18/04/2011

Islandia despois do "non"

Michael Hudson. Artigo tirado de aquí e traducido para o galego desde o castelan.

A alianza de Liberais e Verdes levou a Irlanda ao suicidio económico; a alianza de Verdes e Socialdemócratas podería esganar a Islandia por parecido derrotadeiro, mais o pobo  islandés frenou de momento a deriva para o suicidio financeiro votando masivamente Non ao irresponsábel acordo a que o seu goberno (e o seu parlamento) chegaran cos negociadores financeiros europeos. Segunda incursión do analista financeiro Michael Hudson no que andaba en xogo no referéndum islandés do pasado 9 de abril, forzado, contra goberno e parlamento, polo presidente da República de Islandia, Olafur Ragnar Grimsson. (Para ver a primeira, pulse AQUÍ).
 
http://www.interfaces.com.ar/castel/tarjetas10/images/imagen15.jpg
 
Preto de 75% dos votantes islandeses acudiron o pasado sábado, 9 de abril, ás urnas para rexeitar a proposta do goberno Socialdemócrata/Verde de pagar 5.200 millóns de dólares ás aseguradoras bancarias británicas e holandesas polo colapso de Landsbanki-Icesave. Todos e cada un do seis distritos electorais de Islandia votaron Non nunha proporción nacional de 60% (en xaneiro de 2010, dixo outro Non o 93%).

O voto reflectiu a estendida crenza de que os negociadores do goberno non foran o bastante enérxicos na defensa da causa xurídica islandesa. A situación non pode menos de traer á memoria o envurullo da débeda de guerra entre os aliados tras a I Guerra Mundial. Lloyd George [o primeiro ministro británico] describiu entón as conversacións sobre as débedas británicas de armamento entre o Secretario do Tesouro norteamericano Andrew Mellon e o británico Stanley Baldwin como "unha negociación entre unha garduña e a súa presa. O resultado foi un acordo que arruinou a reputación do cobro das débedas internacionais (...) Non é que os funcionarios do tesouro norteamericano fosen de farol, mais, como é de razón, comezaron as conversacións expondo esixencias máximas: para a súa sorpresa, o Dr. Baldwin dixo que, na súa opinión, as súas esixencias eran xustas, e aceptounas (...) Ese cru desempeño, xocosamente chamado 'convenio', houbo de ter efectos desastrosos sobre o curso enteiro das negociacións...".

E así ocorreu tamén coa negociación de Islandia con Gran Bretaña. É verdade: conseguiron dilatar no tempo o horizonte a devolución da débeda islandesa. Porén, de onde ía sacar Islandia líbras esterlinas e os euros, dada a contracción da súa economía? Ese é o maior risco nos pagos, e segue sen afrontarse. Amaga con esborrallar a taxa de cambio da coroa islandesa.

Ademais, o acordo ao que se chegou implicaba aceptar os cargos de intereses do resgate desde 2008, incluídos os extremadamente elevados cargos de xuros que serviron de cebo para que os depositantes privados británicos e holandeses puxesen o seu diñeiro nas contas de Icesave. Os islandeses ven eses xuros extraordinarios como compensación polos riscos: riscos que foron aceptados polos depositantes, razón pola cal eses depositantes por Internet terían agora que asumir as consecuencias.

Así pois, o problema de Icesave terminará agora nos tribunais. A directriz pertinente da Unión Europea reza así: "o custo de financiamento deste tipo de esquemas teñen que soportalo, en principio, as propias entidades de crédito". Como reclamantes prioritarios, Gran Bretaña e Holanda levarán, en efecto, a parte do león do cadáver de Landsbanki. Pero non era iso o que se sometía ao sufraxio dos votantes islandesas. O único que eles querían era salvar a Islandia dunha obrigación indefinida de cargar coas perdas dun banco privado pola vía de incorporalas ás contas públicas sen un plan que debuxase claramente o modo en que Islandia podía obter o diñeiro para pagalas.

A primeira ministra, Johanna Sigurdardottir, alerta de que o resultado do referendo pode traer consigo "o caos político e económico". Pero tratar de pagar trae consigo o mesmo. O pasado ano foi testemuña da desastrosa experiencia grega e irlandesa; agora vemos como Portugal se dispón tamén a incorporar ás súas contas públicas as débedas temerariamente contraídas polo seu sector bancario privado. Dificilmente pode esperar dunha nación soberana que impoña á súa economía unha década ou máis de profunda depresión, sendo así que o Dereito Internacional autoriza a todas as nacións a actuar conforme aos seus propios intereses vitais.

As tentativas dos acredores por persuadir ás nacións de que se afanen mansamente a resgatar os bancos á conta do erario público non é, a final de contas, senón un manipulatorio exercicio de relacións públicas. Os islandeses puideron ver o éxito da Arxentina logo de reestruturar a súa débeda e recortar radicalmente as pretensións dos seus acredores. Tamén puideron asistir ao colapso político de Irlanda e de Grecia, resultante do seu empeño en pagar sen atender aos medios necesarios para facelo.

O menos que pode dicirse é que os acredores non ponderaron moito as cousas cando convenceron ao goberno Verde-Liberal de Irlanda de que podía asumir publicamente as quebras dos seus bancos privados sen afundir na depresión á súa economía. Aí está agora a experiencia de Irlanda, plantada como un sinal de alarma para outros países: non se pode confiar nos prognósticos manifestamente optimistas dos banqueiros centrais. No caso de Islandia, os expertos do FMI fixeron en novembro de 2008 proxeccións, segundo as cales a débeda exterior bruta sería do 160% do PIB a fins de 2009. Para dicilo todo, engadiron que unha ulterior depreciación da taxa de cambio do 30% podería chegar a causar un aumento importante daquela proporción da débeda. E iso é o que ocorreu. En novembro de 2008, o FMI avisou de que a débeda externa que proxectara para fins de 2009 podería chegar a alcanzar o 249% do PIB, un nivel que consideraba "claramente insustentábel". Pero o actual nivel da débeda foi estimado xa no 260% do PIB islandés, e iso aínda sen incluír, entre outras, a débeda privada de Icesave que o goberno Socialdemócrata-Verde quería asumir publicamente!

O problema capital das obrigacións de Islandia con Gran Bretaña e Holanda é que a débeda exterior -contraída en moeda estranxeira- non se paga a partir do PIB. Á parte do que se recupere de Landsbanki (agora, con axuda da Oficina Británica para a Fraude Grave), o diñeiro debe pagarse con exportacións. Pero non houbo negociacións con Gran Bretaña e Holanda sobre que bens e servizos islandeses aceptarían eses países como pago. Xa nos anos 20 do século pasado, John Maynard Keynes deixou escrito que a nación acredora aliada tiña que responsabilizarse dun modo ou outro das posibilidades de que Alemaña puidese pagar as súas reparacións de guerra, se non era mediante a exportación á nación acredora. Na práctica, o que fixeron as cidades alemás foi tomar préstamos en Nova York e pasar os dólares así depositados no Reichbank [o banco central da República alemá] para que pagase a Gran Bretaña e a Franza, as cales, á súa vez, usaban ese diñeiro para transferilo ao goberno estadounidense en concepto de satisfacción da débeda interaliada contraída na compra de armamentos. Noutras palabras: Alemaña "tomou prestada a súa vía de saída da débeda". Co tempo, iso nunca funciona.

A práctica normal para Islandia sería nomear un grupo de expertos que sentase as bases máis firmes posíbeis para defenderse. De ningunha nación soberana pode esperarse que non se achante a impor a toda unha xeración a austeridade financeira, a contracción económica e a emigración forzosa dos seus traballadores só para poder subvir os custos do fracasado experimento ultraliberal que rematou por arruinar a tantas economías europeas.

Nenhum comentário: