08/12/2011

As aterradoras intencións dos tecnócratas da Eurozona

Ann Pettifor e Douglas Coe. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós.

A medida que a economía mundial trata sen éxito de recuperarse, pois do contrario ameaza con implosionar, estamos a ser testemuñas dun desenvolvemento político e social en Europa profundamente alarmante, aínda que fose inevitábel. É importante que entendamos e nos preparemos para as implicacións que deparan os acontecementos recentes.

A boa noticia é que os políticos e os responsábeis políticos na OCDE e a UE están forzados finalmente a recoñecer a escala do desastre económico que ameaza a estabilidade social e política. A mala noticia é que isto non está a conducir a unha mellor comprensión da crise, ou polo menos a admitir as súas causas.

Contrariamente, séguese representando a crise estritamente como unha crise de débeda soberana, e non como unha crise do privado e liberalizado sistema bancario. En lugar de recoñecer que o aumento de débeda soberana é resultado e síntoma dunha crise no sector financeiro privado, os responsábeis políticos da UE continúan culpando á débeda pública como a causa. As defectuosas políticas para reducir a débeda pública, que mesmo a están incrementando, son agora a constante no discurso público. Mentres tanto, a crise no sistema bancario privado séguese ignorando (así como a ameaza inminente de bancarrotas).

Como resultado, a crise económica e financeira global que comezou en agosto de 2007 intensificouse. Segue lonxe de resolverse xustamente porque segue estando sen explicación. O 14 de novembro de 2011, como proba ante a comisión de finanzas do parlamento alemán, o presidente do Bundesbank Jens Weidmann "atribuíu a culpa á crise de confianza dos políticos da Eurozona" segundo Der Spiegel.

Debido á errada diagnose e ao mal punto de enfoque dos influentes tecnócratas e responsábeis políticos, os 'remedios' económicos aplicados só serven para prolongar e agravar esta crise.

Non hai que deixarse enganar, a situación está  deteriorándose severamente. De acordo con The Economist, o número de desempregados de entre 15 e 24 anos dentro da OCDE -os países máis ricos do mundo- é máis alto que nunca desde que a organización comezou a recoller datos en 1976:

a.- En España, o desemprego está en 5 millóns, ou o 21,5% da forza de traballo (a pesar da repatriación de miles de inmigrantes latinos sen traballo). Entre os mozos, o desemprego representa un asombroso 46,2%.

b.- En Irlanda, encumbrada como historia dun éxito, a taxa de desemprego triplicouse até o 14,2% desde a peor crise bancaria en Europa e o subseguinte colapso do boom inmobiliario en 2008. E iso a pesar do feito de que a emigración é agora a máis importante desde o século XIX, cunha estimación de 100 irlandeses deixando o país cada día.

c.- A taxa de desempregados en Grecia alcanzou a marca do 18,4% en agosto, cando o número de desempregados creceu case un 50% durante o ano, a 907.953. Os mozos gregos continúan sendo os peor parados, cun desemprego do 43,5% para a categoría de 15 a 24 anos, o dobre que fai tres anos.

d.- Nos EUA, a pesar dunha menor rigorosidade na aplicación da austeridade, a taxa oficial de desemprego é do 9%, máis do dobre que a anterior á crise, en 2007, que foi do 4,4%. Pero estas estatísticas non inclúen os traballadores que se desanimaron na procura de emprego, ou os que traballan a tempo parcial cando preferirían traballar a tempo completo. Se eses incluísense, segundo a Oficina de Estatísticas do Traballo (citado na web de Bond Vixiantes) "11,4 millóns de estadounidenses non teñen ingresos, non pagan impostos sobre a renda e non contribúen na produción de bens e servizos". Case o 15% dos cidadáns de EEUU (45,8 millóns) utilizan cupóns de alimentos.

Agora mesmo a atención está posta na Eurozona. O seu mal concibida unión monetaria (modelada como o patrón ouro dos anos 20, que impuña similares restricións á soberanía dos gobernos) comezou a desmoronarse. Simultaneamente proliferan as crises de débeda soberana. Pero esas son, repetimos, meros síntomas, non causas.

Afirmamos unha vez máis: a crise non é de débeda soberana. En lugar diso trátase fundamentalmente da bancarrota do sistema financeiro privado globalizado, e a implosión das impagábeis débedas contraídas ao longo de trinta anos por bancos privados e outras institucións financeiras.

