Que vai pasar despois do 20-N? Esa é a pregunta, porque o que vai suceder ese día xa o sabemos. Pódese, en todo caso, discutir se a maioría absoluta do PP vai ser normal, de 180 deputados arriba ou abaixo, ou se o arrase vai ser de tal calibre que deixe pequenos os famosos resultados de Felipe Gónzalez en 1982. Cabe que supere incluso o nivel que lle daría o control de todas as engrenaxes do Estado, desde o Constitucional até a Comisión do Mercado de Valores. Ese virtual monopolio do poder político anuncia camiños que talvez non chegamos a imaxinar.
Así que o máis probable é que Mariano, quen o ía a dicir!, alcance resultados fabulosos. Certo que iso non deixa de constituír un perigo para a dereita, pois xa se sabe que os deuses cegan a quen queren perder. E que a desmesura é o camiño máis recto á catástrofe. O PP pretenderá remocicar a planta do Estado -unha Causa Xeral contra as autonomías- e impor a súa lectura do que é España, a máis diso a cura de cabalo contra a crise, que os empresarios aplaudirán coas orellas desde o tendido. Desde a súa tumba, o conde duque de Oliveirais aplaudirá os decretos de (re)centralización e Milton Friedman sorrirá compracido.
O PSOE, pola súa banda, vai vivir unha hecatombe. Non será o seu último grolo amargo. As eleccións en Andalucía, primeiro, e en Euskadi, despois, constituirán estacións dun calvario que pode durar anos. Cun nivel de voto na contorna do 25% en moitas comunidades autónomas e xaxún de poder algún -nin unha faragulla que botarse ao talego-, non pode excluírse que siga camiñando con paso firme cara ao abismo. Os que no seu seo alimentan a hipótese dunha gran coalición co PP, a conta da crise, non faltan. Iso poríaos no despeñadeiro.
E é que á crise económica vaille a seguir unha crise social e, talvez, unha recomposición do sistema político. Esa crise vai trastornar -está a facelo xa- a conciencia de si mesma que tivo a sociedade española desde a transición. Xa non cabe a arrogancia ante incertezas e ameazas. A vitoria do PP rubricará unha baixada xeral dos salarios e un incremento das diferenzas sociais que, con todo, convivirán moito tempo cun paro elevado. Os impostos aumentarán e os servizos sociais degradaranse. Todos seremos máis pobres. Se España é intervida baixo o seu mandato -oxalá que non-, a barafunda vai ser monumental.
E en Galiza? Non se consola o que non quere, pero o previsible é que a marea tamén nos alague. Ademais, non é ningún segredo que o PSdeG está desnortado e desestructurado -como sempre- e á espera de Pepe Branco, montado no cabalo branco da AVE que ai! non se se lle di tanto á xente. No PSdeG de Pachi o balbordo demagóxico substitúe ás ideas. Pola súa banda o BNG continúa ao seu, impasible o ademán. Ante os envites que ameazan destruír o pouco que queda de conciencia nacional en Galicia a única receita é a formación de tartaruga romana. En Cataluña, CiU está a abrir xogo a ERC; en Canarias, os dous partidos nacionalistas van en coalición; e en Euskadi é previsíbel o retorno do PNV ao goberno. Aquí, inmobilismo.
A única hipotética boa noticia para a esquerda e o nacionalismo é que o PP pode ver erosionado moi rápido en todo o Reino de España, despois do seu triunfo estelar, non só o seu apoio, senón a súa credibilidade e até a súa lexitimidade. Se se produce o impensábel -o resgate-, o sistema político pode entrar en barrena. O desengano pode ser terríbel cando até o máis parvo da clase se decate de que os bos anos xa non volverán, e que todo o que se nos ofrece é dureza. En Galiza xa non hai moito que o PP poida dar e todas as mareas teñen o seu refluxo.
Con todo, iso non significa necesariamente boas noticias para PSdeG e BNG. O resentimento pode ser vehiculado a través de novas formacións, da extensión dese populismo que hoxe xa ensina a orella ou de protestas anómicas que inclúan violencia social cega. O panorama é tan negro que todo cabe. Sálvanos que Galicia é un país pequeno e hai cousas que necesitan unha masa crítica. Desde logo, ninguén espera, á luz da experiencia, que ambos os partidos sentan interpelados, fagan algunha cousa enxeñosa ou mostren algún tipo de altura de miras.
Pero polo si ou polo non, fálase no PP de que Feijóo debería adiantar as eleccións do 2013. Trátase de evitar o desgaste. E cun goberno do nivel do seu non é probábel que se atopen receitas máxicas: todo en Galiza adoece de certa mezquindad. Ademais, Feijóo xa non é tan importante no PP. Os Feijóos creceron como cogomelos. Un anda sete metros por España e atopa un. Así que o seu valor de mercado está en baixa. Lamentabelmente para el terá que volver ser presidente de Galiza, esta aldea, tan lonxe dos ornatos da capital, da que preferiría prescindir..
Nenhum comentário:
Postar um comentário