Ecoloxistas en Acción recomenda ao novo Ministro de Industria que se tome un tempo para estudar a documentación relativa á central nuclear de Garoña antes de revogar o peche en 2013.
Ante as declaracións expresadas en diversos medios de comunicación polo novo Ministro de Industria, Enerxía e Turismo sobre a posíbel continuidade do funcionamento da central nuclear de Santa María de Garoña (Burgos), Ecoloxistas en Acción manifesta a súa sorpresa pola axilidade de José Manuel Soria á hora de situarse sobre asuntos tecnicamente tan complexos e socialmente tan controvertidos como a localización do Almacén Temporal Centralizado (ATC) de residuos radioactivos ou a posíbel revogación do peche da central nuclear máis antiga do parque español, decretado para xuño de 2013.
A organización ecoloxista lembra ao novo Ministro que a central de Garoña é xemelga do primeiro e máis antigo do catro reactores nucleares accidentados en Fukushima (Xapón) o pasado mes de marzo (tecnoloxía de auga en ebulición BWR de General Electric, potencia de 460 MW, inicio de explotación en 1971), cun deseño obsoleto de hai medio século que acreditou unha preocupante falta de seguridade nos seus sistemas de subministración eléctrica, refrixeración e contención.
Resulta curioso que, mentres o catro reactores de Fukushima danados polo maremoto do pasado mes de marzo en Xapón continúan emitindo radioactividade nove meses despois do accidente, o novo Ministro de Industria español salga ao primeiro de vez en auxilio da central nuclear máis antiga do parque eléctrico español, xusto cando o Consello de Seguridade Nuclear (CSN) acaba de ditaminar que as probas de resistencia realizadas á central resultan incompletas nos casos do risco de inundación por rotura das presas situadas augas arriba da central, perda dalgunhas funcións de seguridade e xestión de accidentes, non avaliándose outras situacións extremas como os fallos humanos, ou a contaminación térmica do Ebro.
Por iso, e tendo en conta os ensinos do accidente de Fukushima e que nun radio de 100 kilometros á redonda da central viven millón e medio de persoas, incluíndo cidades como Miranda de Ebro, Burgos, Vitoria, Bilbao e Santander, Ecoloxistas en Acción recomenda ao Ministro que se tome un tempo para completar e estudar toda a documentación relativa á central nuclear de Garoña e ponderar o seu risco obxectivo para a seguridade, e non se deixe levar polas présas de Endesa e Iberdrola, propietarias da central, por reverter o peche decretado polo anterior Goberno.
Entre o ano e medio que falta para a data de peche e o mínimo achegue á xeración eléctrica nacional da central de Garoña (ao redor do 1 por cento, a metade da electricidade producida tan só polos parques eólicos de Castela e León), en opinión de Ecoloxistas en Acción, José Manuel Soria ten tempo sobrado para completar a nova planificación enerxética nacional ou revisar o actual sistema de retribución eléctrica, entre outros retos que parecen máis urxentes para o interese xeral que os 250 millóns anuais de euros que Endesa e Iberdrola ingresan cada ano coa operación da central nuclear de Garoña.
E é que a organización ecoloxista consideraría bochornoso que, na situación actual do país, a prioridade do novo Ministro de Industria fosen en realidade os 1.500 millóns de lucro cesante que as eléctricas reclamaron como indemnización ao Goberno polo peche da central de Garoña en 2013, en lugar da seguridade, a sustentabilidade ou o custo da subministración eléctrica nacional.
Nenhum comentário:
Postar um comentário