Mostrando postagens com marcador Manuel Casal Lodeiro "Casdeiro". Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Manuel Casal Lodeiro "Casdeiro". Mostrar todas as postagens

08/05/2011

De Fukushima a Olduvai

Manuel Casal Lodeiro, collido do seu blog De Casdeiro

E se houbese milleiros de Fukushimas liberando radioactividade á atmosfera? E se iso puidese acontecer dentro duns poucos anos?
A Teoría de Olduvai, proposta por Richard C. Duncan, afirma que a civilización actual comezará a desmoronarse a partir de 2030. É unha teoría ben coñecida para a maioría dos que tratamos de analizar a situación á que se enfronta a Humanidade a causa do declive irreversíbel do petróleo.
Boa parte deste colapso virá, segundo Duncan, do fallo progresivo das redes de abastecemento eléctrico: produciranse cada vez apagamentos máis masivos e frecuentes ata que ao final a sociedade non dispoña de recursos nin enerxía suficiente para restaurar a subministración en zonas máis e máis amplas do planeta. Isto significaría a fin da era eléctrica e industrial.

Doutra banda temos as advertencias que veñen lanzando dende hai un tempo os astrofísicos acerca dunha máis que probábel e próxima megatormenta magnética solar (2011? 2012?) e que insisten en que unha das consecuencias máis claras e perigosas será o fallo dos sistemas de produción eléctrica.
Se unimos ambas as dúas ameazas (unha máis próxima e en teoría menos grave e de carácter puntual; a outra talvez aínda afastada un par de décadas pero de carácter permanente e irreversíbel) cos feitos que estamos a vivir a raíz do tsunami coas centrais nucleares xaponesas (co foco de atención nas de Fukushima), asoma un pensamento desacougante: que sucederá cando - e se - todas as centrais nucleares que están en funcionamento no planeta perdan a subministración eléctrica que lles permite refrixerarse?
Na WWW algunhas persoas comentaban - seguramente con acerto - a raíz do que está a suceder nas centrais nipoas que se ditas plantas dispuxesen dunha xeración eléctrica local e renovábel (por medio de xeradores eólicos ou paneis fotovoltaicos, por exemplo), non terían tantos problemas: polo menos non os derivados da falta de subministración para operar as bombas e sensores que facilitan a refrixeración do combustíbel nuclear, aínda que loxicamente quedarían as consecuencias directas do movemento sísmico sobre as estruturas de contención.
Xorde desta conxunción de feitos, predicións e teorías, a aterradora sospeita de que nunha situación de corte xeneralizado da electricidade a un número elevado de centrais en diversos lugares do planeta, poderían xurdir centos de Fukushimas que acabarían liberando gases e líquidos radioactivos en múltiples zonas do planeta, de maneira máis ou menos consecutiva ou simultánea. Como sería entón este gráfico?
Quedaría algunha esperanza de vida no planeta nesas condicións?


Intúo que estamos ante un perigo real e de dimensións históricas, non só para a supervivencia da actual civilización senón da nosa especie e de boa parte da biosfera. Quizais a tormenta solar magnética non sexa tan grave como se prevé, quizais os transformadores eléctricos a resistan mellor do que se cre, talvez a súa reparación poida ser rápida, quizais non se vexan afectados os que nutren de corrente ás centrais? quizais superemos ese momento de risco. Pero? que sucederá se como moitos cremos a civilización industrial está condenada a causa do Cénit do petróleo?, que pasará se Duncan está no certo e non hai maneira de evitar un progresivo e definitivo apagamento eléctrico mundial nunhas poucas décadas? Que pasaría entón coas centrais nucleares que estivesen en funcionamento nese momento e co seu combustíbel nuclear necesitado dunha refrixeración permanente?