Como consecuencia, a globalización "un sistema financeiro liberalizado que favoreceu aos poderosos" está implosionando. E a culpabilidade diso céntrase "tanto por parte dos tecnócratas como de políticos" non sobre os bancos centrais, os creadores das políticas e os banqueiros privados, senón nos débiles. Do mesmo xeito en que os países ricos da Eurozona culpan ás economías da periferia máis pobres, vénnos á cabeza un paralelismo: o Capitán do Titanic aferrado aos restos de barco, culpando polo seu destino ás vítimas que se están afogando.

Con este erróneo enfoque vén a aparente e aterradora intención das autoridades de facer tragar a má "menciña" - a austeridade- nas gorxas da vítimas europeas, e facelo a expensas da democracia.

Este proceso comezou, por suposto, en Grecia. Se damos crédito aos rumores, ante a ameaza dun golpe militar, o Primeiro Ministro Papandreu puxo o destino do seu país nas mans da súa xente a través dun referendo, seguindo a liña trazada polo Presidente de Islandia. Os "mercados" e os políticos do oeste subíanse polas paredes. Sacouse a Papandreu e nomeouse a ese constructo orweliano chamado goberno de unidade nacional. O goberno condúceo Lucas Papademos, un antigo banqueiro do BCE quen dixo unha vez que "os beneficios macroeconómicos e microeconómicos por introducir o euro en Europa e Grecia son numerosos". A coalición que o señor Papademos dirixe "inclúe catro autoproclamados racistas, entre os cales algúns neo-fascistas e un neo-nazi de certo renome" segundo escribe Yanis Varoufakis.

Como argumentamos e predicimos repetidamente, particularmente na nosa reportaxe The economic consequences of Mr Osborne (xullo 2010), a austeridade ou "consolidación fiscal" non rebaixa a débeda, máis ben increméntaa. A austeridade non estimula a actividade económica, deprímea -tal e como se fai evidente alá onde se practica-. A perigosa imposición de políticas de austeridade intensificou a crise financeira e pode conducir finalmente a unha forma moderna de fascismo, como Gideon Rachman advertiu recentemente no Finantial Times:
"Marine Lle Pen, do partido de extrema dereita National Front, terá un gran impacto nas eleccións presidenciais de Francia en 2012, aínda que probabelmente non gañe. En Holanda o goberno está apoiado por votos do Freedom Party (Partido da Liberdade) liderado por Geert Wilders, que está situado en segunda posición nas enquisas. A extrema dereita austríaca Freedom Party está empatada co partido gobernante People's party (Partido Popular). En Finlandia o nacionalista True Finns (Verdadeiros Finlandeses) continúa gañando terreo e obtén facilmente o 20% nas enquisas.
Imaxinen que o panorama político europeo parecésese a un comezo de colapso bancario, que a xente perdese os seus aforros e os seus traballos, e que houbese outra profunda depresión. Neste punto os votantes estarían suficientemente desesperados e desilusionados como para votar a partidos extremistas en amplo número."

A idea de "tecnócrata" está concibida para tranquilizar. Quérennos facer crer que estes individuos teñen unha mestría sobre asuntos económicos que está máis aló das habilidades e intelixencia das vítimas da crise financeira privada (a xente ordinaria e os seus representantes democráticos). Coa aceptación do goberno dos "tecnócratas", debemos ter por seguro que se aplicarán políticas para estabilizar os mercados, para evitar a destrución de emprego, as quebras bancarias ou a perda de aforros. Con todo estes son precisamente os mesmos funcionarios e autoridades responsábeis da liberalización financeira en curso que desencadeou a quebra bancaria en 2007, o aumento do desemprego e a perda de aforros. Estes son os desprevidos tecnócratas que non foron capaces de predicir o colapso global, que actuaron só en interese dos amos financeiros a expensas das vítimas, e que agora se están instalando nas máis altas esferas políticas europeas prescindindo do mandato do pobo.

En realidade estes tecnócratas operaron na maquinaria da Haute Finance (altas finanzas) a todo nivel, tanto no sector privado financeiro como nas estruturas de goberno correspondentes. Agora, no nivel máis alto, están representados os intereses dos banqueiros, incluíndo Goldman Sachs, o banco coñecido polo "Vampire Squid" ("lura vampiro"), a súa cobiza e o seu control sobre as mentes de responsábeis políticos.

a.-  Mario Monti, nomeado apresuradamente senador vitalicio para que puidese tomar o posto como Primeiro Ministro italiano, co-dirixiu a Comisión Trilateral, sendo un membro destacado do exclusivo Bilderberg Group de economistas e asesor de Goldman Sachs e Coca Cola.

b.- Mario Draghi, gobernador do Banco Central Europeo é un ex-executivo de Goldman Sachs.

c.- Lucas Papademo, primeiro ministro grego, é ex-vicepresidente do BCE e dirixiu o Banco Central de Grecia, traballando con Goldman Sachs para idear complexos instrumentos derivados que disimulasen o tamaño da débeda do seu goberno e permitirlle así entrar no euro.

A idea que esta xente serve ao ben común da sociedade é unha clase de engano en grao sumo perigoso e inxusto. Perigoso debido á probábel reacción do público como resultado do seu errado diagnóstico da crise e a súa determinación para impor a "menciña" equivocada da austeridade a vítimas inocentes da crise.

Co fracaso da austeridade completamente patente, os tecnócratas continuarán desviando toda responsabilidade ou culpa. Pese ao recoñecemento do fracaso do diagnóstico e a estratexia dos banqueiros e economistas, os tecnócratas seguirán culpando aos políticos, pensionistas e sindicatos por non implementar a estratexia da austeridade con suficiente contundencia.

Namentres vanse armando de argumentos en contra de quen cuestionan a valía das políticas de austeridade. A máis recente é a idea dos problemas "estruturais" inherentes, que non é outra cousa que o sistema de benestar social, un razoábel horario laboral, salarios e condicións de vida dos países da UE. Todo iso sostense, polo que parece, por estar en camiño de resolver unha crise bancaria privada cunha débeda excesiva e impagábel: unha crise que ameaza agora coa bancarrota de bancos por todo o mundo. No caso de Grecia e Italia, a retórica dirixida aos pensionistas, os desempregados e os pobres é o racismo e o imperialismo.

Como Lord Skidelsky nos lembra, a mesma ortodoxia que conducía as políticas de austeridade ao comezo dos anos 30 en occidente orientaron as accións do goberno de 1931 na Alemaña de Bruning. Estas políticas cimentaron o camiño ao ascenso do nazismo. As políticas de austeridade (coa vigorosa oposición de Keyne)? foron o último golpe para unha Alemaña esmagada pola derrota e o desastroso ciclo de auxe e depresión que seguiu ao país tras a volta ao patrón ouro entre 1924 e 1931. As reparacións foron facilmente sorteadas por unha inxente cantidade de préstamos provenientes de institucións financeiras de todo o mundo, dunha maneira que nin o mesmo Keynes puido anticipar. Foron estas políticas financeira e fiscal as que levaron a Hitler ao poder. El foi a elección dos tecnócratas e foi asesorado en cada paso por Hjalmar Schacht, o Presidente do Reichbank e ministro de economía até 1937. Schacht foi o amigo próximo e confidente do equivalente ao que hoxe sería o "grupo de Frankfurt": Monstagu Norman, logo gobernador do Banco de Inglaterra, e Benjamin Strong, o xefe da Reserva Federal.

A pesar deste precedente histórico alarmante, hai outro paralelismo máis esperanzador.

Quizais podería ser igualmente instructivo, para o día de hoxe, a suspensión da democracia británica en setembro de 1931, cando o Goberno Nacional substituíu á coalición laborista de 1929. Este goberno abandonou silenciosamente a austeridade e procedeu a adoptar lentamente medidas promovidas polas forzas progresistas -sen esquecernos de Keynes- que ignoraban ou renegaban das políticas do anterior goberno. O Goberno nacional liberou a Gran Bretaña das cadeas do patrón ouro, procedendo a unha política de expansión monetaria e máis silenciosamente a expandir a política fiscal.

É posíbel que os tecnócratas gobernantes en Grecia e Italia sigan estes exemplos e fagan o mesmo, distanciándose gradualmente das súas propias receitas erradas de austeridade. Con todo, á vez que eles mesmos deben darse conta de que o presente curso é un desastre -e xa vimos horrendas contorsiones políticas por parte, por exemplo, da OCDE- os tecnócratas non queren exporse a un desprestixio ante a situación, permitindo políticas progresistas lideradas por unha verdadeira oposición democrática, porque isto alteraría o status quo.

Despois de todo, a maior ameaza para a orde establecida é que as verdadeiras forzas representativas tomen o control do seu propio destino nas rúas de Atenas, Milán, Nova York ou Londres. Isto poría en marcha unha reinstauración democrática, políticas para unha sociedade máis próspera e xusta, e o desmantelamento da orde estabelecida actual.

Mentres esperamos esa reinstauración, o demo debe ser servido custe o que custe, levando ao mundo se ningunha dúbida por unha senda perigosa.

Nenhum comentário: