Artigo tirado de aquí e traducido por nós para o galego-portugués. O artigo recolle a oponión de participantes nunha mesa redonda onde a dirección é a do novo xerencialismo ou New Public Management. Trátase do marco en que se insire o Plano Boloña, ou por outras palabras a exixencia dunha "nova" universidade empresarial, mercantilizada e onde se comercializa o coñecimento, acorde coa "Nova Orde Mundial" que propugna a utopia reaccionaria ultraliberal.
A aula Magna da Facultade de Física e Matemáticas da Universidade de La Laguna acolleu onte luns unha mesa redonda sobre gobernanza universitaria, organizada polos consellos sociais das dúas universidades públicas canarias. Nela participaron Antonio Castellá, secretario xeral de Universidades da Generalitat de Cataluña; Francesc Solé, vicepresidente da Fundación Coñecemento e Desenvolvemento; e Julio Revilla, vicepresidente primeiro da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Públicas de España. O debate estivo moderado por Juan José Martínez, director xeral de Universidades do Goberno de Canarias. O tres expertos consideraron que o modelo de dirección da universidade española debe cambiar substancialmente cara a unha xestión máis profesionalizada, pero para iso fai falta un salto cualitativo en financiamento.
O primeiro en intervir foi Julio Revilla, quen sinalou que as universidades están obrigadas a acometer cambios estrutruais na gobernanza universitaria, un tema tabú que até hai pouco parecía que atentaba contra a autonomía universitaria. "Hai unha esixencia social de que se ha de mellorar a eficacia e a rendición de contas das universidades, que teñen debilidades clarísimas no seu goberno".
As universidades, para ser motor de transformación social, deben cambiar, sinalou o relator. "O modelo actual é inadecuado polo propio sistema electoral dos órganos unipersoais, que xeran relacións clientelistas co electorado". Por outra banda, Revilla apuntou que os órganos colexiados xeran dilación na toma de decisións, e ademais contan con capacidades limitadas. "Hai veces que non hai conexión con centros e departamentos, e moitas veces tampouco coa entidade autonómica que nos financia", apostilou.
No diagnóstico elaborado por Revilla destacou así mesmo que os plans estratéxicos das universidades non están moitas veces en consonancia cos cambios que se lle solicitan á propia universidade. "Apróbanse e logo esquecémonos deles", sinalou. Encomiou o modelo canario de control interno, xa que son os consellos sociais os que teñen a potestade de nomear e controlar a intervención. "Que a capacidade auditora recaia nestes órganos é moi positivo, aínda que é verdade que á súa vez os consellos sociais tamén deben contar con estruturas adecuadas e xente proactiva entre os seus membros".
Revilla criticou o feito de que en ocasións os procesos electorais provocan o cambio nos modelos de xestión, e apuntou que é necesario reformas estruturais para dar maior operatividade á toma de decisións e plans estratéxicos que non dependan dos equipos de goberno, senón que continúen no tempo.
O experto fixo fincapé nos cambios que operaron en universidades europeas, onde xa se potenciou a rendición de contas, cunha maior flexibilización da xestión e mecanismos estandarizados de transparencia. "Hai que fortalecer os órganos de dirección, coa profesionalización da xestión e a introdución de persoal externo", á vez que é oportuno reducir órganos de goberno e separar a dirección académica da xestión, alegou.
Pola súa banda, Antoni Castellá, secretario xeral de Universidades da Generalitat de Cataluña, comentou que na súa comunidade está a debaterse o modelo de dirección das universidades, no sentido de clarificar responsabilidades entre consellos sociais e consellos de goberno. Na súa opinión, o ideal sería ter un único órgano onde estean representados o ámbito académico, civil e parlamentario, con competencias moi claras en financiamento, elección do reitor, normativa, etc. A mesma comisión de estudo está a analizar a elección do reitor, que recalcou que non é o máis esencial, pero que, en calquera caso, sempre debe ser un académico. Tamén parece oportuno dotar de autoridade aos equipos de goberno e avaliar o desempeño, engadiu.
Castellá agregou que a vía contractual é moi importante, no sentido de contratar excelencia e contar así cos mellores docentes, o que debe ir acompañado de programas de mobilidade. O secretario xeral de Universidades tamén destacou a importancia de compartir recursos e así aforrar gasto e como exemplo puxo o caso do consorcio de bibliotecas universitarias catalás para facer compra común de volumes.
Outra idea é a compartición de persoal de administración e servizos entre varias universidades. Abundou así mesmo no modelo de financiamento, co incremento ao máximo posíbel os prezos dos graos como dos másteres, o que se compaxinaría cunha forte política de bolsas. Isto suporía máis equidade na política de prezos, a xuízo de Castellá.
O responsable da Generalitat de Cataluña adiantou que están a reformular a oferta académica, xa que a súa comunidade conta cuns 500 másteres e igual cantidade de graos. Para el, isto non ten sentido, xa que hai moitas titulacións que se repiten. "Hai que mellorar a oferta interuniversitaria e compartir recursos. É ademais pertinente seleccionar uns poucos títulos e ofrecer unha excelencia internacional".
En opinión do responsábel político, a función investigadora é a que mellor se adaptou á contorna social, e engadiu que, con todo, están a traballar nun catálogo de infraestruturas científicas, para tomar decisións sobre sinerxías entre universidades e tamén para pór esta infraestrutura ao servizo do ámbito económico.
O último en intervir na mesa redonda foi Antonio Castellá, quen pediu que se acepte que nas universidades hai un problema de gobernanza, aínda que non hai un único modelo para resolvelo, admitiu. O experto sinalou con todo que a universidade se move adecuadamente, con grupos de investigación moi potentes e onde se ofrece calidade no ensino.
Castellá afirmou que as universidades optaron por un modelo mixto que non funciona, con accións procedentes do ámbito empresarial, mais mesturadas cos ámbitos colexial e burocrático. Preguntouse tamén se o modelo de negocio dunha universidade debe ser igual ao doutra, e respondeuse que non, xa que os obxectivos de cada institución son distintos. "O importante é ter claro os obxectivos, o seu seguimento para conseguilos e o sistema de información das universidades para controlar a calidade e a prestación do servizo", agregou.
"Os consellos sociais, os reitores, a administración autonómica, e tamén a administración central, debemos estar satisfeitos de onde chegamos, pero agora hai que marcarse novos obxectivos", concluíu.
Nenhum comentário:
Postar um comentário