Quizais a única maneira de previr o risco dunha fuga masiva de radioactividade debida ao fin da electricidade, fose un proxecto urxente a escala internacional para proporcionar a todas as centrais nucleares activas de sistemas de xeración autónoma de electricidade, o máis duradeiros posíbeis e o menos necesitados de mantemento e reparacións. Requiriría non só un esforzo e unha mobilización importante, senón o que é máis improbábel: un acordo político que recoñecese o risco derivado da fin da civilización industrial. É dicir, non só tería que recoñecerse a nivel internacional que o petróleo entrou nun declive irreversible que arrasará o noso actual tecido socioeconómico como un auténtico tsunami, senón que deberiamos aceptar que unha sociedade movida por electricidade renovábel é xa imposible a escala planetaria. Aínda así, se se lograse tamaño milagre de acordo internacional: canto durarían eses sistemas autónomos renovables? Daría tempo a ir desactivando, apagando todas as centrais en caso de ver que a subministración eléctrica se volvese insegura? É factíbel? Que sucede cando se apaga unha central de maneira preventiva? Que se fai co combustíbel? Require electricidade para o seu manexo e conservación seguros? Carezo de datos respecto diso para poder ver claramente a probabilidade de éxito destas medidas.


En resumidas contas: se a subministración eléctrica é vital para manter as centrais nucleares estábeis e sen liberar radioactividade, e se esa subministración eléctrica ten os días contados... pende sobre a Humanidade unha espada de Damocles nuclear?


Descoñezo como funcionan as centrais nucleares e en que medida a falta de electricidade é un problema superábel de modo puntual ou permanente. Limítome a observar o que lle sucedeu a unha central que quedou danada e sen electricidade durante uns días, a gravidade das consecuencias, e trato de extrapolarlo a unha situación na que as máis de 400 centrais que existen no mundo quedasen expostas a un apagamento. E todo isto sen mencionar como unha sociedade post-industrial, cunhas capacidades moi limitadas a nivel de enerxía e de recursos, se podería apañar para manter a recado durante séculos os residuos nucleares actuais e os que nos quedan por xerar, cando o petróleo deixe de proporcionarnos a súa elevada enerxía neta.

04/01/2011

Debate sobre o cénit do petróleo na Galiza


Un artigo de Manuel Casal Lodeiro publicado o 25 de decembro de 2011 en Rebelión, "Es urgente que la izquierda comprenda las implicaciones del Cénit del petróleo", foi comentado dende o blog Ouveando. Este debate, sen dúbida, hanos ocupar nos vindeiros tempos, así que propoñemos comezalo.


Recomendamos tamén a visualización dos vídeos do foro de ecoloxía organizado por Esquerda Unida o pasado 2 de outubro de 2010, que podedes ver na canle de You Tube desta formación (aquí).


Lembramos que neste blog mantemos "aberta" unha etiqueta sobre o Decrecemento (barra lateral dereita) aberta ás vosas aportacións.

11/10/2010

A fim do petróleo

Gustavo Duch. Artigo tirado de aqui. Os artigos deste autor aparecem publicados em galego com regularidade em Altermundo. Gustavo Duch é coordenador da revista Soberania Alimentaria, Biodiversidad y Culturas. A ilustraçom é de Javier Olivares.



Som muitas as conjeturas que se fam a respeito de quando a nossa civilizaçom alcançará o zénite do petróleo, quer dizer, quanto tempo fica até chegar ao ponto em que a extracçom de petróleo alcança um máximo e empeza a sua descida definitiva. Algumhas opinions exponhem que já temos alcançado essa data, que já superamos o teito. Outras som mais optimistas e situam este momento no próximo ano 2030.
Entom, para além da discusom do quando, conviria concentrarmos as nossas energias (que de isso estamos falando) em como afrontar umha realidade pós-petroleira. Teremos mais dificuldades para a nossa mobilidade? Em quê estado de desenvolvemento se encontrarám as energias alternativas? E, sobre todo, teremos capacidade para alimentar-nos todos no planeta? Porque, ainda que a maioria nom vejamos a relaçom directa, se nom mudamos nada, umha das repercusons mais graves do esgotamento do petróleo sofrerá-a o nosso modelo de agricultura e alimentaçom. Existem dous factores para fazer dita afirmaçom.


Primeiro, dotamo-nos dum modelo maioritário de produçom de alimentos dependente do petróleo. Em aras de supostos rendimentos instalam-se regadios (com sistemas de bombeio) em terras de secano e baixo céus de plástico, que também é petróleo. Temos granjas de animais em Europa às que a totalidade da sua alimentaçom lhes chega por barco ou aviom desde o Cono Sul Latinoamericano. Pratica-se umha agricultura torpedeada por pesticidas, ervicidas e abonos, todos eles derivados de combustíveis fósseis. O uso da maquinária (tractores, segadoras, etc.), que fôrom um alívio do trabalho no meio rural, sobredimensionárom-se, o que representa também um alto custe de combustível. Somando estes e outros gastos energéticos resulta que hoje em dia para produzir umha caloria de alimento consomem-se 10 calorias de energia fóssil.


O segundo e mais patente tem a ver com o modelo de distribuiçom e comercializaçom que a globalizaçom foi conformando: incrementa-se a quilometragem da nossa comida, por um lado, e por outro centraliza-se em cadeias de distribuiçom, de forma que a dependência do transporte, a congelaçom, empacotado, refrigeraçom, etc. (todos, gastos energéticos) convertem-se na nossa subjugaçom.


Deveriamos interiorizar dalgumha maneira a fragilidade do sistema alimentar. A nossa alimentaçom foi desenhada em base à suposiçom de disponibilidade energética ilimitada e barata, até o ponto de que os custes energéticos (a outra face da moeda dos custes ecológicos) nunca representou umha percentagem significativa no preço final do consumidor. Como é que podemos comprar umha ananá de Costa Rica por um euro? A energia, até agora, custou muito pouco, igual que pouco ou nada recebêrom as pessoas que cultivárom e colheitárom estes alimentos.


Após o zénite, com menos petróleo e mais caro, poderiamos optar por reduzir as nossas viagens low cost, mas com certeza que queremos seguir alimentando-nos. Para isso, ou bem aguardamos pacientemente umha milagre tecnológica, ou exigimos que se adotem já medidas de reconversom da nossa alimentaçom em torno a autosuficiência das fincas agrogandeiras (modernizadas com tecnologias apoiadas em saberes e experiências tradicionais e agroecológicas) fortemente relacionadas com as comunidades mais achegadas para favorecer o consumo de proximidade.


Algumhas naçons já apostárom por esta volta à comida local, como Escócia, cujo Parlamento aprovou em 2008 umha resoluçom em apoio às cadenas de suministro local para segurar a alimentaçom da populaçom. Polo de pronto, no estado espanhol, imos por detrás: desde o passado 14 de junho, o Governo tem pendente responder a umha pergunta apresentada por Esquerda Unida sobre o zénite do petróleo e as possíveis manipulaçons da Agência Internacional da Energia (AIE).
Para os produtores, di Manuel Casal, "umha reconversom pode que se veja como umha reduçom dos ingresos, mas se o fazemos com bom critério a reduçom dos custes compensará os menores ingresos". Como consumidores teremos que modificar alguns hábitos, mas o ganho é claro: manter a despensa cheia e com bons alimentos.

27/05/2010

Renunciemos pois a palavra sustentabilidade

Manuel Casal Lodeiro "Casdeiro". Artigo tirado do blogue Decrecimiento na sua ediçom castelhana.Quando um vê que a capazidade de recuperaçom e apropriaçom do léxico que mostra o conglomerado dominante semioticamente nas nossas sociedades (quee dizer o sistema binário publicitário-capitalista / publicitário-estatal) chega o punto em que se promulgam Leis denominadas de Economía Sustentável baseiadas no imposível crescimiento perpétuo, ou de que uns grandes armazens ofereçan um catálogo exclussivo de produtos eco para fazer mais sustentável o nosso fogar a preços especiais, parece claro que chegou a hora de renunciar ao adjetivo sustentável. É um termo queimado, adulterado e absorbido polo sistema insustentável que o esvazia de significado para neutralizarlo.

Agora todo é sustentável, como todo onte se convirtiu em ecológico. Ambos conceitos tinham, em minha opiniom, umha eiva desde a sua orige que os fazia propícios a este processo de desativaçom: som pouco simples, pouco diretos. Som concetualizaçons abstractas modernas, difíceis de explicar, de captar sem lugar a dúvidas pola mente dum/dumha ciudadao/a comum, e portanto proclives a que outros lhes deem os significados que queiram. No caso do sustentável trata-se dum termo nascido nas altas esferas académicas e políticas para falar dum conceito que sempre existiu, mas que agora parecia preciso etiquetar com umha terminologia nova, perante os novos e agravados problemas que padecia. Porém quê pessoa é que com umha formaçom média é capaz de definir sem dúvida e de maneira precisa o sustentável? E nom falemos da sua sustantivizaçom, a sustentabilidade, em que o grau de abstraçom já roça umha compreensom inasível.

Basando-me na funçom da lenguage como mediador entre o pensamento e a perceçom da realidade (J.M.Naredo, Raíces económicas del deterioro económico y social) considerou que os conceitos que tentamos transmitir com toda a nossa boa vontade com este tipo de termos merecem umha maior potência, claridade e insubvertibilidade; caraterísticas das que si goza, por contra, o termo Decrescimiento. Ademais boa parte da força do conceito decrescimiento reside em que é, já de orige, um substantivo... Ou mais bem caberia dizer que é em realidade um verbo que define umha açom simples e compreensível intuitivamente ao estar muito diretamente
relacionada com conceitos bem tangíveis como som o crescer e o decrescer.

Por si isto fora pouco, a palavra decrescimiento beneficia-se, invirtindo-a, da claridade e extensom que alcançou o conceito contrário do crescimento, que o próprio industrialismo capitalista se encarregou de difundir. É portanto umha jogada mestra comunicativa, que deveriamos ter muito em conta para criticar e rejeitar o uso do sustentável. O problema desta palavra começa polo feito de ser um adjetivo, já que como tal é doadamente adatável a todo tipo de substantivos (movilidade, exploraçom, energia, desenvolvimento, empresa, produtos, turismo...) que chegam ao extremo da contradiçom absoluta como em crescimento sustentável.

De facto, umha simples comparança num buscador da Internet demonstrara-nos que as apariçons mais frequentes e notória do adjetivo som acompoanhado a um substantivo que em boa medida invirte o seu significado: desenvolvemento sustentável. É um problema muito similar ao que afeta o eco-, que de maneira ainda mais potente, é fussionado com todo tipo de nomes que o esvaziam do seu pretendido significado. Poderiamos concluir que o adjetivo sustentável desactivou-se tanto que incluso poderiamos assinala-lo de contra-produzente já que o seu esvaziado de significado transmite-se na mente de muitas pessoas baleirando de conteúdo muitas luitas que a convertêrom na sua bandeira.

Qual seria, entom, a alternativa? Creio que se volvemos a vista para trás apenas umhas poucas décadas veremos que os pensadores e os ativistas tratavam estes mesmos problemas mas sem fazer uso dessa palavra. Umha análise lingüística de propostas ecologistas dos anos 70 ou 80, sem ir mais longe, demonstraria-nos que se utilizabam estruturas gramaticais bem diferentes baseiadas em conceitos como permanente, riqueza natural, futuro, posteridade, continuidade, capacidade, respeito, contençom, frugalidade vs. excesso, aforro vs. gasto, mantemento vs. esgotamento, conservaçom, fertilidade, renovável vs. agotável, etc. Falar de todo isso é falar de sustentabilidade, mas se o reduzimos todo a umha única palavra-força, expomo-nos a que no-la robem, como assi sucedeu. Se nos remontamos mais atrás no passado, a épocas prévias à ciência ecológica moderna, veremos que havia outras maneiras de falar destas mesmas questons por parte de pioneiros das ciências naturais e sociais, e incluso de líderes campesinhos.

E se queremos aproveitar termos que conetem de maneira mais efetiva com a gente comum, quase seria melhor botar mao da literatura popular, da poesia e a narrativa de séculos passados, e -por quê nom?- dos refrans e ditos populares. Algo assi fixo o EZLN com a comunicaçom popular de questons políticas e sociais. Assi pois creio que deveriamos realizar um esforço comunicativo importante para recuperar (quando menos na comunicaçom divulgativa e ativista) maneiras mais diretas, simples e humildes de referir-nos a problemas da sustentabilidade, dando-lhe a volta a certos esquemas gramaticais. Intentarei pôr alguns exemplos: em lugar de falar da volta a umha agricultura sustentável poderiamos falar de volver a cultivar de tal maneira que siga havendo cultivos o dia de manhá; em lugar da sustentabilidade na construçom, falar de maneiras de construir sem esgotar os materiais nem a energia; em vez de economia sustentável, falar de formas de viver que nom roubem o futuro aos nossos filhos; etc. Nom é procurar perífrases, mas renunciar à abstraçom e dizer as cousas claras, com verbos que concretem açons inteligíveis que nos impliquem emocionalmente porque
entendemos que som parte da nossa vida diária, essas açons que necessariamente devemos promover para chegar a ser sustentáveis, ou -melhor dito- para poder sobreviver e legar um futuro digno aos nossos descendentes.

A mudança de paradigma que necessitamos requere -explicárom-no diversos autores ao longo destas últimas décadas- umha mudança de imaginário coletivo. Para essa laboura hai palavras que já nom servem, que contaminam esse imaginário enchendo-o de carros ecológicos ou cortadores de grama sustentáveis. Nom usemos o mesmo esquema mental publicitário do slogan ou a marca novidosa para arranjar os problemas que esse mesmo esquema mental causou. Nom inventemos o inecessário porque se pode volver contra nós. Simplifiquemos a linguage, renunciemos a palavras complexas e já baleiras, apoiémonos em palavras impossíveis de retorcer, que conetem rapidamente na mente de qualquer um com as realidades necessárias, com esse passado que necessitamos recuperar e esse futuro que queremos preservar. Alongemo-nos das modas dos novos significantes, por muito eco que pretendam ser, por muito corretos que sejam academicamente, e recuperemos o significado. Aí está a verdadeira revoluçom de las palavras insubornáveis.

"A cidade cree que fóra dela non hai máis que paisaxe, patacas, e leite...; ignoran que tamén existe unha cultura nobre, antiquísima e insobornable. "

CASTELAO ···· 1886-1950

A continuaçom reproduzimos um outro artigo do autor sobre a crise dos combustíveis fósseis que apareceu no jornal digital Vieiros:

O cénit do petróleo: a outra (e derradeira) crise


A crise actual ocupa os medios de comunicación de masas de maneira cotiá desde hai semanas. Pero a faciana que se nos amosa neles é case exclusivamente a financieira-económica. Pouco sae á luz e ao debate público sobre un compoñente subxacente de crucial importancia: os límites do medre perpetuo capitalista. Entre eses límites hai un que salienta: o da produción mundial de petróleo.
Baixo o termo inglés de “peak oil” coñécese o fenómeno que na nosa lingua poderiamos denominar “cénit”, “pico” ou “teito” da produción de petróleo a nivel mundial. O petróleo é un ben finito e escaso, do que non podemos “fabricar” máis cando se esgota; é dicir, no planeta hai un número concreto, limitado, de toneladas de petróleo. Ben, pois todo apunta a que estamos comezando notar os efectos desa finitude. Pero non trabuquemos: o problema non é que nos vaiamos quedar sen petróleo de aquí a uns meses, senón que cando comece o descenso pola curva histórica da produción mundial (en forma de campá, denominada “curva de Hubbert”) o petróleo que vaia quedando accesible nos mercados será cada vez máis caro, de peor calidade, máis contaminante, máis difícil de extraer, de menor valor enerxético e tamén e sobre todo (velaquí o quid da cuestión)... será insuficiente para satisfacer a demanda mundial.

Por poñelo en poucas palabras: non vai haber petróleo para todos nin maneira de substituílo a tempo. Os que levan estudando este problema desde hai tempo, teñen calculado que farían falta cando menos 20 anos de preparación, de seria e profunda transformación do tecido socioeconómico nos países industrializados occidentais, para evitar graves consecuencias. Son datos do Informe Hirsch, encargado pola administración Bush no 2005. Porque, non nos enganemos: nin os biocombustibles, nin as renovables nin a agora de novo proposta nuclear son viables a unha escala comparable ao consumo mundial actual de petróleo, nin estarían listas a tempo. Os cálculos de investimentos precisos, desenvolvemento tecnolóxico e taxas de retorno enerxético non deixan lugar a dúbida: non hai substituto viable para o petróleo que nos vaia chegar a tempo antes do momento en que a súa produción non dea cuberto a demanda.

Parémonos a pensar qué significará quedármonos sen petróleo (ou sen petróleo barato, que ven sendo o mesmo na práctica): o 90% do transporte funciona só con derivados do ouro negro; a agricultura intensiva (e polo tanto a alimentación de cada un/ha de nós) tamén depende desde a súa produción (fertilizantes químicos, praguicidas, maquinaria, etc.) ata a súa distribución, do petróleo e do gas natural (outro recurso en proceso de esgotamento); os bens de uso cotián están en boa parte creados a partir de derivados do petróleo (plásticos, fibras sintéticas...) e outro tanto se pode dicir de moitos medicamentos. Isto é: todo o que nos mantén vivos e “funcionando”. É o que algúns chaman a sociedade fosilista, petrolívora, adicta ao petróleo... ou simplemente a sociedade insostible, din outros, e non sen razón. E aí é onde volvemos ligar coa cuestión inicial: a crise ou recesión económica e a imposibilidade dunha recuperación económica permanente.

O capitalismo (iso que algúns chaman farisaicamente “libre mercado”) é un sistema que precisa do crecemento continuado para poder existir. É connatural a el: sen crecemento é inviable. Ben, pois sen petróleo, tal e como está construida a sociedade industrial capitalista, non pode haber tampouco medre. Se o combustible escasea, a máquina non é que vaia máis amodo: é que ao estar pensada só para acelerar, simplemente se “gripa”. É dicir, vimos construindo un inmenso monstro de escala planetaria, chamado sistema industrial capitalista, sobre unhas bases que tiñan data de caducidade e sen recambio posible. Cando eses cementos caian... caerá todo o sistema e todas as sociedades que non se teñan desprendido del, que non teñan saído da adición a unha droga sistémica que é finita. Agora moitos se debaten en tratar de adiviñar a data de comezo dese masivo derrubamento, dese tráxico punto de inflexión na Historia da Humanidade, que virá marcado polo momento en que se alcance o número máximo de bocois de petróleo producidos no mundo (o chamado “cénit do petróleo”): 2010? 2015? ...algúns mesmo din que xa estamos inmersos nel. Pero acertar na data non é o máis importante, nin debe demorar a posta en práctica das urxentes e radicais medidas políticas, económicas e sociais que esixe para tentarmos minguar o seu catastrófico efecto, porque é coñecido que non teremos a certeza de termos pasado ese pico da produción ata algún tempo despois (un par de anos, talvez) cando o vexamos no espello retrovisor da historia económica. E os prezos, cando avisen, será demasiado tarde. Se seguimos confiando nos sinais que envía o mercado, na substituibilidade dos factores produtivos, e na mítica autorregulación dos mercados, daquela o choque brutal contra os límites dos recursos do planeta está asegurado: estímase que sen petróleo, o planeta só poderá manter unha poboación duns 2.000 millóns de persoas.