pola denuncia activa de todas estas agresións.

Por último, a Frente Popular Galega escolleu para liderar e dirixir este proxecto nos vindeiros anos un Comité Central renovado e composto, na súa maior parte, por militancia moza pero experimentada xa nas loitas sindicais ou estudantís. Mariano Abalo foi considerado, pola súa experiencia, traxectoria e lealdade aos principios do Partido, o militante máis axeitado para desempeñar o labor de Secretario Xeral.

En Redondela, a dezaseis de outubro de 2011.

Nenhum comentário: