18/05/2011

Salaburu, Bolonia e os malos entendidos

Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez. Os autores son professores de Psicoloxía na USC e contan con numerosos traballos sobre o eido educativo. Artigo tirado de aquí e traducido por nós para o galego.


O Profesor Pello Salaburu,  ex-reitor da UPV/EHU entre 1996 e 2000, di que "Bolonia é unha oportunidade que non se entendeu ben en España". Quen non entendeu ben? As administracións educativas, ministros e ministras do goberno central e conselleiros autonómicos? Os partidos políticos, que case sen fisuras e sen maior análise, abrazaron o que lles viña ordenado desde arriba, á vez que desde concellos e deputacións sometían e someten ás universidades a intolerábeis presións localistas? Os reitores, coa CRUE á fronte, os decanos, os directores de centros universitarios, que case sen crítica e sen contar coas súas comunidades, ou mesmo contra elas, asumiron o que se lles impuña e á súa vez impuxérono? As instancias empresariais que presionaron e seguen presionando para que se acometan as reformas das que resultarán abertamente beneficiadas, como  a European Round Table, Universia, do Grupo Santander, a fundación CyD, do BBVA, a Academia Europea de Ciencias e Artes (AECYA) ou a Fundación Rafael del Pino? Os profesores e profesoras universitarios que escribiron multitude de artigos e de libros explicando o seu parecer e opóndose ao despropósito? Os estudantes, que esixiron reiterada e intensamente a apertura dun debate sen ser escoitados? Os que tratamos de explicar en que consistían as políticas neoliberais en relación coa educación superior, acertando plenamente nos prognósticos? Os crédulos que de boa fe recibiron alborozados a boa nova que traía Bolonia e que agora senten estafados? Os novos, e cada vez máis abundantes, xestores das universidades, que á vez que se recortaban os orzamentos atribuíanse xenerosísimos soldos? Os "expertos" en calidade (total ou por partes), en innovación, en avaliación, que como un virus propáganse polas universidades deseñando plans estratéxicos, protocolos, procedementos, formularios, FODAs, reciclaxes e modernizacións varias e que cada vez máis son percibidos como un proceso de parasitación das universidades? Os especialistas en mercadotecnia que decidiron gastarse unha parte substanciosa dos magros presupostos das universidades en campañas de captación de alumnos-clientes, e para iso viaxaron a China, montaron feiras varias, organizaron "xornadas de portas abertas", e crearon campañas de propaganda para atraer aos alumnos de secundaria, cando agora chegamos á conclusión de que non podemos atender nin aos alumnos que xa temos e por iso as facultades esixen "numerus clausus" e a redución da oferta de prazas? Os ardentes defensores de Bolonia, espléndidamente financiados para divulgar as súas ideas e as súas propostas, obviamente en consonancia coas directrices oficiais, e que agora afirman que non é que non soubesen explicarse, senón que non soubemos entenderlles? Entendémolo todos mal, ou só algúns, ou uns máis que outros, ou uns peor que outros?



Pero foi só en España onde o entendemos mal? Entendeuno ben o Banco Mundial, principal promotor da reforma, a OMC, no Acordo Xeral de Comercialización de Servizos que promove, a OCDE, a Comisión Europea? Entenderon ben Bolonia os británicos cando soben as taxas de matrícula a 9.000 £, recortan draconianamente os orzamentos das universidades, pechan un gran número de titulacións e departamentos, proceden a un masivo despedimento de profesores, e deixan aos alumnos cunha débeda media de 20.000 £, todo o cal ocasiona masivas protestas de estudantes e profesores? Entendérono en Francia, ou en Italia, ou en Alemaña, ou en Austria, onde as políticas son as mesmas e onde así mesmo desencadeáronse intensas e amplas mobilizacións?



Di o profesor Salaburu que se confundiu Bolonia co cumprimento de normativas, recheo de formularios, cursos, actividades... que non están entre os principios de Bolonia", citando como exemplo que Bolonia "non di nin unha palabra sobre os prezos dos máster". E ten razón o profesor Salaburu. A declaración de Bolonia non di nada de todo iso. Como tampouco di nada acerca de que o alumno teña que ser "o centro da aprendizaxe", o que esixiría un cambio metodolóxico e a supresión das "clases maxistrais", cando de forma sistemática os seus defensores alegaron que Bolonia consistía principalmente nun cambio das metodoloxías docentes. Nin Bolonia di nada sobre o calendario escolar, e con todo todos os reitores, sen excepción, viñeron dicirnos e a tratar de convencernos de que Bolonia esixía suprimir a convocatoria de setembro e trasladala a xuño, como así se está facendo. Tampouco, en fin, Bolonia di nada sobre a subida de taxas, os créditos aos alumnos, a avaliación por medio de axencias externas, a rendición de contas (accountability), o pago por rendemento, os recortes orzamentarios, a precarización laboral dos seus traballadores (profesores e persoal de administración e servizos), o despedimento de profesores, o peche de titulacións, a precarización das humanidades, a comercialización da investigación, a patrimonialización das universidades polas empresas a través dos consellos sociais, a empresarialización da xestión a través das iniciativas sobre gobernanza, a promoción das universidades privadas, e con todo todo iso estase levando a cabo. En realidade, a declaración de Bolonia só establece o marco xeral para crear un mercado europeo de educación superior capaz de competir cos grandes provedores mundiais: EEUU, Reino Unido, Francia, Australia, Xapón e, cada vez máis, China e India. Por iso si fala a declaración de Bolonia de "incrementar a competitividade do sistema Europeo de educación superior", de "asegurarnos de que o sistema de educación superior Europeo adquira un grao de atracción mundial" ou de "promocionar o sistema Europeo de ensino superior en todo o mundo". É dicir, trátase de vender educación, de facer da educación un negocio. E todas as outras medidas das que Bolonia non fala pero que se están aplicando constitúen a concreción lóxica de tal propósito. Enténdese perfectamente.

Nenhum comentário: