Os ghostwriters de Feijóo son expertos en sementar o discurso presidencial de citas descontextualizadas que non corresponden, en ningún caso, coas súas leituras e preocupacións ideolóxicas. Tanto ten Pasolini, que Manuel María, que Salvador Allende, que Novoneyra, que Barack Obama. Nesa colaxe, que parece máis a vidreira do tango Cambalache, conviven poetas, filosófos, políticos progresistas e líderes morais da humanidade. O trasfondo desas sabias palabras non é que o arma o discurso de Feijóo, el prefire o significante: a camisa da víbora, a códea do pan, o que cobre, verdadeiramente, o pensamento que aniña no seu significado. Así que a miraxe ten lugar diantes dos nosos propios ollos abraiados. Feijóo cita a Castelao e desactívao. Cita a Rosalía e redúcea até a banalidade. Podería citar a Toni Negri e convertelo nun votante do Partido Popular de toda a vida, presidente da túa comunidade de veciños, ten ese poder. Dálle a volta ás palabras dun poeta coma quen revira un calcetín. Pero ás veces un adverbio, un simple adverbio, delátao e pon sobre a mesa a súa verdadeira face, a que non poden ocultar nin os versos, nin as palabras fermosas que outros rouban e aldraxan para despois poñelas na súa boca e que ninguén as recoñeza.
A linguaxe opresiva fai algo máis que representar a violencia; é violencia (Toni Morrison)
Son dous adverbios, en realidade: “libremente” e “además”. Ocorreu este día na inauguración da Biblioteca Concepción Arenal, unha sección de libros sobre a muller na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. (Vése que non hai moitas mulleres susceptíbeis de tal honra, pois en Santiago de Compostela xa existe unha outra Biblioteca Concepción Arenal, de Dereito, Ciencias Políticas e Relacións Laborais, que conta cun predio propio ao carón da Facultade de Dereito. Tal desleixo ao escoller un nome xa rexistrado para unha nova biblioteca fala ben claro do relevo que lle outorgan ao asunto os responsábeis políticos da Xunta).
Vai pralí Feijóo, arroupado por moitas mulleres (pois celebran o Día Internacional da Ídem Traballadora) e pídelles ás congregadas que recoñezan tamén “a vontade masculina” no proceso de consecución dos seus dereitos. Non se me ocorre petición máis denigrante, pois é precisamente a “vontade masculina” (non a vontade de cooperar coa liberación da muller, desde logo) a que aínda perpetúa a desigualdade, alimenta o patriarcado e relativiza o horror cotián da violencia doméstica. É como se Feijóo lles pedira ás obreiras da construción que lle recoñezan ao empresariado a súa boa fe e bondade por ter autorizado a constitución de sindicatos e de plans de seguranza. Como se os logros e conquistas da muller non foran por loitar, xustamente, contra a vontade masculina, contra os desexos e privilexios do macho, aínda tan vivos e presentes no noso contexto social. Mulleres díscolas estas, que non agradecen o moito que os homes as axudan nas tarefas do fogar, para que poidan buscar un traballiño e realizárense como escravas doutros homes, dentro e fóra da casa. Demo de mulleres, ingratas mulleres..!
“Libremente” e “además”. Copio e pego do teletipo de Europa Press:Tras calificar a la mujer como “emancipadora eterna” y recordar su papel en Galicia en las faenas agrícolas, la producción textil y conservera y las tareas domésticas, entre otras cuestiones, Núñez Feijóo ha recordado un “obsoleto” texto de 1866 en el que se evidenciaban las “tres funciones de las mujeres: compañera del hombre, esposa y madre”. “Hoy puede ser esas tres cosas libremente, y además cualquier otra que se proponga”, ha explicado Núñez Feijóo.
2) Non precisa Feijóo remontarse a 1866. Esa filosofía da costela de Adán, a de Pilar Primo de Rivera, a da Sección Femenina, fica aínda en moitos libros de texto, fai parte dos prexuízos inmutábeis da rúa e apréndese nos colexios do Opus e nas aulas segregadas dos colexios concertados de curas e monxas onde o PP educa os seus cachorros. Ese aserto non é “obsoleto” porque é o que inspira a cruzada contra o aborto, a peste da Red Madre e dos grupos Provida, a homofobia latente nos cargos populares e a nova Lei de Convivencia da Consellería de Familia (querse dicir de Traballo e Benestar) de Beatriz Ma-To!: “compañera del hombre, esposa y madre”.
3) Libremente e además. A falacia da liberdade é a mesma que inspira o programa de exterminio da lingua galega impulsado pola Xunta de Feijóo. Libremente puedes expresarte en castellano, y además tienes el gallego para un apuro//Libremente puedes ser compañera del hombre, esposa y madre, y además “cualquier otra cosa que te propongas…”. Hai unha norma, un ben-ser, un estatus, unha institución que se acepta libremente, que é a que nos vén dada: a tradición, a moral xudeo-cristiá, o alicerce, o que está escrito, o castellano, o que Deus dispón… Iso, insisto, pódelo aceptar libremente. É o que debe ser. Para os excéntricos, para os que non respeitan a tradición, para os subversivos e as rebeldes, para as que falan galego seguido, para as lesbianas, as putas e as solteiras irredentas, para as que son quen de se explicar a si mesmas fóra dese rol instaurado pola praxe patriarcal, entón está o además. O ademais é unha concesión graciosa, son os extras do coche, é a tolerancia de quen consente e domina, pois só tolera quen se arroga a autoridade de tolerar. O ademais de Feijóo delátao dunha maneira tan freudiana como efectiva. Igual ca o seu libremente. Deberíallo dicir ás mulleres maltratadas de Galicia, que son milleiros e milleiros. “Libremente podéis ser esposas y compañeras del hombre, libremente…”, a ver se non se lle cai a cara de vergoña.
Hai unha frase de Cicerón que, se cadra, os ghostwriters de Feijóo coñecen e que ilustra moi ben o que para min é a liberdade:
“A liberdade non consiste en ter un bo amo, senón en non telo”.
As mulleres xa non queren bos amos, nin amos comprensivos, nin homes que as toleren nin as comprendan. As mulleres o que non queren é AMOS. Pero esa, témome, é unha verdade demasiado clara, rotunda e luminosa como para interpretala libremente nun discurso de Núñez Feijóo.
Um comentário:
Grazas polo artigo!Unha pena que o pobo, que é soberano, elixa un amo e non unha persoa que goberne, dirixa e faga país!!
Postar um comentário