25/01/2011

Autodeterminación dos pobos? Quen é o suxeito?

Immanuel Wallerstein. Artigo tirado de aquí e traducido por nós. Orixinalmente apareceu no xornal La Jornada de México (aquí).

http://www.anosaterra.org/media-9787.jpg

Un dos mantras guías do século XX foi a autodeterminación dos pobos, das nacións. Esta foi unha crenza que todo o mundo aceptou en teoría. Pero na práctica foi un asunto moi espiñento, moi pouco claro. A dificultade chave está en determinar quen era o suxeito, o pobo, a nación que debería ter a potestade de determinar o seu propio destino. Nunca houbo acordo con respecto a este ponto. No caso das colonias, a cuestión era relativamente simple. Pero no caso dun Estado xa recoñecido como Estado soberano, a opinión estivo moi dividida; foi común que a división fose violenta. O asunto está nos titulares do momento a causa do referendo en Sudán do Sur, onde "o pobo" está a votar se desexa permanecer como parte dun Estado chamado Sudán ou se vai constituír un novo Estado separado de Sudán.

En todos os estados, sen excepción, hai xente no poder estatal que argumenta o que se chegou a coñecer como a posición "jacobina". Afirman que todos os cidadáns dese Estado constitúen unha nación, unha que xa determinou o seu destino. Falamos de nacións-Estado coma se o principio jacobino fose unha realidade e non só unha aspiración política. Os jacobinos din que o Estado deber ser reforzado ou fortalecido negándose a recoñecer o dereito, a lexitimidade dun grupo intermedio (como lle din) que se ergue entre o Estado e os cidadáns. Todos os dereitos van ao individuo; ningún dereito vai aos grupos.

Ao mesmo tempo, en todos os estados, de novo sen excepción, hai outros -con frecuencia chamados "minorías"- que cuestionan esta idea. Din que a posición jacobina esconde o interese dalgún grupo "dominante" que mantén os seus privilexios a expensas de todos aqueles que pertencen a grupos diferentes ao grupo dominante. As minorías (que con frecuencia, pero non sempre, conforman de feito a maioría numérica da poboación), argumentan que, a menos que se recoñezan os dereitos dos grupos, estáselles negando unha participación equitativa no Estado.

Que "dereitos" senten estas minorías que se lles negan? Algunhas veces dereitos lingüísticos, o dereito a emprender asuntos de medios, educativos e legais nunha linguaxe que non sexa a linguaxe "oficial". Algunhas veces, trátase de dereitos relixiosos, o dereito a practicar abertamente unha relixión que non sexa a recoñecida oficialmente, e a levar a cabo os seus asuntos civís baixo as leis relixiosas que son parte da súa propia relixión. En ocasións trátase de dereitos agrarios, os dereitos dos grupos que detentan terras conforme ás normas tradicionais que son diferentes das normas actuais postas en efecto polo Estado.

Hai dúas estratexias para garantir os dereitos dos grupos minoritarios. Unha é buscar unha autonomía recoñecida oficialmente en varias esferas da vida social e legal. A segunda, se o grupo ocupa zonas xeográficas relativamente compactas, é buscar a secesión, é dicir, a creación dun novo Estado. Para moitos grupos, estas son as alternativas entre as que poderían moverse. Non conseguindo a autonomía, poderían buscar a secesión. Ou unha vez derrotadas política ou militarmente as súas aspiracións á secesión, poderían conformarse coa autonomía.

Os kurdos en Turquía e aqueles que están en Iraq, buscando a secesión, parecen agora dispostos a conformarse coa autonomía. Así tamén parece ser o caso dos francófonos en Quebec. A xente de Sudán do Sur está a moverse na dirección contraria, como fixeron os cosovares en Serbia.

O punto crucial non sempre é unha cuestión meramente interna nun Estado en particular. Para ser un Estado soberano, un debe ser recoñecido por outros estados soberanos como unha entidade lexítima. Hoxe, a República Turca do Norte de Chipre é recoñecida unicamente por outro Estado. Non pode por tanto unirse a organizacións internacionais, aínda cando de facto continúe controlando o seu territorio.

Cando Cosova proclamou a súa independencia recoñeceuno só menos da metade dos membros de Nacións Unidas. Temos que preguntarnos entón por que, e por cales estados. Houbo algúns estados de Europa pero tamén doutros lados (son notábeis os casos de China e Rusia) que temían o precedente. Dixeron que, se os cosovares podían declarar unilateralmente a súa independencia, grupos similares nos seus países poderían tomar isto como un precedente. Con todo Estados Unidos e certos estados de Europa occidental pensaron que a independencia cosovar de Serbia servía aos seus intereses xeopolíticos e alentaron aos cosovares a proclamar a súa independencia, a cal recoñeceron de inmediato, e á cal lle concederon asistencia política e material.

Cando Biafra tentou separarse de Nixeria hai varias décadas, case todos os estados africanos apoiaron os esforzos do goberno nixeriano para suprimir a rebelión militarmente. O principal argumento para facer isto é que a secesión de Biafra sentaría un terrible precedente en África, onde case todas as fronteiras estatais foron constituídas arbitrariamente polos poderes coloniais, e de feito atravesando as liñas étnicas. Os estados africanos querían conservar as súas fronteiras existentes, sen importar o artificiais que parezan, como única garantía da súa orde colectiva.

Agora, parece que o referendo en Sudán do Sur producirá un voto abafador en favor da secesión. E é case unha certeza que os estados africanos que non recoñeceron a Biafra, ademais de China que non recoñeceu Cosova, recoñecerán o novo Estado que se está creando. De feito, incluso o Estado do cal se está separando está disposto a recoñecer ao novo Estado.

Por que? A resposta é simple. Hai razóns xeopolíticas para facelo. China está interesada nas futuras relacións co novo Estado, que será un grande exportador de cru. O interese de comprar petróleo parece cobrar prioridade sobre a preocupación acerca dos precedentes que terían os grupos secesionistas en China. Sudán parece disposto a recoñecer ao novo Estado porque Estados Unidos prometeu cambios específicos nas súas propias políticas vis-a-vis se Sudán permite que a secesión proceda pacíficamente. Os estados africanos ven atafegados polo acordo de facto entre os dous lados desta controversia. Ademais, moitos deles simpatizan cos grupos de Sudán do Sur, que son os pobos nilóticos, que enfrontan a un goberno dominado polos pobos árabes.

No século XXI a opción jacobina está en retirada na maioría dos países. A cuestión real é a autonomía versus a secesión das así chamadas minorías. É unha mellor que a outra? Non hai unha resposta xeral á devandita cuestión. Cada caso é diferente en dúas formas. A demografía e a historia reais de cada Estado son diferentes e por tanto o que loxicamente é o mellor e o máis xusto é diferente. En calquera caso, un novo Estado que resulta dunha secesión de inmediato descubrirá "minorías" dentro das súas fronteiras. E o debate non termina nunca.

Pero hai unha segunda consideración. A cuestión de autonomía contra a secesión ten consecuencias xeopolíticas. E estas son cruciais en termos das loitas que están en proceso dentro do sistema-mundo como un todo. Todos os partidos buscan, máis ben cinicamente, o seu propio interese como estados. A súa actuación pode ser bastante oposta dunha situación a outra. Isto é así porque aos poderes externos impórtalles primordialmente o impacto xeopolítico da decisión. Pero é o papel destes poderes externos o que con frecuencia é decisivo.

Nenhum comentário: