08/05/2012

Garantir o dereito á existencia de toda a poboación

Daniel RaventósDaniel Raventós é profesor da Facultade de Economía e Empresa da Universidade de Barcelona, membro do Comité de Redacción de sinpermiso (de onde tiramos o artigo, aquí) e presidente da Rede Renda Básica. É membro do comité científico de ATTAC. O seu último libro, coeditado con David Casassas, é La renta básica en la era de las grandes desigualdades (Montesinos, 2011). Tradución de Revolta Irmandiña.

The Key de Pollok.

Superáronse na última EPA os 5'6 millóns de persoas oficialmente en paro. Cando alguén se atrevía a conxeturar fai tan só dous ou tres anos que se chegaría aos 5 millóns, era inmediatamente cualificado de alarmista ou de calquera outra cousa moi pouco amábel. Actualmente sabemos que o paro seguirá crecendo polo menos ao longo dos dous próximos anos, no mellor dos escenarios. A poboación laboral máis nova aínda, se cabe, ten unhas perspectivas peores. Se xa agora supérase a porcentaxe do 50% do paro entre a poboación laboral menor de 25 anos, tal como está a actuar o goberno do Reino de España, pasarase esta marca ben pronto. As consecuencias sociais, económicas e psicolóxicas que isto comportará (que xa está a comportar) entre a poboación, son dunha magnitude vituperábel.

Chegados aquí, aínda hai quen poida pensar que esta situación é inevitábel porque inevitábeis son tamén as condicións económicas que a motivan. Teño a impresión de que, afortunadamente, esta visión tan timorata está cada vez menos estendida. Son cada vez máis as mostras de descontento, activo nalgúns casos, pasivo de momento en grande parte da poboación, ante unha contorna que parecese pura ficción fai tan só 3 ó 4 anos.

A crise económica que estalou no 2008 e as posteriores e aceleradas consecuencias da mesma, non son froito de ningunha fatalidade natural, nin produto de azar algún. A explicación debe buscarse na política económica seguida antes da crise e despois de manifestarse a mesma. A política económica, tal como indica a orde das palabras, é primeiro política e despois económica. Non hai nada máis falso que as cantilenas máis repetidas por case todos os gobernantes europeos e, entre eles, polo actual goberno do Reino de España: "son as medidas que o país necesita", "son necesarios estes sacrificios para saír adiante", "a situación económica impón estas desagradábeis medidas", etc. Nin unha medida de política económica minimamente importante é neutral nun sentido preciso: que prexudica ou beneficia a toda a poboación. Toda medida de política económica prexudica a uns sectores sociais e beneficia a outros. Exemplos, meros exemplos: baixar os impostos aos máis ricos, conxelar ou baixar as pensións, facilitar e abaratar os despedimentos laborais, baixar o soldo dos traballadores do sector público, destinar menos recursos á educación pública, introducir o copago sanitario... É difícil descubrir quen gaña e quen perde en cada un destes casos? Cousa ben distinta é a (suposta) xustificación que se dá en cada caso por parte dos responsábeis gobernamentais. Primeiro decídese a que sectores sociais vai favorecerse e despois instruméntanse os medios económicos que farán posíbel o primeiro. Pode dicirse de distintas maneiras, mais o grande economista estadounidense J. K. Galbraith expresouno con moi poucas e precisas palabras: "a economía non existe á marxe da política". E as medidas de política económica que se están executando no Reino de España desde maio de 2010, co goberno do PSOE entón e co do PP despois, non son outras que as que a patronal española e a dereita ao seu servizo de forma máis ou menos abertamente declarada viñan demandando desde hai moitos anos. Poden resumirse en moi poucas palabras: acabar cos dereitos conquistados por parte das clases traballadoras ao longo do século XX. Estamos ante unha situación social en que unha ultraminoría e os políticos ao seu servizo están a acabar coa democracia. Expresouno o xuíz estadounidense da Corte Suprema L.D. Brandeis expresis verbis : "Podemos ter democracia ou podemos ter a riqueza concentrada en poucas mans, mais non podemos ter ambas". Efectivamente: non podemos ter ambas.

Por iso non resulta estraño que haxa cada vez máis interese entre algúns movementos sociais e unha parte da cidadanía pola proposta da renda básica (RB), é dicir, un pago monetario incondicional a todo cidadán ou residente acreditado. Coa RB de cidadanía está a ocorrer algo que, como comentei noutras ocasións, poderíase titular así: "dos movementos aos parlamentos e viaxe de volta". O que empezou sendo exposto fóra dos parlamentos, pareceu ter posteriormente o interese dalgúns parlamentarios. Agora, en plena crise económica, e aínda que haxa deputados que aínda ven na RB unha boa proposta social a ter en conta, son algúns movementos sociais, significativamente o 15-M, e formacións políticas non do todo convencionais, por exemplo Bildu, os que están a lle prestar maior atención. Unha parte da poboación comeza a defender que a primeira lei social, con ou sen crise económica, con ou sen déficit, debe ser o dereito á existencia material.


Nenhum comentário: