12/07/2011

Antón Gómez-Reino (Tone): “Se Israel ataca, a nosa resistencia será só pacífica”

Antón Gómez-Reino, "Tone". O autor é membro do consello editorial de Altermundo. Entrevista tirada do site Altermundo e concedida orixinalmente para o Xornal de Galicia.

Ricardo Rodríguez-. Fala dende algún porto grego e faino ás présas. A presión que Israel está a exercer para evitar que a Frotiña da Liberdade II poida facerse ao mar rumbo a Gaza estalles a xerar traballo extra aos activistas que dende hai semanas preparan a expedición humanitaria. “Hai unha guerra moi forte para que non poidamos saír de porto”, asegura Antón Gómez, un dos cinco activistas galegos que participa na expedición. “Non é definitivo pero é moi posíbel que a saída [prevista para hoxe] se adíe horas e mesmo uns días”, engade. Non dá data concreta por razóns de seguridade. “E iso é o máis lóxico vendo as sabotaxes e as presións dos últimos días para que non soltemos amarras”, apostila.

En que eidos está a exercer Israel presión para que a Frotiña non parta?

Israel está a enviar a diferentes chancelerías unha serie de requisitos administrativos para poder atrasar a partida dos barcos e tamén está a exercer presións a empresas que están a traballar nos barcos para deixalos preparados para a súa partida. A última das estratexias israelís pasa por tentar pór contra ás cordas as aseguradoras para que non nos dean cobertura. Os argumentos que Israel dá para bloquear a Frotiña son inverosímiles. Seguen a vencellar os activistas co terrorismo islámico [a través dunha organización a IHH turca que este ano non participa] cando este ano a Frotiña ten un carácter moi internacional.

Israel contactou tamén as autoridades portuarias gregas para evitar a partida e mesmo houbo algunha sabotaxe…

Hai unha campaña dende o eido xurídico no que participan asociacións israelís até agora descoñecidas para presentar denuncias contra os diferentes barcos. Por exemplo, unha organización ecoloxista de Israel presentou unha denuncia contra un cargueiro da rotiña por contaminación que logrou paralizar un par de días todo o proceso administrativo de cara á partida. Pero finalmente o papelorio solucionouse. Outro dos barcos, o Juliano, sufriu unha sabotaxe. Os compañeiros xa puxeron ese buque en dique seco. Amosáronse os danos [no temón do barco] e explicaron que os sabotadores empregaron un equipo bastante específico e profesional para alterar a zona das hélices. Pero podemos anunciar que ese barco está a ser reparado e que nun par de días estará arranxado para facerse ao mar.

O Goberno hebreo recuou finalmente na súa ameaza de deportar os xornalistas que vaian a bordo. A súa presenza dará maior seguridade á Frotiña?

Para nós é fundamental que os medios estean a informar sobre a Frotiña. Israel secuestrou o ano pasado os xornalistas que ían a bordo. E este ano optou tamén por exercer a chantaxe da deportación. Iso suporía que durante dez anos non poderían volver entrar en Israel, é dicir, que aqueles que traballen en territorio hebreo terían que deixar de facelo. Sabemos que houbo presións dos sindicatos xornalísticos de diversos estados e Israel decidiu dar marcha atrás.

A ministra de Exteriores, Trinidad Jiménez, pediu aos activistas españois que non participasen da Frotiña…

É unha postura lamentábel que o Goberno español se poña do lado da violencia e da ocupación e non dos dereitos humanos e da solidariedade. Só Irlanda e Suecia –que traballa máis en silencio– mantiveron unhas posturas críticas con Israel e pediron a Tel Aviv que se permita a saída e a chegada a porto. Esa non é a posición hexemónica e está claro que o resto dos gobernos europeos ven a Israel coma un socio.

Ban Ki-moon tamén avogou por deixar os barcos en porto. É esta unha potura máis sorprendente?

Está claro que cada vez se evidencia máis a distancia entre os gobernos, as organizacións e a xente á que representan. Caeron no descrédito. Nacións Unidas non está cumprindo co seu deber, deslexitímase, e é a propia sociedade civil a que ten que organizarse e construír unhas novas relacións internacionais máis solidarias dende abaixo.

Hai algún tipo de preparación física e psicolóxica para facer fronte a unha posíbel abordaxe do Exército israelí?

Si, por suposto. Pero hai que deixar claro que as coalicións que integran a Frotiña chegaron a un acordo para exercer una resistencia non violenta. Alén diso, hai unha serie de xuntanzas nas que se analiza como afrontar psicoloxicamente a viaxe, o asalto e os posteriores procesos de detención e deportación. Trátase tamén de preparar a determinado tipo de persoas cun certo perfil para que eviten calquera tipo de confrontación violenta. Se os comandos deciden abordar, poñeremos en práctica unha resistencia pacífica que poida dificultar a súa entrada.

Que papel pode desenvolver Exipto, en plena transición, durante a navegación da Frotiña cara á Gaza?

Non vai ter un papel activo ou particular na esfera pública. Outra cousa é que os equilibrios teñan mudado na rexión. E que Israel, coma resultado dese cambio de xeoestratexia, teña que mudar certas formas. O Cairo, coma punto de partida, anunciou que non asumiría que a Frotiña entrase nas súas augas. O que está claro é que Israel se atopa nun momento de transformación xeopolítica, mesmo cunha Grecia que nos últimos anos pasou de ser o país máis crítico con Tel Aviv na rexión a ter relacións máis cordiais, até o punto de que os seus exércitos están a realizar nos últimos días manobras militares conxuntas. Turquía, pola súa banda, rachou as relacións diplomáticas despois do asalto ao Mavi Marmara, pero nos últimos meses está achegando posturas. As primaveras árabes están a abrir moitas interrogantes e non sabemos aínda como poden afectar á Frotiña.

A maioría da poboación israelí censurou o ano pasado o seu Goberno pola cruenta abordaxe do Mavi Marmara. É ese un factor disuasión para Netanyahu e o seu Executivo?

É moi complexo adiantarse ao que Israel pode facer. Dende aquí facemos diariamente un seguimento da prensa israelí tanto en inglés como en hebreo, pero o que nos chegan son mensaxes antagónicas e non sabemos moi ben cal pode ser a postura. Pero no caso de que ataquen, farano contra barcos con cidadáns de 25 países, a maior parte deles occidentais. Nese sentido, as alianzas políticas e económicas de Israel poderían resentirse.

En que se diferencia esta segunda Frotiña da primeira?

Creo que este ano vai ser máis plural e que vai ter unha capacidade de deslexitimar a Israel moito máis profunda. Aínda que o ano pasado non era certo, desta volta é moito máis difícil seguir o argumento de que centos de cidadáns occidentais son fundamentalistas. Non só hai xente de Europa, EE UU ou Canadá. Tamén hai activistas de Asia e África e cidadáns de Israel a bordo da Frotiña da Liberdade.

Nenhum comentário: