01/12/2011

A banca europea recebeu 1'6 billóns de euros públicos entre 2008 e 2010



Nun mundo ficticio e sen proxectos o hiperconsumismo e os medios de incomunicación crearon xeracións de mozos que vivían comodamente instalados na pasividade. O hiperconsumismo mantíñase sobre un mar de débedas alimentado por unha banca irresponsábel até que a borbulla explodiu. Porén eses créditos foran concedidos sobre a base de diñeiro ficticio creando nas entidades financeiras un enorme buraco, criando desemprego, mal-estar e finalmente estados psicolóxicos de indignación en Portugal (movemento à rasca), no Magreb e nos estados árabes (a primavera árabe), no Estado español (o 15-m)... que nalgúns casos, como xa acontecera en Lationamérica, se traduciron en rebelión e desobediencia civil (Islandia e Grecia).

Pois ben, agora xa sabemos até que ponto o buraco negro creado polo afán de lucro da banca foi "socializado". Así, entre outubro de 2008 e decembro de 2010 a bancocracia europea, que agora obscenamente impón a súa ortodoxia ultraliberal até nas constitucións de estados teoricamente soberanos e instala gobernos "técnicos", recebeu 1'6 billóns de euros públicos, 13% do PIB da UE segundo dados publicados nesta quinta feira pola Comisión Europea (CE).

Ao tempo, o apoio á economía real faliu e en 2010 destináronse 11.700 millóns. Por outras palabras, é urxente e prioritario obrigar aos estados a facer recortes para pagar aos seus acredores (por débedas contraídas por resgatar aos propios acredores ou contraídas dun xeito irregular) e non relanzar a economía, o investimento público e frear o desemprego... Un panorama económico cada vez máis paralelo ao que propiciou o ascenso do fascismo en Europa.

Por se for pouco a CE non se move un centímetro da ortodoxia ultraliberal, aínda cando esta pode pór fin a Eurolandia. Así en 2012 continuarán coas axudas ao sector financeiro mentres que dan por rematado o marco de axudas aos sectores produtivos.  En contraposición, a axuda á industria e aos servizos foi de 61.000 millóns de euros, é dicir, 0'5% do PIB da UE.

Dos 1'6 billóns que recebeu o sector bancario, cáseque 1'2 billóns (10% do PIB da UE) destináronse a garantías estatais á financiación das entidades e a outras medidas de apoio á liquidez, tal e como indica a CE. Para alén disto, as institucións de crédito receberon máis de 400.000 millóns de euros en medidas de recapitalización e tratamento de activos para mellorar a súa solvencia. Amais, 58% do montante destas axudas circunscribiuse a bancos de tres estados: Irlanda (25%), Reino Unido (18%) e Alemaña (15%). Cabería preguntarse agora quen é que paga a festa de quen, cando o capitalismo do norte de Europa espalla entre a poboación dos estados nórdicos que as axudas a Grecia, Italia, Portugal ou o Reino de España son para pagar a "festa" en que o sur vivía.

Nenhum comentário: