01/02/2012

Ogallá fósemos o 99%

Manoel Santos. Director de Altermundo e membro da Coordenadora do Encontro Irmandiño. Artigo tirado no novo xornal Praza Pública (aquí), ao que desde aquí lle desexamos mil primaveras máis.

 O movemento ‘Ocuppy Wall Street’ non é, nin de lonxe, o de meirandes dimensións de todos cantos están a agromar no orbe en resposta a esta nova fase do capitalismo que Boaventura de Sousa Santos definiu como fascismo financeiro. Non parece ter aínda a aceptación popular, nin o artellamento interno, nin o desenvolvemento programático de mínimos do dos indignados, do dos pingüíns chilenos, do das primaveras árabes ou, por suposto, do da cidadanía grega no seu conxunto, que curiosamente sendo o movemento de máis radicalidade aínda non foi bautizado por ninguén.

Porén, se cadra por se tratar dunha insólita rebelión no ventre do dragón, ou simplemente porque o que acontece a rentes dese pazo de inverno do baixo Manhattan dirixe o destino da antroposfera dende hai case un século, a súa repercusión a nivel mundial é incontestábel. Tanto é así, que a máis coñecida das súas consignas, “somos o 99%”, está a ter moito máis éxito, quer entre os movementos de resistencia global quer nos titulares dos medios de comunicación corporativos, que outras máis propositivas e analíticas, como “democracia real xa” no Estado español, ou mesmo máis contestatarias e contundentes, como o “eu non pago” grego.

Di Richard Kirsch, que unha das grandes eivas na esquerda é que, a diferenza da dereita, non temos mensaxes simples para contar o noso relato. Vaia, que a dereita ten a hexemonía do discurso asimilábel polas masas, que el resume en tres miúdas frases: mercados libres, Goberno limitado e liberdade individual. “Somos o 99%” podería ser unha das nosas tres frases”, conclúe. Mesmo no Foro Social Mundial (FSM) temático de Porto Alegre, que tivo lugar estes días atrás, doutra volta en paralelo ao desfile de poder de Davos, hai quen afirma que se “un outro mundo é posíbel” foi a consigna das loitas globais contra o neoliberalismo na pasada década, co FSM e os movementos antiglobalización como principais actores; “somos o 99%” pode erixirse no lema desta nova fase de resistencias, caracterizada polo xurdir de novísimos movementos sociais –parafraseando a Manolo Barreiro– dende que Mohamed Bouazizi decidira inmolarse en Tunisia en decembro de 2010.

Malia que non deixa de ser unha certa involución discursiva, por canto a consigna do FSM convida á esperanza e a dos ocuppy a instalármonos nas trincheiras, a realidade é que o outro mundo posíbel, se o é, fica cada día máis lonxe. Mais si é irrebatíbel que o 1% da poboación –e máis aló, o 0,1% segundo Paul Krugman– posúe o 40% da riqueza e domina con puño de ferro todas e cada unha das dimensións sociais deste fascismo financeiro de democracias testimoniais, soberanías usurpadas e axustamentos estruturais a escala global.

Semánticas de rebelión á parte, o que a un lle vén á cabeza non é “somos o 99%”, senón “ogallá fósemos o 99%”. Ou o 10%. O brasileiro Chico Whitaker, nun artigo que enviou ao Foro Social dos EUA sobre o movemento ‘Ocuppy’, daba no albo nesta discusión: “Em primeiro lugar, nós não somos 99% contra 1%. Aqueles que já têm a coragem de falar são muitos, mas talvez não mais do que 1%, contra o 1% que controla e explora o resto do mundo. (…) Qual é a proporção entre os participantes do United States Social Forum e a população norte-americana? E qual é a soma de todas as pessoas participando de movimentos “occupy” em toda a América do Norte?”

A autocrítica, mais cando falamos de quen pariu intelectualmente esa invención política que foi o FSM, é evidente. “Estamos falando entre pessoas já convencidas de nossas próprias mensagens. Este raciocínio leva-me a dizer que precisamos mudar nossa estratégia. Precisamos voltar-nos para o 98%...”, engadiu Whitaker.

Obvio parece que o postneoliberalismo, que moitos acreditábamos en que podía ser un novo socialismo ou mesmo una outra sociedade, máis colaborativa, libertaria e autoxestionada, no que está a derivar é nun “outro mundo peor é probábel”, como augurou no seu día Carlos Taibo.

Somos quen de analizar o inimigo, tirar conclusións e definir estratexias. Somos quen de artellar accións e alianzas. E somos quen de imaxinar alternativas. Mais non somos suficientes. E as máis das veces nin sequera somos conscientes de que pertencemos, cuantitativamente, a unha parte ridícula da sociedade. Esa é a nosa grande eiva… e o noso gran desafío. Se non diriximos o groso das nosas enerxías a “seducir” a unha parte importante dese 98 por cento, se teimamos en falar e actuar para convencernos e re-convencernos a nós mesmos, a nosa loita será, con toda seguridade, inútil. Como o facemos?

Nenhum comentário: