04/06/2012

Reino de España: a situación é desesperada, mais non é seria

Antoni Domènech e G. BusterArtigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta IrmandiñaAntoni Domènech é o editor de SinPermiso. Gustavo Búster é membro do Comité de Redación de SinPermiso.



"No medio do pulso a tres bandas que ten lugar en Europa esta primavera-verán, en especial se se acaba formándose en Grecia un gabinete de esquerda, as urxencias do goberno Rajoy -provocadas en boa medida polos efectos negativos acumulados dunhas contrarreformas estruturais fundadas, como as de Zapatero, nun mal diagnóstico dos males españois e europeos- desconcertan e irritan aos seus reticentes salvadores comunitarios. Pois Rajoy pretende, por unha banda, anticipar pola vía dos feitos consumados unha negociación que a Troika ten destinada a Tsipras, en caso de vitoria electoral da esquerda grega; pretende, do outro, adiantar en solitario un programa que a Comisión vai negociando paso a paso con Merkel, baixo presión de Hollande; e pretende facer todo iso, encima, alegando "solvencia" para manter un goberno deteriorado na opinión pública (e publicada) española e do que non se fían xa nin os "mercados" nin as institucións europeas."

De príncipe que en el suelo / va por tan justo nivel / ¿qué se puede esperar dél / que no sean obras del cielo?.— Cervantes

O goberno que ía fundamentar a súa xestión en "dar confianza aos mercados" entra no seu sexto mes desbrozado, nun asombroso estado de descrédito xeneralizado. As súas "reformas", como a do mercado laboral -que xerou 400.000 parados máis., ou as dúas do sector financeiro -que provocaron o esborralle de Bankia e un buraco de provisións para esta soa entidade de 23.000 millóns de euros (o 2% do PIB)-, lonxe de dar resultados, levaron ao Ibex 35 ao seu punto histórico máis baixo -perdeu o 60% do seu valor desde 2007-. O diferencial de risco non baixa desde o 14 de maio dos 500 puntos -alcanzando o máximo histórico de 545 a pasada semana-. A taxa de xuro dos bonos de débeda pública a dez anos toca o 6,7%. E os mercados de seguros de falta de pagamentos crediticia (CDS) cobren eses bonos a un alarmante prezo, que pasou folgadamente os 600 puntos (600 mil euros por cada 10 millóns de investimento).

A situación é, pois, desesperada. Porén non é seria.

Nunha semana, a contabilidade de Bankia pasou de rexistrar uns beneficios de 310 millóns a admitir unhas perdas de máis de 3.100 millóns en 2011.

Os portavoces do goberno filtran o seu plano de salvamento de Bankia, asegurando, sen consulta previa, que o BCE aceptará bonos de débeda soberana española como colateral da recapitalización pública por 23.000 millóns de euros do banco.

O novo presidente de Bankia afirma que a el non lle toca devolver a achega pública, senón "valorizarla" para permitir a privatización posterior da entidade.

O presidente do Banco de España -entidade que ten blindada a súa independencia por lei- dimite para forzar a súa comparecencia no Congreso, e a continuación, declara no Senado que non dá a súa opinión sobre o sistema financeiro que debe regular, porque así llo pide o goberno, un goberno que o desautorizou previamente como regulador veraz do sistema financeiro.

Acurralado polos deputados de Esquerda Plural, o ministro de Guindos di que con Bankia e outras entidades financeiras menores o que se vai a crear, "de momento", é unha enorme banca pública que representará preto dunha cuarta parte do sector financeiro español, aínda que admite, como "paradoxal", que iso o teña que facer un liberal" como el.

O ministro de asuntos exteriores viaxa a Londres para tratar da recente crise de Xibraltar, provocada polo desmantelamento do foro tripartito, e declara á súa volta que deben negociar pescadores e autoridades do Peñón.

O presidente do tribunal supremo cre normais as súas viaxes cada dous meses a Porto Banús en fin de semana a cargo do orzamento.

Unha deputada do PP, Carolina España, tan serieciña e en sede parlamentaria, acusa vehementemente á oposición de "querer politizar o Parlamento".

A ministra Ana Mato "explica" de maneira inenarrábel os recortes desmanteladores da sanidade pública con despropósitos que alimentaron durante semanas a broma nacional. Por exemplo -mero exemplo-: "Ahí estarían pues las prestaciones farmacéuticas, las terope.. tripe… teroperapéuticas, ehh… me he equivocado en la en el nombre y poner en valor lo que tiene mucho en valor, porque no hay cosa que tenga más valor que una medicina que cura enfermedades." [Para escoitar o audio enteiro (e partirse da risa):http://www.cadenaser.com/espana/audios/explicaciones-ana-matogueira/csrcsrpor/20120418csrcsrnac_11/Aes/.]

Non é de estrañar que neste contexto Gila resucitase e pretenda "que se poñan ao teléfono os mercados".

Aquí quen goberna?

Menos mal que Rajoy sabía o que tiña que facer para saír da crise. En cinco meses, o seu goberno aprobou 20 decretos-lei (8 Aznar, 5 Zapatero) e só 3 proxectos de lei no Congreso. O rodete da maioría absoluta, pretendido garante da estabilidade política durante catro anos, só conseguiu acordos con CiU na reforma laboral (e críticas de Durán i Lleida). Bloqueou o funcionamento das comisións parlamentarias e vetou a constitución dunha comisión de investigación sobre Bankia.

Porén non hai estabilidade política sen certo grao de hexemonía social, e as respostas neoliberais á crise están erosionando visibelmente os apoios electorais dos partidos que apoian o Pacto Fiscal do chamado "Consenso de Bruxelas". Segundo Metroscopia, o 68% está en contra do saneamento público da banca privada e un 53% defende a creación dunha banca pública. O 96% pensa que a situación económica é mala ou moi mala. O 62% cre inevitábel un rescate europeo. Na desesperación total, o 89% clama por acordos dos grandes partidos para afrontar a crise.

Nada diso parece conmover ao goberno, renuente a explicar o que fai. Nunhas declaracións (á emisora Onda Cero) que resultarían escandalosa, se o do pan o noso de cada día non fose xa a sucesión de escándalos, Rajoy deixou sentado que da necesidade non fai sequera virtude, senón antidemocrático capricho discrecional:

"...farei calquera cousa que sexa necesaria, aínda que non goste dela e aínda que dixese que non o ía facer".

Pero cando condescende a explicar que é o que considera "necesario" nun momento dado, as dúbidas multiplícanse. Así na rolda de prensa do pasado luns 28, na que Rajoy conseguiu convencer... da súa incoherencia, afundindo o Ibex 35 e disparando a prima de risco.

Semellantes mostras de errática incompetencia nun Reino inveteradamente feito á chapuza conseguiu xa sacar das súas casas a quen na dereita cren ter as solucións, pero non o aparello de poder para polas por obra. Iniciou a campaña o coñecido analista de dereitas José Antonio Zarzalejos desde o diario conservador barcelonés La Vanguardia, e estes días secúndano, coa debida pompa proporcionada polo diario social-liberal madrileño El País, tres superferolíticos e "ortodoxos" catedráticos de economía que exercen no estranxeiro: "un novo goberno técnico, co apoio de todos os partidos maioritarios e dos nosos expresidentes, composto por políticos competentes e técnicos intachábeis con amplos coñecementos da súa carteira". [El País, 31 maio 2012]

Rescate económico = amortización política

A recua de contrarreformas estruturais de cada consello de ministros -os sinais de fume enviadas ao "mercado" as "sextas-feiras de dor"- non puido ter efectos máis contraindicados. Ao final, segundo declararon ao alimón Rajoy e o ministro de economía De Guindos, "España fixo xa todo o que podía facer, e agora tócalle a Europa".

E aí acábase o horizonte do goberno Rajoy: en pedir que o BCE volva comprar débeda soberana española nos mercados secundarios, que se cre un mecanismo de garantía de depósitos europeo, e que se volva a inxectar liquidez sen limites á banca española. Esta foi o seu consigna monolemática no Cimeira da OTAN de Chicago e no Consello Europeo extraordinario de 23 de maio.

A inicial calada por resposta con que se atopou trocou en manifesta irritación pública. Os cachetes  víñaos levando a "marca España"; agora é directamente o goberno do Reino o amoestado polo presidente do BCE, Mario Draghi, e o comisario de economía Ollin Rhen: non poden crer que Rajoy e o seu goberno interfiran como elefante en cacharrería no duplo pulso que eles están agora mesmo mantendo, contra o intelixente desafío lanzado por esquerda grega -de face ás eleccións do 17 de xuño-, e contra a Alemaña de Merkel e Schäuble -para o redeseño das institucións comunitarias-.

Porén un Rajoy convencido -vaia vostede a saber porqué, vistos os resultados- de que as súas reformas lle dan "solvencia", quere "liquidez" custe o que custe para chegar a ver os seus supostos efectos. Un analista dos que nunca faltan, o francés Alain Minc, di que Rajoy "peca de orgullo", porque non esta disposto a pedir o rescate europeo do sistema financeiro español, como lle suxeriu benintencionadamente Hollande.

O certo é que, como demostraron as reformas financeiras improvisadas ao chou polo goberno, a cousa é un pouco máis complicada. Tecnicamente, porque até xullo non entra en funcionamento o Mecanismo Europeo de Estabilidade. Politicamente, porque o rescate trae consigo a amortización do goberno.

É posíbel un "goberno técnico?

No medio do pulso a tres bandas que ten lugar en Europa esta primavera-verán, en especial se se acaba formando en Grecia un gabinete de esquerda, as urxencias do goberno Rajoy -provocadas en boa medida polos efectos negativos acumulados dunhas contrarreformas estruturais fundadas, como as de Zapatero, nun mal diagnóstico dos males españois e europeos- desconcertan e irritan aos seus reticentes salvadores comunitarios. Pois Rajoy pretende, por unha banda, anticipar pola vía dos feitos consumados unha negociación que a Troika ten destinada a Tsipras, en caso de vitoria electoral da esquerda grega; pretende, do outro, adiantar en solitario un programa que a Comisión vai negociando paso a paso con Merkel, baixo presión de Hollande; e pretende facer todo iso, encima, alegando "solvencia" para manter un goberno deteriorado na opinión pública (e publicada) española e do que non se fían xa nin os "mercados" nin as institucións europeas.

A división da dereita española é bo reflexo do desconcerto. O tres catedráticos antes mencionados sospeitan un xesuítico plano para volver á peseta e á España de hai 50 anos. Outros, unha recentralización antiautonómica -con apoio de nacionalistas cataláns e vascos-, que non só acabe co modelo constitucional do "café para todos", senón que de paso reforce á monarquía cunha substitución de titular para evitar novas "crises do elefante" como a de hai mes e medio, pendente aínda o "caso Urdangarín". Uns e outros, folga dicilo, piden "unidade" bipartidista, grave seriedade ante a seria gravidade da situación.

Non hai dato empírico, nin teoría económica cientificamente decente, nin economista que se autorrespete, nin sequera (xa) columnista económico que queira conservar a reputación profesional, que avale a demasía, segundo a cal é cousa medianamente boa unha política procíclica de austeridade en plena recesión. Non hai dato, nin teoría económica cientificamente decente, nin economista que se autorrespete, nin sequera (xa) columnista económico que queira conservar a reputación profesional que avale a demasía, segundo a cal ten saída non catastrófica a crise dunha zona monetaria única sen dar pasos rápidos cara a unha autoridade fiscal única, a mutualización da débeda pública e unha política fiscal globalmente expansiva. Até Martin Wolf preguntábase esta semana pasada (no Financial Times!), se Merkel e os seus conselleiros sabían discernir ben os "intereses nacionais de Alemaña", concluíndo que da incerta resposta a esa peliaguda cuestión "depende o destino de Europa". Porén a dereita e o centro tecnocráticos españois, coma se nada; tan empeñados no cabildeo "unitario" bipartidista.

Os feitos din: que o xiro político-económico de Zapatero en maio de 2010 foi unha catástrofe, segundo prognosticamos en SinPermiso no seu día (véxase AQUÍ e AQUI); que as políticas de Rajoy son a súa continuación e profundización (e dos seus efectos catastróficos, segundo prognosticamos tamén en SinPermiso no seu día: véxase AQUÍ). E o sentido político común máis elemental -e as enquisas de opinión- din: que o PSOE carece de todo crédito moral para criticar as políticas actuais mentres non se avilante a presentalas (auto)críticamente como continuadoras do malhadado "experimento" antidemocrático que arrincou en maio de 2010..

O mesmo venres que se coñecía a solicitude do novo presidente de Bankia -un alto burócrata da banca privada (xubilación de ouro, incluída)- de 23.000 millóns do erario público, reuníanse Rajoy e Rubalcaba e declaraban, por separado, "estar de acordo no substancial".

En que consista "o substancial", non consta en parte algunha. Porén se saltan á vista as razóns de Rajoy para fecharse en banda ante posíbeis "gobernos técnicos" que o amortizarían politicamente -a súa prepotente práctica parlamentar revélao-, as de Rubalcaba baséanse na miope xestionciña oportunista das contradicións e os escollos cotiáns que presenta a situación. E que consiste, "no substancial", en ofrecer o pacto coas súas condicións, e ao mesmo tempo, tentar rendibilizar as crecentes mobilizacións sociais contra unhas políticas de axuste das que Zapatero e el mesmo foron indiscutíbeis precursores ("salvando a España da intervención"-como aseguran os portavoces e os tartufos mediáticos do PSOE).

Sexa iso como for: un "goberno técnico" -xa integrándoo, xa sosténdoo parlamentariamente, como en Grecia e Italia- trae inexorabelmente consigo unha serie de condicións do rescate que profundarían o axuste neoliberal e erosionarían máis rapidamente a base social dunha reconstruída alternativa de goberno do PSOE: o ben merecido destino do PASOK estaría ao virar a esquina.

Rato e o exemplo de Bankia

Achegámonos perigosamente a unha situación na que as clases reitoras non poden seguir gobernando cómoda e acomodaticiamente como facían até agora, no medio de tensións europeas crecentes que decidirán nos próximos meses ou semanas o futuro do euro e da UE.

O máis revelador respecto diso foi talvez a intervención de Rodrigo Rato ante o consello de administración de Caixa Madrid, que aínda preside tras abandonar Bankia. Nun discurso de 15 minutos, observou puntillosamente que a diferenza entre 300 millóns de beneficio e 3.000 de perdidas en 2011 é culpa exclusiva da reforma do sistema financeiro aprobada polo goberno o 11 de maio. Que as provisións de créditos fiscais (3.000 millóns) non teñen urxencia algunha, porque o prazo legal de compensación é de 18 anos. Que a provisión de carteira participada (4.000 millóns) adianta a contabilización de futuras perdas a valor do mercado actual, a pesar de non estar á venda. E que a provisión de carteiras crediticias e inmobiliarias (15.000 millóns de euros) vén esixida polas provisións adicionais da nova reforma (7.000) e para preveer agora posibles perdidas futuras de falta de pagamentos de morosos e de desvalorización de activos inmobiliarios cando se vendan (8.000). Conclusión do propio Rato: "un magnifico plano de capitalización para Bankia e o seu novo equipo xestor", con vistas á súa futura reprivatización e "un grave prexuízo aos actuais accionistas da entidade".

A "solvencia" da reforma financeira do goberno Rajoy en Europa depende do exemplo de Bankia, que en menos dun ano obtivo créditos a 1% do BCE por un monto de 40.000 millóns de euros. O que basta para explicar porqué sobran comisións de investigación parlamentares, a inacción do fiscal do estado ou o silencio imposto ao "independente" presidente do Banco de España, tras a pública demolición con escarnio da credibilidade da institución reguladora. O que é un segredo a voces -o armazón corrupto do modelo especulativo de ladrillo, tuneladoras, Teatro Real en Madrid, Cidade das Artes e as Ciencias en Valencia e débeda pública e privada- non pode, non debe, ser escoitado en Berlín, Fracfort ou Bruxelas.

A imposición da "solvencia" ao conxunto do sistema financeiro -cuxo obxectivo é unha concentración de capital sen precedentes coa privatización das Caixas de Aforros polos grandes bancos privados- esta provocando unha enorme crise de liquidez. Os supostos futuros beneficiarios poden acabar sendo victimas do propio afán gobernamental. Mentres tanto, a falta de liquidez esténdese a toda a economía e explica en boa parte a repatriación de beneficios masiva das multinacionais españolas en América Latina para paliar a depreciación da súa cotización en bolsa.

O futuro xógase a curto

Chegados a este punto só queda constatar o que é evidente: a ineficacia prexudicial das políticas de axuste fiscal; a incompetencia clamorosa do goberno Rajoy que as aplica, o pasmo institucional ante as súas propias contradicións da UE e da Troika.

De Guindos, nunha positiva novo "sinal aos mercados", anuncia que o futuro do euro se xoga nas próximas dúas ou tres semanas, en España e en Italia. Sen dúbida estas declaracións contribuirán o seu a acelerar o fluxo de capitais que, segundo o Financial Times, nunha cantidade de 100.000 millóns de euros abandonaron o Reino de España no primeiro trimestre do ano. Porén non lle falta razón. O noso futuro xógase no pulso político que terá lugar se un goberno de esquerda en Grecia planta cara ás políticas de axuste do Pacto Fiscal, fórmanse as alianzas sociais e institucionais necesarias en Europa e corríxese progresivamente o rumbo deste dislate de estratexia económica que pasa por "ortodoxa" a forza de incoherente e ignorante.

Prepararse para influír nesa situación, en caso de producirse, esixe unha estratexia da esquerda, tanto a nivel europeo como de cada estado-membro, capaz de construír unha alternativa real, apoiándose na mobilización social e na presenza nas institucións democráticas á altura do reto histórico aberto pola crise. Unha estratexia seria, que permita superar esta situación desesperada, pero non seria.

Nenhum comentário: