20/01/2011

Indagacións sobre a cidadanía (I): introdución ao dereito de cidadanía nun contexto de crise capitalista

Raul Asegurado Pérez. Artigo tirado de aqui. Recomendamos também para os que nom o figestes a leitura do último artigo de Beiras em Galicia Hoxe, "Indignádevos!" como intróito a este artigo. Raul Asegurado é membro da Coordenadora em funçons do Encontro Irmandinho e participou da elaboraçom da tese político-ideológica desta III Assembleia Nacional.
http://www.blogespierre.com/wp-content/robespierre02.jpg
O conceito de cidadanía sempre estivo vencellado á noción de dereitos, especialmente aos dereitos políticos, que permiten ao individuo intervir na dirección dos asuntos públicos. Na tradición clásica, a cidadanía é o conxunto de dereitos e deberes ao cal un individuo está suxeito en relación á sociedade na que vive.

É por iso, que a igualdade ante a lei (isonomía) que garante a cada cidadán a equidade de dereitos está na base mesma deste conceito, mais a pregunta subxacente a isto é, quen é propietario, posuidor da cidadanía? É o Estado-Nación quen a outorga? Ou é un dereito das persoas?

Noutras palabras, só afondando na filosofía do dereito (da cal eu non son un experto) un pode valorar o significado completo do que é ser cidadá ou cidadán, Hannah Arendt no capítulo final da súa obra As orixes do totalitarismo fala dos “sen dereito” e plantéxase a seguinte cuestión que é piar no que nos atinxe: quen ten dereito a ter dereitos?

Por suposto, as persoas, os individuos, teñen dereito a ter dereitos, reguladas ou non polos estados-nacionais, pero se non o está, non teñen ese dereito… menudo encerello! non? Ben é certo que non é o mesmo ser nacional que ser cidadán, pero ese é outro tema. Hannah Arendt mostra que ser un suxeito de dereito está alicerzado na pertenza a un Estado, e que coa perda da identidade política, é a condición humana mesma a que está en risco, aínda que eses suxeitos “sen dereitos” sexan obxecto de políticas humanitarias. Despoxado o ser humano da súa condición de cidadán, seguindo con esta reflexión arendiana, podemos dicir que teríamos metaforicamente a un ser humano espido, e como dicía Agamben: “O mundo non atopou nada sacro na abstracta desnudez humana”.

Ser cidadán, nun senso máis republicano, é un dereito adquirido nun exercicio de autoconciencia por e para poder autonomamente responsabilizarse dos asuntos públicos. Por que digo autonomamente? Porque os menores non-autónomos (tema que tratarei adicar tempo das miñas matinacións nun futuro, xa que é o meu campo laboral) non poden ser responsábeis dos asuntos públicos, aínda que si, ao participaren neles son cidadáns pasivos e en potencia. Mais, podemos falar dunha minoría de idade nos cidadáns adultos? Si, e isto vai relacionado co conceito de emancipación, unido ao sentido e o destino da política democrática. Noutras palabras, nunha cultura republicana, ser cidadán é un continuo proceso de emancipación persoal e colectiva que permita ser autónomo e responsábel das diferentes esferas da vida social (política, económica, etc…), en definitiva, poder vivir sen permiso de ninguén (persoa ou institución).

É por tanto, como os recurtes dos Estados sobre os dereitos civís que está a conlevar a crise capitalista actual, está a por en entredito os valores máis xenuínos e incluso simbólicos do “ser cidadá/n”. A sociedade civil pasa a ser obxecto da vida política, non suxeito activo, unha escollida elite económica (financeira e empresarial) mantén un diálogo fluído cos governos, no Reino de España cun governo “socialista”, ao que lles impón as normas de relación a costa das persoas do común, dos cidadáns. Unha vez máis, como aconteceu ao longo da historia, diferentes tipos de clase, casta…. aparecen na esfera social evidenciando os diferentes privilexios e a non-isonomía, a non-equidade de dereitos fronte a lei. É no proceso de expansión e concienciación dunha cultura republicana, onde a cidadanía asumiría a maioría de idade, nun contínuo proceso de emancipación onde se evidencia a contradición de ter unhas “leis constitucionais” no senso de Robespierre (non no senso Constitucional ao uso), refírome ao “reinado apacíbel das leis constitucionais” que coma apuntaba só pode darse co paso previo da “guerra da liberdade contra a tiranía”.

Mais na definición do Estado e da cidadanía en Robespierre xoga un papel fundamental a democracia, porque toda condición suxeita a ese “reinado apacíbel das leis constitucionais” baséase só nunha verdadeira democracia, onde o “Estado, en que o povo é soberano, guiado polas leis, que son obra súa…”, que quere dicir isto de transfondo? Que a autorgación ou non da cidadanía recae nos Estados governados pola soberanía popular e non polas influencias dos lobbys de poder que mercantilizan, entre outras os fluxos migratorios. A cidadanía e a inmigración será a seguinte entrega deste tema. Mais os recurtes de dereitos civís das sociedades, dirixidos polos centros económicos e implantados polos governos dos Estados son un mecanismo de control férreo aos procesos de emancipación das próprias persoas.

Nenhum comentário: