25/04/2013

Beiras non ten modais

Hugo Martínez Abarca, segue a sua conta de Twitter: @hugobarca.
Artigo tirado de aquí e traducido por À revolta entre a mocidadeQuien Mucho Abarca by Hugo Martínez Abarca is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License. Based on a work at blogs.tercerainformacion.es


Andaba Feijoo ridiculizando (e chamando "ridículo" varias veces) a outro  portavoz dicindo que só lle faltaba facer como Beiras (como emocionarse hai uns días ao lembrar ás nais galegas presentes no Parlamento mentres discutían sobre as viaxes á neve de Feijoo co narco Dourado) cando pasou isto:



E, claro, non gostou. A Beiras xa lle chamaron de todo (menos intelixente, culto e, sobre todo, honesto, que son o tres trazos que máis lle caracterizan) e onte non ía ser menos. Que falta de modais!

Nun Parlamento pódese dicir o que se queira, con razón ou sen ela. (...) Pero hai un límite que foi xustamente o traspasado onte por Xosé Manuel Beiras: o de levantarse do seu asento, dirixirse a quen está en uso da palabra, sexa ou non presidente, e dar unha puñada no seu escano. Iso, mírese como se mire, e aínda que o puño non chegase ao agredido, é unha actitude violenta.

Isto escríbeo Fernando Ónega (unha voz moderada, que simplemente chama á corrección a Beiras, non pide encerralo como outros) nun artigo titulado "O escrache de Beiras" en La Voz de Galicia. Nin sequera o compara cos nazis nin con ETA, só o acusa (un pouco máis abaixo) de que a súa "agresividade crea agresividade (...). E non están os tempos para instigar ningunha actitude de agresión."

Adoita dicirse que cando alguén non ten argumentos critica a ortografía de quen si os ten. Algo así está a suceder ultimamente: o nivel obsceno de indecencia e pezoña que está a acompañar o saqueo case nin se nega, mais o primeiro é responder aos mesmos con boas formas, con gravata e de vostede, que aquí pódese dicir calquera cousa a condición de que non incomode como se di. Vale, estanlle a vostede roubando, mais sobre todo non perda as formas.

Alguén denuncia un roubo, un saqueo xeneralizado, unha actuación escura... e primeiro aclaramos que é incorrecto chamar "criminal" a un portavoz da banca que fai un discurso tendente a profundar na violación masiva de dereitos humanos. Alguén dáse paseos pola neve cun narco dos que se forraron á conta de esmagar unha xeración de galegos e denunciamos a sobreactuación (como vai estar sinceramente emoicionado un político? seica non sabemos que todos eles son replicantes e que as súas emocións son impostadas ás veces até o ridículo?) e a falta de modais de quen o critica.

Podedes estar en paro, sen casa, contemplando como arrasan a educación e a sanidade pública, como os mozos non atopan traballo mais aos maiores non lles deixan xubilarse... mais non vos manifestedes que cortades o tráfico. E menos concentrarvos fronte a quen toman esas decisións (nin nas institucións nin na sede do seu partido nin na súa casa), que iso é nazi e da ETA. Podedes enfadarvos, quen o nega, mais en democracia o enfado ten as súas canles: enchede un formulario, póndevos unha gravata, non perdades as formas. É polo voso ben: moitos de quen vos apoiamos (que tertuliano do pesebre non afirma asinar a ILP da PAH?) poderiamos deixar de facelo se non gardades as formas, que é o máis importante en democracia.

Beiras actuou sen cortesía parlamentaria. Quen o vai a negar.

A cortesía, segundo o Dicionario da Academia é a "demostración ou acto con que se manifesta a atención, respecto ou afecto que ten alguén a outra persoa".

De verdade pretenden que mentres nos arrincan os dereitos conquistados co esforzo e sacrificio de tantas xeracións (e que eran tremendamente insuficientes) tratémolos con exquisitez, con "atención, respecto ou afecto?" O día en que coñeceremos que as súas políticas nos levaron a 6 millóns de parados (e subindo) porque a cambio desas políticas o partido recibía doazóns de construtoras que acababan en sobres? Temos que dirixirnos con "atención, respecto ou afecto" aos que se embolsaban sobresoldos en diñeiro negro ou en falsos "gastos de representación" a cambio de pór o país en mans dos seus doantes e que anuncian unha volta de porca este venres no consello de ministros?

Retirouse Beiras do parlamento galego cun sonoro "isto non hai deus que o aguante". E resumiuno todo: este saqueo, este réxime podrecido, non hai deus que o aguante.

A cortesía, para os cortesáns: non nos poden dicir que mentres nolo rouban todo enchamos sen facer ruído unha folla de reclamacións (demostrando que "pódese dicir o que se queira, con razón ou sen ela"), depositémola nós mesmos na papeleira e volvamos educadamente á nosa casa a pór a tele e esperar a que o tertuliano de quenda encomie o pouco molestos que fomos.

Beiras onte molestou. E molestou porque está molesto. Que é o menos que podemos esperar.

Nenhum comentário: