23/11/2011

Oposición social na era de Inernet: "militantes" de computador e intelectuais públicos

James Petras.Artigo extraído de Rebelión e verquido por nós para o galego (fonte aquí). Turquía, 9-10 de decembro de 2011. Traducido para Rebelión por Silvia Arana.

Introdución

A relación da tecnoloxía informática (TI), e máis especificamente a internet, coa política é unha cuestión central para os movementos sociais contemporáneos. Como moitos avances científicos previos, as innovacións da TI teñen un propósito dual: por unha banda, aceleraron o fluxo global de capital, especialmente do capital financeiro, e facilitaron a "globalización" imperialista. Polo outro lado, internet serviu para prover fontes de análise crítica alternativo do mesmo xeito que unha mellor comunicación para mobilizar aos movementos populares.

A industria TI xerou unha nova clase de multimillonarios, desde Silicon Valley en California até Bangalore, en India. Estes tiveron un rol central na expansión do colonialismo económico mediante o control monopólico en diversas esferas do fluxo de información e o entretemento.

Parafraseando a Marx "a internet converteuse no opio dos pobos". Mozos e vellos, empregados e desempregados pasan horas mirando pasivamente espectáculos, pornografía, vídeo-xogos, artigos de consumo e até "noticias", illados doutros cidadáns, compañeiros de traballo.

En moitos casos, o "exceso" de noticias en internet saturouno, absorbendo tempo e enerxía e distraendo aos "observadores" da reflexión e acción. Da mesma maneira en que as noticias escasas e tendenciosas distorsionan a conciencia popular, demasiadas mensaxes por internet poden inmobilizar a acción dos cidadáns.

Internet, deliberadamente ou non, privatizou" a vida política. Incluso moitos activistas potenciais cren que o envío de manifestos a outros individuos é un acto político, esquecendo que só a acción pública, incluíndo confrontacións cos seus adversarios en espazos públicos, nos centros das cidades e no campo, son a base das transformacións políticas.

TI e capital financeiro

Lembremos que o ímpeto orixinal polo crecemento de "TI" proveu das esixencias das grandes institucións financeiras, bancos de investimentos e axentes especulativos que querían mover dun país a outro, dunha empresa a outra, dunha commodity a outra, miles de millóns de dólares e euros soamente oprimindo unha tecla.

A tecnoloxía de internet foi a forza motriz do crecemento da globalización ao servizo do capital financeiro. Dalgunha maneira a TI tivo un rol fundamental no desencadenamiento das dúas crises financeiras globais da década pasada (2001-2002, 2008-2009). A burbulla das accións de TI de 2001 foi o resultado da promoción especulativa das "firmas de software" sobrevaluadas e desvinculadas da "economía real". A crise financeira global de 2008-2009 e a súa continuación hoxe en día, foi inducida polo paquete computarizado de fraude financeira e polas hipotecas inmobiliarias sen fondos suficientes. As "virtudes" de internet, a súa rapidez para transmitir información no contexto do capitalismo especulativo converteuse nun dos factores contribuíntes á peor crise capitalista desde a Gran Depresión da década do 30.

A democratización de internet

A internet volveuse accesíbel para as masas como un mercado comercial e logo expandiuse a outros usos, sociais e políticos. Máis importante aínda se volveu un medio para informar o público sobre a explotación e o saqueo dos países e dos pobos polos bancos multinacionais. Expuxo as mentiras das guerras imperialistas dos EUA e a UE. no medio Oriente e o Sueste Asiático.

Internet converteuse nun terreo en disputa, unha nova forma de loita de clases, na que forman parte os movementos prol-democracia e de liberación nacional. Os principais movementos e líderes da loita armada nas montañas de Afganistán, o activistas prol-democracia de Exipto, os movementos estudantís de Chile e mesmo os movementos pola vivenda da xente pobre en Turquía, dependen da internet para informarlle ao resto do mundo sobre as súas loitas, programas, represión estatal e vitorias populares. Internet conecta as loitas populares a través das fronteiras nacionais -é unha arma crave para crear un novo internacionalismo que contrarreste a globalización capitalista e as guerras imperiais.

Parafraseando a Lenín, podemos soster que o socialismo do século XXI pode ser resumido na ecuación: "soviets máis internet = socialismo participativo"
.

Internet e políticas de clase

Debemos lembrar que as técnicas de información computarizada non son "neutrais" -o seu impacto político depende dos usuarios e os supervisores que determinan a quen e a que intereses de clase servirán. En termos máis xerais a internet debe ser contextualizado en relación coa súa inserción no espazo público.

Internet serviu para mobilizar a miles de traballadores en China e campesiños en India contra explotadores corporativos e promotores inmobiliarios. Pero a guerra aérea computarizada converteuse na arma elixida pola OTAN para bombardear e destruír a Libia independente. Os drones norteamericanos que matan civís en Paquistán e Iemen están dirixidos por "intelixencia" computarizada. A localización dos guerrilleiros colombianos e os bombardeos aéreos letais están computarizados. Noutras palabras, a tecnoloxía informática ten un uso dual: na liberación popular e na contrarrevolución imperialista.

Neoliberalismo e espazo público

No debate sobre "espazo público" asumiuse a miúdo que "público" significa maior intervención estatal en beneficio do benestar da maioría; maior regulación do capitalismo e maior protección do medio ambiente. Noutras palabras, os actores "públicos" benignos contraponse ás forzas explotadoras do mercado privado.

No contexto do auxe da ideoloxía e as políticas neoliberais, moitos autores progresistas defenden o argumento sobre a "decadencia da esfera pública". Este argumento pasa por alto o feito de que a esfera pública incrementou o seu rol na sociedade, economía e política en beneficio do capital, especialmente do capital financeiro e dos investidores estranxeiros. A "esfera pública", especificamente o estado, é moito máis intrusivo na sociedade civil como unha forza represiva, particularmente a medida que as políticas neoliberais aumentan a desigualdade. Debido á intensificación e profundización da crise financeira, a esfera pública (o estado) asumiu un rol masivo no rescate dos bancos en bancarrota.

Debido ao déficit fiscal en grande escala causado pola evasión impositiva da clase capitalistas, o gasto das guerras coloniais e os subsidios públicos ás grandes empresas, a esfera pública (estado) impón programas de "austeridade", cun contido de clase, recortando o orzamento social e prexudicando a empregados públicos, xubilados e empregados asalariados.

A esfera pública diminuíu o seu rol no sector produtivo da economía. Con todo, o sector militar medrou coa expansión das guerras imperiais e coloniais.

A cuestión básica subxacente en calquera debate sobre a esfera pública e a oposición social non son nin a decadencia nin o crecemento senón máis ben os intereses de clase que definen o rol da esfera pública. Baixo o neoliberalismo, a esfera pública está orientada a usar o tesouro do estado para financiar rescates de bancos, militarismo e unha maior intervención do estado policial. Unha esfera pública dirixida pola oposición social (traballadores, agricultores, profesionais, empregados) ampliaría as actividades en relación a saúde, educación, pensións, medio ambiente e emprego.

O concepto da "esfera pública ten dúas caras opostas (como Jano): a do capital e o militar, e a do traballo/oposición social. O rol da internet está tamén suxeito a esta dualidade: por unha banda facilita os movementos de capital a grande escala e as intervencións militares imperialistas; e polo outro lado, prové un fluxo rápido de información para mobilizar á oposición social. A cuestión básica é: que tipo de información se transmite, a que actores políticos e con que intereses sociais?

Internet e oposición social: A ameaza de represión estatal

Para a oposición social internet é, primeiro e ante todo, unha fonte vital de información alternativa crítica para educar e mobilizar o "público" -especialmente entre a corrente de opinión progresista- líderes, profesionais, dirixentes sindicais e campesiños, militantes e activistas. A internet é a alternativa aos medios capitalistas de masas e a propaganda, unha fonte de noticias e información que transmite manifestos e que informa os activistas de sitios de acción pública. Debido ao rol progresista que ten a Internet como instrumento da oposición social é vixiado polo aparello estatal policial e represivo. Por exemplo, nos EUA máis de 800.000 funcionarios traballan na axencia policial "Homeland Security" (Seguridade Nacional) espiando miles de millóns de mensaxes e-mail, faxes e chamadas telefónicos feitas por millóns de cidadáns dos EUA. Outro asunto é até que punto é eficiente é a vixilancia de toneladas de información diaria. Porén o feito é que internet non é unha "fonte libre e segura de información, debate e discusión". Canto máis eficiente resulte Internet como ferramenta de mobilización dos movementos sociais opostos ao estado colonial e imperial, maiores son as posibilidades de intervención do estado policial co pretexto de "combater o terrorismo".

Internet e loita contemporánea: Ten un carácter revolucionario?

É crucial recoñecer a importancia de Internet como detonante de certos movementos sociais do mesmo xeito que a relativización do seu significado xeral.

Internet tivo un rol vital en difundir e mobilizar as "protestas espontáneas" como a dos "indignados", maiormente desempregados sen afiliación en España e os manifestantes que participan en "Ocupar Wall Street". Noutros casos, por exemplo, as folgas xerais en Italia, Portugal, Grecia e noutros países as confederacións sindicais tiveron un papel central e a Internet, un impacto secundario.

En países con alto nivel de represión como Exipto, Tunes e China, a internet tivo un rol central na difusión da acción pública e na organización das protestas masivas. Con todo, a internet non conduciu a ningunha revolución exitosa -pode informar, prover un foro de debate e mobilizar, pero non pode proporcionar liderado nin organización que sustente acción política nin moito menos unha estratexia para tomar o poder do estado. A ilusión que algúns gurús da internet promoven de que a acción "computarizada" substitúe a necesidade dun partido político disciplinado demostrou ser falsa: internet pode facilitar un movemento pero só a oposición social organizada pode prover a dirección táctica e estratéxica dun movemento contra a represión estatal e en pos de loitas exitosas.

Noutras palabras, internet non é un "fin en si mesmo" -a postura auto-compracente dos ideólogos de Internet ao levantar o estandarte dunha nova era de información "revolucionaria" pasa por alto o feito de que os poderes da OTAN, Israel e os seus aliados e clientes agora usan Internet para infiltrar virus que desequilibren a economía, para sabotear programas de defensa e promover levantamentos étnico-relixiosos. Israel infectou con virus o programa nuclear sen fins de guerra de Irán; EUA, Francia e Turquía incitaron á oposición social "cliente" en Libia e Siria. Para resumir, Internet é un medio non un fin en si mesmo. Forma parte da esfera pública, cuxos propósitos e resultados están determinados pola estrutura de clases na que se acha insiro.

Conclusións: "Militantes de computadora" e intelectuais públicos

A oposición social está definida pola acción pública: a presenza de colectivos en reunións políticas, individuos que se expresan en reunións públicas, activistas que se manifestan en prazas públicas, militantes sindicais que confrontan aos empleadores, xente pobre que esixe vivendas e servizos públicos das autoridades públicas...

Expresarse nunha reunión pública, formular ideas, programas, propor plans e estratexias a través da acción política define o rol do intelectual público. Sentar fronte ao escritorio dunha oficina, en espléndido illamento, enviando cinco manifestos por minuto define a un "militante de computadora". É unha forma de seudo-militancia que illa o mundo das accións. A militancia de computadora é un acto verbal inactivo, de activismo sen consecuencias, unha revolución inventada pola mente. O intercambio de comunicacións por Internet vólvese un acto político cando está conectado a movementos sociais e públicos que desafían o poder; que necesariamente involucra riscos para o intelectual público: de ataques da policía en espazos públicos e desquites económicos na esfera privada. Os activistas de computadora non arriscan nada e logran pouco. Os intelectuais públicos conectan o descontento privado dos individuos co activismo social do colectivo. O crítico académico vai a un lugar de acción, fala e regresa á oficina da universidade. O intelectual público fala e susténtase nun compromiso político e educativo de longo prazo coa oposición social na esfera pública por medio de internet e fronte aos encontros cotiáns.

Nenhum comentário: