04/05/2012

Alemaña, cabo do cortalumes

Michael R. Krätke. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta IrmandiñaMichael R. Krätke, membro do Consello Editorial de SINPERMISO, é profesor de política económica e dereito fiscal na Universidade de Ámsterdam, investigador asociado ao Instituto Internacional de Historia Social desa mesma cidade e catedrático de economía política e director do Instituto de Estudos Superiores da Universidade de Lancaster no Reino Unido.



Despois de demorar a súa decisión, India, Brasil e China están dispostas a proporcionar diñeiro ao fondo anticrisis do Fondo Monetario Internacional. A cambio esperan que se cumpran os acordos que lles outorgarían un maior poder de decisión na organización.

O Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial dispoñen: o G20, o club dos maiores accionistas do FMI, prometeu aumentar o fondo de rescate en 430 mil millóns de dólares e duplicar así o volume para posíbeis rescates financeiros para os países en quebra de Europa, así como outros aspirantes ao posto. O FMI convértese así nun bombeiro equipado con máis dun billón de dólares para sufocar lumes.

O ministro de Finanzas alemán Wolfgang Schäuble recibiu unha merecida malleira. EUA. e Canadá  escórrense e non participarán na operación. Tamén os estados BRIC dubidan e até hai pouco non estabeleceron a cantidade da súa achega. Foron sobre todo os países europeos, entre eles Alemaña, con 55 mil millóns de dólares, así como Xapón (60 mil millóns) e Corea do Sur (15 mil millóns), quen constrúen este cortalumes. Os seus motivos non son difíciles de adiviñar: ningún deles está interesado en ver como Europa se afunde nunha depresión que duraría décadas.

Certamente, moitos dos estados doantes dubidan de que a Eurozona pode curarse grazas o medicamento alemán a base de regra de ouro, dogma de austeridade e pacto fiscal. Os economistas en Estados Unidos reclaman un programa económico urxente para países como España, Portugal, Irlanda ou Grecia. Como alternativa ás engrenaxes da política de crise europea exercida até a data, recomendan ademais a creación de eurobonos, comparábeis aos bonos do tesouro estadounidense, sen os cales o dólar como moeda mundial non existiría. E animan ao Banco Central Europeo a que interveña, como fixo xa a Reserva Federal nos Estados Unidos. O goberno alemán non poderá bloquear a longo prazo ningunha de ambas as cousas se quere que atraer a investidores internacionais para que compren os títulos de débeda dos países de Europa.

Unha brincadeira de mal gosto

A profunda frustración dos países emerxentes remóntase a 2010, cando se prometeu unha reforma do FMI, atrasada unha e outra vez desde entón. Esta reforma debería reordenar a distribución dos votos no FMI, totalmente inxusta, e iso desde hai anos, beneficiando aos países emerxentes. De conseguirse esta reforma, aínda quedaría moi lonxe de representar a verdadeira relación de forzas económica no mundo. Europa e Estados Unidos seguen facendo, como sempre, todo o que poden para dominar o FMI e o Banco Mundial, como recentemente demostrou a elección do surcoreano Jim Yong Kim para a presidencia do Banco Mundial. Por outra banda, os estados europeos, sobre todo Alemaña, teñen intereses comerciais cos países emerxentes, polo que non poden ignorar a acusación de estar a utilizar a súa posición de poder no FMI para cargar aos países pobres do FMI cos custos da súa política de crise.

O goberno alemán aceptou a creación deste fondo monetario porque espera así solicitar apoio ideolóxico para as súas "reformas", que apuntan ao estabelecemento de regras de ouro en toda Europa. O FMI obtén con estas reformas, como as que se está obrigando a levar a cabo aos países do sur de Europa na Eurozona, a triste celebridade que tivo nos anos noventa nos países en vías de desenvolvemento. Pero o goberno de Merkel non se está de copiar o que entón viu. Con esta política fixo cambalearse a toda a Eurozona. Por iso é unha brincadeira de mal gosto que o ministro Schäuble declare que, coa súa crítica á política de xestión da crise dos alemáns, os estadounidenses están a facer campaña electoral. Que fixo senón Merkel en maio de 2010, cando atrasou as axudas a Grecia até que o virus da crise ameazou con contaxiarse ao resto de países de Europa?

Nenhum comentário: