13/02/2012

Intervención na IV Asemblea Extraordinaria do EI de Raul Asegurado

Raul Asegurado.



Boa tarde irmás e irmáns:

Toca respostar primeiramente á cuestión plantexada, na lóxica e no compromiso asembleario adquirido polo Encontro Irmandiño hai un ano, de discernir se despois da XIII Asemblea Nacional do BNG, este é rexenerábel ou non.

Penso que atendendo á própria natureza do ser humano, esta debe ir en dúas liñas, unha opinativa e por tanto afectiva e sentimental, e outra racional, pois somos seres raconais e sentimentais, sentientes coma diría Zubiri.

Eis que no plano opinativo, penso que debemos centrármonos en dúas cuestións:

- A Casa común do naconalismo, no senso etimolóxico do fogar, da fogueira que alumea e quenta a convivencia. Que agarimosamente convida ás outras persoas individuais ou coletivas a partillar da súa casa para seguir na loita común, incluso pra @s que non están organizados dentro desta casa común, nun exercicio de xenerosidade. Porque este era un obxectivo que nos marcamos no proceso preasemblear, abrir o BNG a todas e todos e rematar coa forza centrífuga que nos arrastraba ao illamento. Todo isto evidénciase imposíbel, non só por non ter acadado este obxectivo estratéxico, senón porque a convivencia interna está demasiado deteriorada, e non hai fogar.

- É unha mágoa, unha realidade dolorosa este momento. E permitídeme, sabendo que eu non son ninguén, nin teño autoridade para falar en nome dunha xeración, dicer, claramente, sen tapuxos, que as xeracións máis novas sentimos dor tamén neste momento. Eu entrei a militar no BNG no ano 1997 na miña minoría de idade, mais a miña participación dentro da organización política como na acción social está e sempre estará en débeda pola xenerosa entrega que xeracións anteriores á nosa asumiron en primeira persoa e con valentía as cousas que fomos asumindo nós. Agora, pídovos que comprendades que a vosa dor, a dor das xeracións que levan traballando pola organización do nacionalismo desde os anos 60, 70, 80, que foron capaces de artellar o BNG, é compartida e comprendida polas xeracións máis novas, sabémonos en débeda con vos. Mais quero sinalar unha cousa, se me permitides. Na política hai que ter presente o capital humano e coletivo acumulado das xeracións anteriores que marcan o presente, e que se vencellan nunha mesma tradición, mais o máis importante é o presente, tamén é certo, hai que ter claro a proxección do futuro, mais a valía política determínase polo presente. E no presente, irmás e irmáns, debemos estármonos todos en igualdade, sentírmonos corresponsábeis todas as xeracións; as xeracións máis novas debemos, e xa digo que non estou autorizado para falar en nome da miña xeración, mais quero asumir e transmitir humildemente un sentir común; como digo, estamos no momento de asumir un protagonismo que non podemos deixar pasar e estamos dispostos a elo. Non queremos que vos sintades sós, que non asumimos os reptos que se nos presentan. Dóenos a mesma dor, esperánzanos as mesmas esperanzas. No presente atopámonos e debemos traballar conxuntamente con ilusión e honestidade.

Mais como digo, hai outra parte da resposta que se debe dar noutros termos, máis racionais, eu son republicán, independentista e marxista, e o marxismo como método de análise social nos pode axudar a determinar as condicións materiais obxectivas para saber se o BNG é rexenerábel ou non:

1. Un discurso político incompatíbel desde o punto de partida da diagnose que se fai das desordes sociais e as realidades doentes. O sentimento de orfandade da esquerda nacional e social é esquecido pola direción do BNG, a impermeabilidade da cidadanía (en termos gramscianos) autónoma e consciente, organizada en movementos sociais ou non, fai que a diagnose sexa incompatíbel cos que así o detetamos.

2. As propostas de rexeneración son cada vez máis diverxentes, a relación cos movementos sociais, coas dinámicas que se dan na sociedade, fai que a nosa representación institucional fique máis illada e separada das propostas que se dan na sociedade.

3. A concepción da política en si mesmo, e da organización política xa non é distante, agora é diverxente e antagónica. A política como asunción persoal dun compromiso social, a organización política como unha vocación de servizo para a transformación sabedores de que o motor desta ferramenta está nas dinámicas sociais e non na clase política, unha clase política cada vez máis afortalanda na homoxénea e homoxenización do sistema de dominación atual, imposibilítanos construir conxuntamente o referente político da sociedade.

4. Unha evidencia, os textos aprobados na XIII AN do BNG, de fato imposibilitan a nosa laboura de permeabilidade cos setores que se afastaron do BNG por cansanzo ou por sentirse agredidos na última década; era por iso que o Encontro Irmandiño tiña unha dobre militancia, permitindo que houbera militantes que non pertenceran ao BNG, os textos atuais da APU-UPG e por tanto do BNG, imposibilitan esta ación que desenvolvíamos e por tanto, como debemos seguir facéndoo farémolo irremediábelmente fora.

Quero concluír, a forma de epílogo, enunciando as cousas máis inminentes, que o tempo atual nos impón:

Debemos ser determinantes, sen ambigüidades, e decidir unha ación, saírmonos do BNG, unha ación crea un hábito, a valentía, como hábito nos desafíos que se nos presentan; os hábitos crean carácter, o noso carácter ten que ser humildade e xenerosidade (sermos bos/boas e xenerosos/as), e o carácter levaranos a un destino, estar ao servizo da cidadanía (como dixen sen explicar, en senso gramsciano d@s que asumen un papel protagónico na construción social).

Este é o noso destino, que nos achega, unha pegada máis, paseliño paseliño, a que a nosas vaguedades cumprido fin terán!

Nenhum comentário: