01/03/2011

Terry Eagleton: a morte do intelectual

Terry Eagleton. Tirado de aquí e de aquí e traducido por nós para galego-portugués.Terry Eagleton foi obrigado a retirarse da cátedra John Edward Taylor en literatura inglesa na Universidade de Manchester en xullo de 2008.

As institucións académicas deron un xiro e, no canto de ser o dedo acusador do capitalismo corporativo, agora son os seus cómplices. A universidade é hoxe en día algo así como un Walmart intelectual que produce mercadorías chamadas 'graduados', no canto de comestíbeis e abarrotes.
http://www.st-edmunds.cam.ac.uk/faraday/images/Terry%20Eagleton.jpg
Terry Eagleton
Noam Chomsky, un dos intelectuais públicos máis egrexios século XX e a quen se lle ofrecen gardacostas cada vez que fala nalgún campus dalgunha universidade estadounidense, unha vez externou menosprezo respecto da crenza de que a tarefa do intelectual público era a de "dicirlle a verdade ao poder". En primeiro lugar, segundo sinalou Chomsky, o poder, á fin e ao cabo, xa sabe a verdade. Non sexamos tan excesivamente caritativos como para imaxinar que os nosos gobernantes se moven nunha pura néboa de mistificación, coma se cresen honestamente que, por exemplo, a guerra de Iraq ten motivacións humanitarias, ou que a intelixencia inglesa en realidade nunca cometeu tortura de forma sistemática.

Moi contrariamente, os poderes que determinan o noso destino saben bastante ben que se traen entre mans a maioría das veces e continúan actuando da mesma maneira aínda que saiban que se trata dunha mezquindade moral ou de algo escandalosamente indefendíbel. Se non é o traballo da esquerda facerlles saber estas cousas, débese en parte a que temos mellores cousas que facer, e en parte a que eles non necesitan saber o que xa saben. Ademais, o cambio político non se logra simplemente cambiando a mentalidade da xente. Son os seus intereses os que deben ser atacados, non as súas opinións.

Por outra banda, segundo a argumentación de Chomsky, non son os gobernantes quen necesitan a verdade, senón quen son gobernados. O rol da esquerda intelectual é servir aos dominados, non aos dominadores. O punto, en concordancia cun comentario de Marx, non é comprender o mundo, senón transformalo, aínda que nunca ninguén cambiou un mundo que non se comprende e acá é onde os intelectuais xogan un papel. Ou, se se quere, as universidades.

Neste momento, con todo, hai moi poucos intelectuais nas universidades. Hai algunhas persoas a quen se lles chama académicos, pero iso é diferente. Os académicos pásanse a vida investigando preguntas tan cruciais como o sistema vaxinal dunha pulga (o título dunha tese doutoral en Cambridge que unha vez me atopei); os intelectuais, pola súa banda, teñen máis ben a tarefa tanto máis dura de facer que as ideas se reflictan na sociedade como un todo. E hai moito tempo, as universidades eran o lugar onde se podía atopar intelectuais en grandes números.

A ausencia de intelectuais

Se hoxe en día non é posíbel atopar numerosos intelectuais nas universidades, iso débese en parte a que a cantidade de intelectuais de esquerda decreceu considerabelmente. Un grupo deles, incluíndo a Jürgen Habermas, Salman Rushdie e Christopher Hitchens, pasáronse á beira da dereita política a partir de 9/11 ou ben están perdidamente namorados do "mundo libre". Ningunha xeración militante de mozas reemprazou a aquele grupo de E. P. Thompson e Raymond Williams, Edward Said e Susan Sonntag, Roland Barthes e Hannah Arendt.

Pero o problema non consiste en que a esquerda intelectual estexa pasada de moda, en comparación cos anos 60 e 70 cando existía unha cultura intelectual socialista e feminista bastante próspera nos recintos universitarios. Isto non significa que todos os estudantes por aquel entón fosen fans de Marx ou feministas; soamemente que estas ideas tiñan un sentido cultural cotián, así como o Darwinismo na época vitoriana. O problema máis perentorio de hoxe en día é que as universidades en boa parte deixaron de xogar o seu papel clásico de fontes de crítica.

Simplemente non hai suficiente luz entre as universidades e as sociedades na súa totalidade, como para que as universidades cumpran con esta misión. As universidades non poden exercer unha influencia crítica nunha situación onde foron integradas completamente, así como un Piccaso que colga no lobby do Chemical Bank non pode ter inxerencia algunha sobre o capitalismo financeiro. Nun sentido amplo, as institucións académicas deron un xiro e, no canto de ser o dedo acusador do capitalismo corporativo, agora son os seus cómplices. A universidade é hoxe en día algo así como un Walmart intelectual que produce mercadorías chamadas "graduados", no canto de comestíbeis e abarrotes.

Administrando a mente. O xogo libre da mente foi administrado. A nosa forma vital de dar conta de algo se converteu en mera contabilidade. A lóxica da mercadoría penetrou agora a esfera das necesidades humanas e da educación, e procreou alí síntomas patolóxicos. Nas universidades, tal como nas corporacións transnacionais, unha forza laboral en boa parte desentendida debe facer fronte a unha elite administrativa obsesionada coas finanzas.

A utilidade é hoxe en día a pedra de toque da realidade, nese caso un podería deixar de ler Macbeth: a maldición das bruxas simplemente non pode ser cuantificada. O futuro desta situación pode preverse con suficiente facilidade. Deica pouco, os intelectuais ofrecerán aos estudantes un menú: £80 polos seus descubrimentos máis revolucionarios; £45 por algunhas cousas brillantes, pero non tanto; £15 por un campo estandarizado de ideas. No que incumbe á corrección de ensaios, £5 por cada comentario non parece demasiado excesivo. Mentres anticipo estes desenvolvementos con entusiasmo, xa teño un laño na porta da miña oficina na que os estudantes deben botar unha libra, soamente para que se lles permita entrar. Xa que non teñen diñeiro para comprar libros, eu mesmo inventei xa un esquema de préstamo.

Cando a crítica valora a actualidade á luz da posibilidade ao medir o indicativo pola norma do subxuntivo, a ambición do capitalismo avanzado non é simplemente combater as ideas radicais, e nin sequera desacreditalas, senón abolir a mesma noción de que pode haber unha alternativa seria ao presente estado de cousas.

A súa tarefa, dito brevemente, é aniquilar ese poder perigoso coñecido como imaxinación. Todo tempo pasado é a narrativa do inquebrantábel progreso que vai desde o molusco até o capitalismo do monopolio, destinado na plenitude dos tempos a dar nacemento a esa encarnación do Espírito do Mundo coñecida como Gordon Brown. O futuro é simplemente o presente con máis opcións. O apoxeo da historia é o libre mercado. Foi por este que os gregos antigos rifaron e que as persoas en prol da igualdade de dereitos se sublevaron.

Os gardiáns culturais. Cando as universidades se converten en meros entes integrados, o papel do intelectual crítico tende a dar unha viraxe fóra das paredes universitarias e mirar cara aos escritores e os artistas. Son eles quen ostentan o papel inenvidiábel de ser os gardiáns dos valores humanos nunha orde social que se quita o chapeu ante estes valores na teoría, ao mesmo tempo que os desacata na práctica. No entanto, aquí tamén nos achamos ante un gran problema. Podemos confiar nos escritores e nos artistas como acérrimos defensores das liberdades individuais e civís. De todos os xeitos, este é o mesmo aire de liberdade que eles gozan como profesionais. Pero unha política semellante ten os seus límites, porque non pode ir máis aló dun liberalismo inglés de clase media.

Novelistas como Salman Rushdie, Martin Amis e Ian McEwan poden ser todo o vociferantes que queiran na súa oposición ao islamismo, mais é difícil imaxinarlles alzando a voz con tanta vehemencia a favor de, por exemplo, o concilio para o soldo dos traballadores ou dos dereitos dos iraquís para defenderse por si mesmos contra unha invasión brutal. Dadas as condicións do seu traballo, é improbábel que os escritores e que os artistas teñan moito sentido de colectividade.

Hai algo desinteresado e valioso nos seus reclamos a favor da libre expresión. Con todo, en tanto defensores autonomeados da civilización ante o barbarismo, cometen o erro de non ver que certo barbarismo é o outro lado da moeda da mesma civilización e que este non pode separarse das tensas operacións civilizatorias. Para cada catedral, hai unha fosa chea de ósos; para cada obra artística, miseria humana e traballo escravo. Escribir novelas, como calquera outra forma de actividade cultural, soamente é posíbel polo traballo doutros. E este non é un feito respecto do cal Amis pareza estar ao tanto.

As universidades non poden ser transformadas de forma illada. Para soltalas das garras do capitalismo avanzado, temos que ter unha sociedade que dispoña dos medios para a educación de balde da xente nova, onde haxa tamén independencia académica en relación con intereses privados.

Isto significa transformar o sistema económico que malgasta billóns no lucro dos accionistas e en armas, ao mesmo tempo que establece salarios de fame, un paraíso fiscal para os máis ricos, mercadorías inútiles e moitas cousas máis.

Para lograr estas metas políticas, necesitamos, entre outras cousas, unha nova xeración de intelectuais públicos preparada para facer a dura análise que se necesita, e que se involucre na tarefa de divulgar estes ideais tamén no exterior. Doutra forma, continuaremos nunha situación como cando Amis fixo os seus aborrecíveis comentarios acerca de perseguir e discriminar a inocentes musulmáns. O seu amigo próximo Christopher Hitchens dixera que eses comentarios eran simplemente "experimentos mentais", mentres que o seu outro amigo próximo, Salman Rushdie, argüiu que Amis non dixera nada discriminatorio, aínda que falara abertamente a favor da discriminación.

É moi notábel como a intelligetsia liberal revela como de desinteresada é a súa paixón pola verdade e a xustiza, excepto cando se toca aos súas amigotes.

Nenhum comentário: