Xosé Manuel Beiras. Artigo tirado de aqui.
Coido que, na súa expresión de voto, as dimensións dos diversos segmentos ideolóxico-políticos do electorado catalán non se modifican gran cousa, ou moito menos do que faría pensar unha lectura superficial dos resultados. É sabido que hai un continxente importante de votantes que, en Catalunya, oscila entre o PSC e CiU, e outro, ben menos cuantioso, entre CiU e ERC.
No ano 2006, os primeiros marcharan ao PSC, e os segundos -os daquela denominados orfos de CiU- encamiñáranse, da man de Pere Esteve, a ERC. Agora, os primeiros volveron a CiU. ERC perde a metade da súa alícuota, en porcentaxe electoral e en escanos, e preto da metade en volume de votos, mais pérdeos con destino a opcións esplicitamente independentistas.
De feito, se sumamos aos resultados de ERC os das tres opcións independentistas máis votadas, que se presentaban agora por primeira vez, resultan magnitudes iguais ou mesmo superiores ás obtidas por ERC no 2006, tanto en valores absolutos como porcentuais. Soamente en escanos non cadra esa suma (catorce agora contra vinte e un antes) porque, desas tres novas opcións, só a de Laporta obtivo escanos: catro. Mais, en procentaxe, o independentismo esplícito supón arredor dun 8 por cento dos votos emitidos -cifra moi significativa, se temos en conta que o independentismo non cre na fórmula autonómica, e moito menos despois do esperpento montado pola dereita reaccionaria española, posto en escena polo Tribunal Constitucional e pusilanimemente engulido polo goberno p-socialista central con respecto do Estatut.
O resto -impacto da crise, descrédito do tripartito ante a cidadanía máis crítica, etcétera- resulta obvio e non teño espazo para comentalo nesta breve nota. Inda así, o PP só medra nun 1,5 por cento: resultado ben magriño para a súa demagoxia en augas tan avoltas!
Nenhum comentário:
Postar um comentário