04/12/2010

Prohibido protestar, ou a democracia esganada

Manoel Santos. Artigo tirado de aqui.

Se a semana pasada escribía eu sobre como o capitalismo cimenta o seu dominio cun uso indiscriminado do control discursivo -grazas aos medios de comunicación corporativos- e da represión das protestas e alternativas populares -cos recursos públicos desviados polos gobernos a tal fin- esta véxome na obriga de insistir doutra volta sobre a cuestión.

No esmorecer de cada ano adoitan producirse importantes xuntanzas de institucións internacionais e lobbies G-gobernativos, como se os que gozan do poder quixesen facer os deberes a última hora do último día antes do exame. É pouco entendíbel porque non existe ningún examinador supremo que os avalíe, mais se este fora a moral, o corazón ou os movementos sociais antisistémicos, suspenderían ano tras ano.

Este 2010 que remata non é unha excepción. Da xuntanza do G-20 en Seúl do 11 e 12 de novembro, que insistiu no suicidio de reformar o sistema monetario internacional poñendo as moedas ao servizo das finanzas e renunciou a crear un imposto sobre as transaccións financeiras internacionais de carácter especulativo; pasamos ao Cumio da OTAN de Lisboa, que esta mesma semana trata de se globalizar -ou expandir- e, asemade, de perpetuar a carreira armamentística coa chamada defensa de mísiles, un arsenal nuclear masivo e unha política de primeiro golpe nuclear.

A peregrinaxe dos líderes mundiais rematará en Cancún (México) do 29 de novembro ao 10 de decembro, na 16 Conferencia das Partes (COP16) da Convención Marco de Nacións Unidas para o Cambio Climático. Un segundo Copenhaguen que, moi probabelmente, non vai resolver nada importante, agás os novos mecanismos para que as transnacionais se lucren aínda máis cos bonos do carbono, a implementación dos REED -redución das emisións por deforestación e degradación- ou os Mecanismos de Desenvolvemento Limpo -licenzas para contaminar- dun supostamente renovado Protocolo de Kioto. Ao cabo, nada novo, salvo unha cada vez máis grave violación dos dereitos humanos, de Asia a Europa e de Europa a América.

Como acontecera hai unha semana en Corea, o goberno portugués tomou as súas medidas represivas para evitar o lexítimo boicot dos movementos sociais contra o cumio de ministros da guerra. Á xa tradicional suspensión do acordo de Schengen, que dende o 16 de novembro provocou retencións na ponte internacional de Tui -e o peche das outras pontes, a máis de 400 quilómetros de Lisboa!-, sumouse a deportación masiva de activistas. A policía portuguesa recoñecía o 18 de novembro unhas 150, malia que organizacións como a española Ecoloxistas en Acción ou a Unión de Obxección de Conciencia de Filandia apuntaban a moitas máis.

No fondo está a extrema necesidade do poder de invisibilizar as lexítimas protestas da cidadanía, para o que non dubida en secuestrar a democracia e violar os dereitos humanos. Por se non o saben, ou non o lembran, o artigo 19 fala do dereito á liberdade de opinión e expresión sen limitación de fronteiras. O 20 do dereito á liberdade de reunión e de asociación pacíficas.

Nenhum comentário: