15/05/2012

EI propón un proceso incluínte

Tirado do site do Encontro Irmandiño (aquí).



O Encontro Irmandiño tivo hoxe un contacto para intercambio de opinións sobre a marcha do NPC con Acción Galega, +Galiza e Ecogaleguistas. O EI reiterou nel que o carácter deses contactos non deben interferir no proceso de construción que debe ser de abaixo cara arriba para facer algo novo, participado e útil. Non podemos caer en vellos modos substituíndo a participación directa da cidadanía.

Neste sentido o Encontro Irmandiño propuxo aos outros grupos a implicación de todos eles nun esforzo de participación coas militancias respectivas na construción deste novo referente político pola base, integrándose a título individual nas asembleas que en número de máis de 25 xa están constituídas ao longo e ancho do País.

Porque estamos convencidos de que nin os catro grupos hoxe reunidos nin con todos os outros grupos que se teñen manifestado a prol do NPC, representamos a toda a cidadanía disposta a participar na súa construción e porque non podemos aceptar acordos excluíntes é polo que afirmamos que son as asembleas, onde cada persoa ten un voto, o mellor espazo para dialogar e acordar, aínda desde puntos de partida diferentes, o que nos une que non é outra cousa que a defensa da nosa nación e dos dereitos e benestar da súa cidadanía.

O EI propuxo aos outros grupos agardar que se formulen dende as asembleas propostas de definición e de programas para que o proceso sexa de baixo cara arriba e a iniciativa sexa dos cidadáns e non dunha cúpula excluínte de partidos. Este proceso estímase que no prazo dun mes daría unha proposta avalada polas asembleas e elaborada nunha coordinación nacional como xa están a demandar moitas delas.

Nenhum comentário: