15/04/2011

A lección das mulleres tunecinas para a Galiza de Habichuela I

Paula Verao

Se sobre as revoltas do norte de África só nos informaramos a través dos media convencionais, tradutores da mentalidade colonial hexemónica nas nosas sociedades, valoraríamolas con moita cautela a respeito de cómo quedarán os dereitos das mulleres nas novas constitucións. Cuestión de tal calado quedou ás veces reducida, especialmente nas tertulias televisivas, a presupostos tais coma que, máis ou menos, "os árabes son machistas por natureza" ou "o Islam non permite que se desenvolvan os dereitos acadados polas mulleres occidentais".

Obviando o profundo descoñecemento histórico do soberbio "mundo libre" acerca da civilización islámica e da propia dinámica histórica europea - pois parecemos esquecer que a Revolución Francesa rebañou, literalmente, o pescozo da incipiente cuestión dos "Dereitos da Muller e da Cidadá" -, a mensaxe dirixida polo pensamento único á esqueda parecía clara: non vos emocionedes coas transformacións no norte africano, que as mulleres seguirán oprimidas. A intención de desacreditar as revoltas árabes neste sentido quedou en suspenso ao coñecermos que nas eleccións á Asemblea Constituínte da Tunisia só serán legais as listas paritarias a xeito de gramalleira - sen esquecer que nestas eleccións se lles prohíbe a participación política aos cargos da dictadura derrocada e que o sistema electoral favorecerá ás minorías -. Non quere isto dicir que poidamos obviar a situación da muller na maioría dos "países musulmáns" - con toda a súa heteroxeneidade -, en inferioridade xurídica con respecto aos homes, sufrindo maior analfabetismo e precariedade laboral e con escaso acceso á participación política, ou deixar de ser cautelosos coa situación da muller na futura Tunisia, como reclaman as feministas tunecinas. Aínda así, o pensamento crítico da esquerda debe evitar caer en argumentos-trampa, como identificar Cultura con tradicións que apuntalan intereses das elites económico-relixiosas, ou atribuír só ao Islam a subordinación feminina [1], e esquecer as desigualdades de xénero do propio Occidente, sen deixar de analizar que moitos dos países co menor Índice de Potenciación de Xénero [2] son neo-colonias do Norte (datos: ano 2009, aquí): países do centro e sul de África, Afganistán - supostamente democratizado polos exércitos da liberdade -, etc.
As mulleres tiveron un protagonismo central nas revoltas de Túnez e Exipto, e non están dispostas a retroceder nos seus dereitos que veñen conquistando, con dificultades e matices, dende hai tempo.

Namentras as tunecinas tentan cambiar o seu futuro e o do seu país, na Galiza vivimos un retroceso nos dereitos das mulleres, coa Lei de Familia que vai aprobar o PP no Parlamento Galego e que sancionará o papel tradicional da muller como esposa e nai abnegada, analizada aquí pola Rede Feminista Galega. Ao tempo, as mulleres galegas son quenes máis sofren a crise e quenes máis van sofrer a recente reforma das pensións do PSOEspañol, especialmente as labregas, das cales 35.000 seguen sen ser titulares da explotación na que traballan en pé de igualdade cos homes, e segue a ser difícil facer listas paritarias en moitos concellos para as vindeiras eleccións municipais.

A lección das mulleres tunecinas para a esquerda europea, e para a galega en particular, - e debemos acostumarnos a tomar leccións do Sul - debe ser que os movimentos emancipatorios van unidos: non hai descolonización sen des-patriarcalización, nin ecoloxismo sen socialismo, nin socialismo sen feminismo... Non hai revolución sen as mulleres nin se vence ao machismo sen a revolución.

NOTAS

1. "O que se descoñece, e é unha ignorancia case xeneralizada, é que o Islam no contexto histórico e social no que xurdiu, otorgou e recoñeceu á muller dereitos dos que esta carecía na etapa preislámica, pois permitiu, prohibiu e estableceu determinadas cuestións que en calquera caso elevaron a condición feminina: o Islam permitiu a poligamia e o repudio, ambos con limitacións; o Islam prohibiu o infanticidio cando algunhas sociedades limítrofes enterraban vivas ás nenas recén nadas; tamén prohibiu considerar á muller un ben máis que se transmitía como herdanza; o Islam concedeu á muller o dereito a herdar, á propiedade privada, á educación, ao traballo e á liberdade de expresión (Corán LVIII, 1). De: PÉREZ ÁLVAREZ, Mª ÁNGELES e REBOLLOS ÁVALOS, Mª JOSÉ. "El Islam en la vida de la mujer a través de los tiempos". Accesíbel aquí.

2. O Índice de Potenciación de Xénero é un indicador social que mide o nivel de oportunidades das mulleres en base á proporción de mulleres sobre homes na participación política, en postos lexislativos, funcionarios, lexislativos ou profesionais e nos ingresos.

Nenhum comentário: